José Saramago, a Reforma Agraria e outros Romances

José Saramago, a Reforma Agraria e outros Romances

Era xullo de 1989 e no Mosteiro da Rábida (Huelva), daquela sede da denominada "Universidad Hispanoamericana de Santa María de la Rábida" asistía a un curso de verán xunto a compañeiros da Escola de Peritos de Lugo, casualmente había un outro curso na mesma semana e no mesmo local sobre literatura e cultura portuguesa, non lembro o nome exactamente, o que si me lembrei foron de 2 alumnos galegos, concretamente Lois Xosé Pereira[1] e Elías Torres Feijó[2], e que o director do curso era un tal José Saramago, con aqueles paisanos meus introducinme nos debates e teorías sobre a lingua e os vencellos con Portugal, anécdotas aparte, o recentemente finamento do escritor, e por agora único Premio Nobel representante da literatura lusófona , deume pé a facer algún modesto aporte que teña algunha utilidade práctica para nos.

Resulta "simpático" que entre as moitas e innumerables loubanzas mediáticas que recibiu Saramago se "esquecera" sistematicamente a súa condición de (re)-coñecido intelectual militante de filiación comunista, semella que despois da guerra fría só son intelectuais os anti ou ex-comunistas. Mais non era meu propósito facer mais outra nota necrolóxica mais ou menos (in)correcta, nen desde logo facer unha valoración política ou moral das súas moitas obras, se non facer lembranza dalgún aporte concreto do seu traballo en termos de análise social e pedagoxía sobre a historia da toma conciencia das clases populares diante das falsas ideoloxías e consensos que impón a orde económica capitalista.

Precisamente entre tanto xornalista biógrafo do escritor finado apenas se cita a súa obra que lle deu recoñecemento definitivo á súa relativa tardía vocación de escritor que foi "Levantado do Chao"[3], escrito en 1980 e que é un romance ambientado nas terras de latifundio no Alentejo en que o autor encarna un imaxinario Narrador situado nunha certa dimensión atemporal e que enxerga varias xeracións de esforzados e sometidos habitantes dos dominios señoriais, mesmo desde que un primeiro cabaleiro feudal de orixe xermánica alá polo século XV toma pose de terras e xentes ...con descarnada ironía e certa rexouba (dá para carraxe, chorar e rir) non deixa ningunha concesión a visións naturalistas ou conformistas coa denominado paisaxe rural.

Comezando por un episodio carregado de forte simbolismo, a violentación dunha muller por un primeiro señor medieval ata chegares a toma de consciencia gradual por parte de varias xeracións dunha familia (Os Mau Tempo) desde o sometemento á loita sindical e política que remata na Revolución dos Cravos. E tamén a lembranza da Reforma Agraria que foi, puido ser, e aínda non foi de todo, efectivamente en 1975 e baixo o mandado do Ministro de Agricultura e Pesca Fernando Oliveira Baptista[4] foi deseñada a reordenación produtiva de amplas areas de latifundios e que chegou a acadar a mais de un millón de has nas denominadas "Unidades Colectivas de Produção", unha especie de cooperativas xestionadas polos traballadores agrícolas., foi se callar o fito que mellor expresaba as ilusións e posibilidades da Revolución dos Cravos, sinalaba o devalo a séculos de dominio señorial feudal-capitalista na terra con independencia de reis e repúblicas, aconteceu despois que nun pais daquela integrado na NATO e co problema do arranxo colonial pendente e unha veciña ditadura aínda moi viva non daba para moitas brincadeiras. No 76 é que se organizou unha forte reacción contrarrevolucionaria e o boicot consecuente polas elites económicas fixo recuar as metas da Reforma Agraria, a día de hoxe aínda quedan algunhas das UCPs orixinarias e os comunistas da CDU[5] seguen a gobernar varias "Câmaras Municipais" no Alentejo.

Lembrar que vastas extensións do planeta aínda están formados por latifundios que mais tarde ou cedo deberan ser reformados xa que é de lóxica evolución histórica a súa desaparición, non será sen loitas e mesmo sangue. Curiosamente na Andalucía o PSOE saca en 1984 unha pseudo-reforma agraria para dar saída aos movementos reivindicativos dos xornaleiros, a cuestión segue en pé e explica moito dos profundos desequilibrios crónicos da estrutura económica en termos de distribución da renda e emprego da dita Comunidade.

"Levantado do Chao" non é un romance calquera, introduce a súa autoría unha singular forma de enredar a narración e os protagonistas narrados de xeito aparentemente informal, mais sen deixar nunca tapadas as entrañas da xénese da inxustiza social e a vontade emancipatorias de moitos protagonistas integrantes das clases populares na medida que se recoñecen como tales e non un mero accidente fatal da historia, todo nun proceso xeográfico-histórico concreto.

De certo aproveito para que se no estío hai oportunidade, aparte do libro citado, recuperar o hábito de ler outros romances histórico sociais que entre outros poderían ser: "San Jorge dos Ileus" de Jorge Amado (Ambientada no nordeste brasileiro de comezos do século XIX), "A Terra" de Emile Zola (ambientada na Francia do Baixo Imperio do S XIX) ou "Porca Terra" de John Berger (unha relativa metáfora amarga de realismo máxico sobre a historia recente do século XX dos campesiños na Alta Saboia).

Estes catro libros entendo que foron escritos por autores que xuntaron unha alta técnica narrativa, conseguen transmitir épica e grandeza aos subordinados, coa preocupación moral sobre as inxustizas da orde establecida ou as desordenes que provocaba a evolución do capitalismo nas sociedades rurais, habería moitas obras mais, teriamos de repasar a nosa literatura ao respecto, son apenas unhas suxestións.


[1] Profesor de Lingua Galega e Escritor
[2] Filólogo, Sociolingüista e Investigador Galego
[3] Pódese descarregar o romance en http://www.linksole.com/71nhzr
[4] Que tiven a sorte de coñecer de perto no seu desempeño como Profesor de Economía Agraria no Instituto Superior de Agronomía xunto a outros grandes colegas portugueses, brasileiros e africanos.
[5] Coaligação Democratica Unitaria (Integrada polo PCP e outras forzas de esquerda)