Kandido Saseta, comandante do Euzko Gudarostea
Os herdeiros ideolóxicos e fillos dos vitimarios alporizáronse porque, mentres eles viven na abundancia que lles dá o poder repartir en sobres o que lles sobra e recortando soldos e servizos aos que non nos sobra nada, o Axuntamento de Donostia e a Deputación de Guipuzkoa acordaron destinar 50.000 euros para recuperar os restos dos case cen corpos de gudaris enterrados a mediados de febreiro de 1937 nunha fosa común no chamado Pradón dos Vascos da localidade asturiana de Areces. Tivo que chegar o nacionalismo vasco de esquerdas a gobernar esas institucións para honrar a súa memoria, despois de 76 anos de abandono por parte dos anteriores rexedores.
En marzo de 2008 a sociedade Aranzadi atopou os restos do comandante Kandido Saseta ao borde dun camiño cerca do Pradón dos Vascos, chamado precisamente así porque nel están enterrados; tanto os que morreron coas armas na man como os que se atopaban no pazo de Areces, convertido en hospital de campaña, no que foron masacrados, a golpe de baioneta, todos os milicianos alí convalecentes das feridas da desigual batalla que libraron contra as tropas franquistas. Desde aquela os donos daquelas terras deixaron de labralas e quedaron a pasto, porque os arados levantaban os osos dos gudaris alí enterrados obrigatoriamente polos veciños baixo atenta mirada dos fascistas. O seu cadáver puido ser exhumado grazas ao interese da familia en trasladalo a súa patria e a memoria dos veciños que lembraban o sitio onde enterraran a un dos poucos milicianos que levaba uniforme e tiña galóns de comandante.
Saseta era a figura militar mais importante da resistencia vasca. Naceu en Hondarribia o 13 de decembro de 1904 e era capitán do exército español, pero cando xurdiu o golpe de estado franquista atopábase en Gasteiz intentando entrar no Corpo de Miqueletes. Foi daquela cando desertou do seu cuartel, xa que os mandos maioritariamente se decantaran favorables aos alzados, pasándose as filas republicanas. A súa pertenza ao exército español fixo que houbera moitas reticencias entre os anarquistas, comunistas, socialistas e outras forzas opostas ao alzamento. Desconfiaban de que fora un infiltrado e da súa lealdade ao bando republicano, pero este receo rematou cando todos os combatentes antifascistas o fixeron seu, converténdose para todos nun símbolo de seguridade. A constatación da súa grandeza é o que escribiron sobre él os libertarios da CNT do Norte, os sabinianos de Euzkadi, o comunista Euzkadi Roja, o ekintzale de ANV Acción Vasca ou o Patria Libre dos independentistas do Jagi-jagi. Todos eles, a pesar da diverxencia ideolóxica, enxalzaron a súa figura de militar e de líder.
José Antonio Aguirre e Telesforo Monzón, que foi o fundador do Euzko Gudarostea (Exército Vasco) e Conselleiro de Gobernación do Goberno Vasco, obedecendo o mandato do Goberno de Madrid, ordenáronlle trasladarse a Oviedo, algo co que Saseta non estaba de acordo. Kandido pensaba que el e os seus milicianos debían quedarse a defender Euskal Herria, pero a súa lealdade, o compromiso co pobo resistente e a súa disciplina levouno a acatar unha orde contraria a súa vontade.
Chegou a Asturias ao mando das compañías do Exército Vasco trasladados alí en autobuses para acabar coa bolsa de resistencia fascista radicada en Oviedo. Contaba coa Compañía Amaiur, do PNV; a socialista, UGT2 do Norte e Eusko Indarra, de EAE-ANV. Flanqueada polas outras dúas, puxo a esta última como vangarda debido a mellor preparación militar e porque lle inspiraba mais confianza. O perigo estaba en que algunha delas non resistira e abandonara sen orde a súa posición como despois sucedeu coa UGT2, que fuxiu en desbandada e fixo que a retirada fora moito mais dramática que a propia batalla.
El intenta salvar aos seus homes da rateira en que os meteran, pola precariedade de medios e a superioridade do inimigo, xa que os facciosos estaban situados nun alto cerca de Areces, con unha liña de tiro superior e apoiados pola aviación e por artillería pesada da que eles carecían. Para elo tivo que ir tres veces desde o posto de mando a fronte, a un lado e outro do río Nalón, até que un disparo dun francotirador rematou coa súa vida. Como testemuña da precaria situación en que se atopaban pode servir unha nota escrita por un gudari desde a trincheira, a lapis e nun papel de envolver, dirixida a Tomás Mitxelena, presidente do Comité Nacional de ANV: Xa podiades habelo pensado mellor ao meternos neste fregado. Estamos faltos de todo tipo de vituallas, munición, calados até os osos, rotos fisicamente polo esforzo continuo, sen comer de quente, a veces sen nin sequera comer, e con unha presencia permanente en primeira liña que estamos pensando xa que esta ditosa guerra declarouse unicamente para exterminarnos a todos nosoutros, aos militantes de Acción.
Segundo o amigo e historiador vasco, Eduardo Renobales, Saseta manifestou en diversas ocasións a súa aposta pola independencia: Desde o primeiro día o Goberno Vasco chamoume para unha cousa independentista, non autonómica. O seu pensamento liberador queda claro no seguinte parágrafo: A nosoutros correspóndenos agora demostrar aos rebeldes a nosa determinación de ser libres. Si saímos derrotados, a próxima xeración levantará en alto a ikurriña e continuará a batalla pola liberdade que nosoutros empezamos. (...) Desde que me fixen cargo de organizar o Euzko Gudarostea insistín sempre aos nosos líderes que sen perder mais tempo fundemos a República Vasca. Non puido ver cumprido o seu soño, pero as ansias de liberdade en Euskal Herria e nos outros pobos peninsulares, aínda que en Galiza haxa algún dirixente nacionalista que diga que non é o momento, seguen medrando grazas a xentes como Saseta e outros tantos aos que os fascistas cortaron as ansias de democracia e liberdade.
Fan ben en desenterrar a memoria depositada nos osos daqueles loitadores pola liberdade, porque, como dicía Castelao: non enterraron cadáveres senón semente de heroes, que xermolan na alma do pobo, por moito que se enfaden os fascistas de hoxe e pensen que sería mellor entregarlle ese diñeiro a banca, a Bárcenas, ou o xenro do cazador de elefantes.