Latinoamérica: «o can simpático dos Estados Unidos»

Latinoamérica: «o can simpático dos Estados Unidos»

Contábame un amigo que tiña un amigo castelán e garda civil que era moi «españoleiro» e eu pensei que o raro sería que fose todo o contrario e que esa esencia entraba dentro da normalidade.

Sirva esta «profunda» introdución para recapacitar das máis que normais e predicíbeis palabras do presidente peruano, Pedro Pablo Kuczynski (PPK), na Universidade de Princeton, cando asegurou que Latinoamérica é un can simpático para Estados Unidos: «Estados Unidos (EUA) se enfoca en aquellas áreas donde hay problemas. Como el Medio Oriente. No invierte mucho tiempo en América Latina pues es como un perro simpático que está durmiendo en la alfombrita y no genera ningún problema (...), pero el caso de Venezuela es un gran problema». PPK é o garda civil castelán desta historia. Arrepía achegarse á recente historia dos expresidentes peruanos. Coa excepción de Francisco Belaúnde, todos os demais están presos, en busca e captura ou con serios indicios de corrupción. Nesa «banda presidencial» peruana atopamos presidentes indíxenas e feitos a si mesmos como Toledo, de esquerda, como Alan García, fillos de clases populares inmigrantes, como Fujimori, ou orixinarios de clases medias sen ningún vencello co poder político ou económico coma Ollanta Humala: todos foron un calote.

,PPK encarna unha «esperanza branca» ao gusto de moitos, incluso da esquerda peruana da candidata Verónika Mendoza, que o preferiu e pediu o voto para el na segunda quenda electoral presidencial ante a posibilidade dunha vitoria dun mal peor: Keiko Fujimori.

Ten razón PPK na súa descrición de Latinoamérica como un can que non xera problemas coa excepción de Venezuela. Pero Venezuela non é un problema pola retórica antiimperialista nin socialista, nin guevarista nin chavista (con ou sen Chávez). Venezuela ten como principal comprador do seu petróleo a Estados Unidos, antes, con e despois de Chávez, e Estados Unidos ten como un fornecedor próximo e «seguro» a Venezuela. A seguranza futura que desexa EUA no fornecemento petroleiro no caso venezuelano é o «gran problema» do que falaba PPK para EUA.

Penso que Chávez tentou rachar con esa relación comercial e procurar novos mercados para o petróleo venezuelano, de maneira que fose máis críbel o seu discurso antiimperialista (un pouco coxo por esa relación comercial) e a súa fe (fóra de toda dúbida) nun mundo e nunha Latinoamérica máis libre e igualitaria; pero non foi posíbel a substitución do gran comprador do Norte.

Por suposto que Latinoamérica, durante todos os séculos XIX e XX, coa valente e honrosa excepción de Cuba, foi un lugar que non daba «problemas» aos Estados Unidos. A definición canina de PPK é extrapolábel á actual Unión Europea, pero nun sentido máis pexorativo, porque o que faltou na definición de PPK foi unha puntualización: cando dixo Latinoamérica, debeu dicir «gobernos latinoamericanos», porque o pobo latinoamericano sempre foi, e é, pola súa idiosincrasia, polas súas orixes, antiimperialista, algo moi afastado de moitos pobos europeos, aburguesados e acomodados nun benestar que os leva a meterse en xenocidios ou en comparsas agresivas do imperio.

Son insultantes as palabras de PPK? Si, pero o máis triste é que son verdade.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.