Israel asasina a varias persoas e a administración Obama, máis unha vez, lamenta pero non condena ao seu socio

Israel asasina a varias persoas e a administración Obama, máis unha vez, lamenta pero non condena ao seu socio

A actuación do exército israelí asasinado a 16 persoas en augas internacionais amosa unha vez máis a brutalidade do réxime sionista, cunha actuación que se pode cualificar claramente como terrorismo de estado, e a complicidade dos Estados Unidos con todas as actuacións israelís.

Nesta ocasión non se pode falar de ataque preventivo, ao ser público e notorio que os barcos atacados formaban parte da Flota da Liberdade e nin levaban armas nin estaban tripulados por guerrilleiros palestinos. Os seis barcos nos que viaxaban varios centos de membros de ONGs, intelectuais e deputados transportaban dez toneladas de material de construción, equipos médicos e produtos básicos con intención de axudar aos habitantes da franxa de Gaza; esta información era pública ao igual que se sabía que Israel tiña intención de interceptar os buques. Por tanto as denuncias feitas polo exercito israelí de que só respostaron ao ataque de membros de Hamás e Al Qaeda non as cree ninguén.

,A Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez quere amosar a súa máis firme condena a este ataque israelí contra inocentes e á estratexia de provocación dun estado que a cada pouco se salta a legalidade sen que até o momento nin as Nacións Unidas nin a comunidade internacional adoptaran medidas máis alá das lamentacións, actitude que amosa as dúas varas de medir que algúns empregan, pois nos últimos meses temos asistido a sucesivas condenas internacionais contra Irán sen que producira un feito de tal gravidade, e o mesmo podemos dicir das noticias publicitadas amplamente en medios occidentais na última semana sobre unha suposta actitude agresiva de Corea do Norte para co seu veciño do sur.

Esta nova agresión israelí prodúcese a poucos días dunha importante reunión que se ía celebrar en Washington entre o goberno israelí e a autoridade nacional palestina, e como non cremos nas casualidades vese ás claras que Israel poñendo novos mortos enriba da mesa busca paralizar calquera tipo de acordo que puidera permitir avanzar ao pobo palestino na consecución da súa plena autodeterminación e voltar a crear unha situación de violencia e tensión na zona. Para a Fundación Bautista Álvarez é necesario traballarmos desde a Galiza para reforzar a solidariedade internacionalista con todos os pobos do mundo, onte co cubano, hoxe co palestino.