Kutxabank, o Batzokibank do PNV
Antes o PNV gobernaba as diferentes institucións vascas como si foran o seu batzoki particular [1]. Daquela podía presumir e presumía da súa boa xestión. Pensaba que ninguén lle ía arrebatar nunca o poder e que ninguén lle ía afear as súas contas; pero agora, despois de finar o apartheid imposto polo bipartidismo español e a irrupción de EH Bildu no escenario político fixo que saíran a luz os seus trapos sucios, quedando en entredito o tipo de país que desexa e esa boa xestión; a facilidade para chegar a acordos cos diferentes e a súa transparencia quedaron moi danadas.
Cando chegou EH Bildu a algunhas institucións que antes gobernaban eles, levantaron as alfombras baixo as que se agochaban varias irregularidades; descubriron que na maioría dos casos a súa xestión foi desastrosa, pero ese desastre aínda se verá mellor cando se rematen as faraónicas obras, inútiles e innecesarias, nas que o goberno de Iñigo Urkullu inverteu moitos millóns de diñeiro público; cando podamos facer un balance do despropósito que supón desperdiciar tanto de diñeiro e por permitir as infraccións en saúde laboral que se cometeron durante a súa execución ou por consentir deliberadamente a existencia de fábricas de formigón ilegais, porque seica traballan para un proxecto de carácter estratéxico como é o TAV (Tren de Alta Velocidade).
Deben entender que a legalidade depende do negocio estratéxico que teñan os seus amigos nas canteiras e non das necesidades e infraestruturas necesarias para ao benestar da sociedade, polo que mentres recortan gastos de primeira necesidade gastan o diñeiro en aventuras polas que agora están acusados de malversación de fondos públicos e outras anomalías: nas autovías de Gipuzkoa polo chamado Plan Bidegi; na subvención de 17 millóns para o coche eléctrico Hiriko e na construción do coche Epsilon de Fórmula 1, que tamén foi outro disparate no que inverteron inutilmente outros 45 millóns de euros de diñeiro público durante o último mandato de Ibarretxe, por citar solo uns cuantos.
Como tamén aquí está de moda dilapidar todo o público para maior gloria dos especuladores, anda agora a chamada troika vasca (PNV, PSE e PP), coa colaboración do sindicato español CC.OO, na teima de privatizar Kutxabank, que é o froito da unión da Bilbao Bizkaia Kutxa, da Kutxa de Gipuzkoa e da Vital Kutxa de Araba. Con esta intención xa viñan traballando desde fai anos os militantes do PNV, Mario Fernández, Xabier Sagredo e Xabier Iturbe, os homes de preto, que forman o lobby económico de presión interna no partido, para converter as centenarias caixas públicas nunha fundación bancaria na que poida entrar até un oitenta e cinco por cento de capital privado, quedando so o quince de control público: A compra de CajaSur e a nefasta política de expansión fixeron que se chegara a este punto. Na Vital Kutxa, por aquelo de que o PP é a forza maioritaria na Deputación de Araba encargouse Fernando Aránguiz de levala polo mesmo camiño.
Este roubo da obra social e dos aforros dos traballadores e traballadoras vascas para pasalos a mans privadas supuxo un debate social no que, por falta de argumentos, non quixeron entrar os seus defensores. Non queren debater sobre a idea de facer un banco público porque incluso senten certa vergoña de que se saiba o seu propio programa antisocial e a súa ideoloxía neoliberal. Limítanse a dicir que EH Bildu utiliza este tema para a axitación e a propaganda e que non fan mais que politizalo, como si o caso das caixas non fora un tema político.
Ao non haber unanimidade, debido a oposición de EH Bildu, ELA e LAB, coa intención de facelo todo dun xeito moi democrático artellaron unhas normas sui generis para levar a cabo a votación na asemblea da BBK: Prohibido absterse, non asistir ou votar en contra, xa que non votar afirmativamente implicaría unha multa de 500.000 euros como mínimo e un tempo determinado de inhabilitación para ocupar cargos públicos relacionados coa banca. Así que o pasado 30 de xuño, mentres a xente protestaba as portas do edificio da BBK custodiado pola Ertzaintza, levaron a cabo a “democrática” asemblea na que estiveron presentes 71 de 80 conselleiros, votando 61 a favor emitidos pola troika e CC.OO; 8 en contra (EH Bildu, ELA e LAB), unha abstención “en conciencia” dun delegado do PSE e un que non votou. A pesar de presumir de transparencia nas súas declaracións, era a primeira vez que tamén se lle prohibía a entrada aos medios de comunicación. Polo de agora o das multas parece que quedou en nada e que foi mais ben para intentar coaccionar aos díscolos.
Tamén a Vital Kutxa celebrou ese mesmo día en Gasteiz a asemblea correspondente, aprobándose a súa disolución por 45 votos a favor, 11 en contra e 10 abstencións.
Aínda que dicían nos seus estatutos que era para despolitizar a xestión das caixas e facelas mais profesionais, polo que os altos cargos non podían pertencer a partidos políticos, ao rematar a votación empezaron a repartirse os postos, porque esta privatización tamén sirve de “porta xiratoria” ou “cemiterio de elefantes” para colocar a destacados dirixentes que xa cumpriron a súa función no partido, polo que na BBK correspondéronlle dez postos ao PNV, tres ao PSE, un ao PP e outro a CC.OO; mentres na Vital Kutxa oito serán do PP, catro do PNV e tres do PSE, pero este partido ten pensado cederlle un a CC.OO.
Onde aínda non se celebrou a asemblea foi na Kutxa, quezas polo medo a forza con que conta EH Bildu en Gipuzkoa. Será por iso que o PNV non utiliza o mesmo criterio que nas outras dúas e propuxo nas Xuntas Xerais da Deputación que sexa esta institución a que elixa ós 15 membros do padroado da fundación bancaria en función da representación, pero algo cheira mal, porque si esa proposta é tan boa para a Kutxa porque non a presentaron en Araba e Bizkaia?
O que está claro é que estes defensores do neoliberalismo odian tanto os servizos públicos que queren privatizar até o arrepentimento dos presos e por iso esixen que o fagan ante notario.
[1] Sedes políticas e sociais do PNV. É un lugar para reunirse e por iso, ademais de contar con oficinas e salas de reunións, solen dispoñer de servizos de bar e restaurante.