Islamofobía: o antisemitismo do século 21

Aínda que desaprobo o atentando de Charlie Hebdo e a matanza no supermercado parisiense, acho que, como no caso de ETA, non debemos ceder á chantaxe da reacción de proclamar a nosa repulsa sen máis. Non abondan as simples condenas nen resultarán eficaces as proclamas de “guerra contra o islamismo radical” (Valls dixit) para impedir que se volva producir, pois a “guerra contra o terrorismo” non fixo máis que agravar a situación internacional. Polo contrario, hai que indagar nas verdadeiras causas profundas para chegar a verdadeiras solucións duradouras.
É claro que, para conter o proletariado nos respectivos estados ‘occidentais’, o capitalismo –e, na súa fase superior actual, o imperialismo– precisa da exploración (neo)colonial dos países dominados mediante a pillaxe dos seus recursos naturais (gas natural e petróleo, diamantes e coltan...) e humanos (deslocalizacións na procura de mao de obra barata...), ao mesmo tempo que procura un bode expiatorio para desviar @s traballador@s e as masas populares co fin de @s aglutinar ao redor da defensa dun Estado burgués cuxos intereses de clase non coinciden cos seus. Chegamos así ao noxento espectáculo da capitalización da lexítima (aínda que mal dirixida) raiba popular por parte d@s xefes de Estado do mundo que máis sangue teñen na súas mans, ou o d@s deputad@s franceses cantando a Marsellesa en unísono no Hemiciclo por vez primeira desde 1918. Hoxe, o refrán “Marchemos, marchemos! Que un sangue impuro bañe o noso solo!” cobra un significado moi particular à luz da declaración aberta de guerra lanzada polo primeiro ministro galo.
O alleo –o estraño– é sempre un inimigo de predilección: xa pasaron polo aro os xudeus (expulsados da España moito antes do holocausto nazi), os ‘rusos’ (para contrarrestar o vento de liberdade que soprou coa Revolución de Outubro) e @s cigan@s. Hoxe por hoxe, o mellor candidato a ser o ‘novo inimigo entre nós’ que se leva tramando subrepticiamente desde hai varios anos é a comunidade musulmá, que encarna a histórica ‘ameaza’ de oriente, como se a estas alturas a cultura humana se puidese reducir a un binomio antagónico tan simplista e como se o islam non desempeñase un papel central na conformación da Europa.
Non son amigo do islam, como non son amigo de ningún credo, pois considero a relixión un fenómeno que lastra o progreso humano e a súa emancipación social. Con efeito, à vista dos pronunciamentos de varios membros da súa hierarquía, estou certo de que o cristianismo organizado xa non actúa do mesmo xeito non por obra da propria Igrexa, mais grazas ao aumento da racionalismo e o humanismo e da separación da igrexa e do Estado. En todo o caso, para manter a ecuanimidade, cabe recalcar que, no período actual, o islam fica lonxe de ter o monopolio da violencia relixiosa, como demonstran os seguintes exemplos:
1976 e 1982: Os masacres de refuxiad@s palestinian@s en Tel al-Zaatar (3.000 mortos) e Sabra e Xatila (2.000 mortos) a mans da milicia de cristiáns maronitas
1994: A matanza de 29 musulmá/ns no Túmulo dos Patriarcas en Hebrón perpetrada por un simpatizante do partido extremista Kach
2009: Un activista antiabortista cristián mata o médico George Tiller en Kansas
1970-2013: Varios atentados perpetrados nos EUA e na Franza pola Liga de Defensa Xudía (legal na Franza)
2007: Terroristas hindús matan 14 musulmá/ns nun atentado nunha mesquita de Hyderabad (India)
2012: Monxes budistas matan 200 civís musulmá/ns en Mynamar
,
Non se pode obviar que, en varios países con maioría musulmá, a situación da muller é execrábel, coa lapidación de mulleres acusadas de adulterio, mutilación xenital (fenómeno cultural e non relixioso estrito sensu), casamentos arranxados forzosos mesmo con menores (non sempre), dependencia total dun varón (pais, marido, irmán)... Mais ollo! Tamén son moit@s @s musulmán/s que condenan estas prácticas.
Por outra banda, non esquezamos que varios destes fenómenos tamén formaban parte das prácticas habituais na sociedade ‘occidental’ até non hai tanto tempo e aínda hoxe a situación dista moito de ser perfeita: ausencia de mulleres nos postos de mando, salarios máis baixos e exclusión do proceso produtivo, por non falar das mulleres asasinadas (6 mortes na Galiza e 48 e todo o Estado en 2014). Dúas caras da mesma moeda.
E non esquezamos que, por moito que se empeñen en nos convencer do ‘choque de culturas’ entre o islam ‘medieval’ por un lado e os ‘progresistas’ valores xudaico-cristiáns por outro, estas tres relixións proveñen da mesma tradición abrahámica. Así, por exemplo, a Biblia (Deut. 22:13–21) sentenza con morte por lapidación as mulleres que non son virxes ao casaren (Cfr. Mateu 5:17). Quen estiver sen pecado, que tire a primeira pedra! (Xoán 8:7).
E todo isto sen falar da hipocrisía do imperialismo ao utilizar a real e brutal represión da muller como escusa para encobrir os seus actos de barbarie e conquista xeoestratéxica: ao tempo que critican a situación da muller no Afeganistán sob dominio dos talibán (os mesmos que financiaron e armaron no seu día), as potencias occidentais non dubidan en aliarse co Paquistán ou a Arabia Saudita. No entanto, o mito persiste e foméntase: todas as mulleres musulmás levan ‘burca’ e andan en manada detrás do seu marido como gando, podendo ser trocadas por un par de camelos. Para occidente non é que o feminismo islámico non exista, é que non pode existir! Resulta cando menos curioso tamén que na Franza a prohibición do veo se fixese sob pretexto de non tapar a cara, para non ter que perseguir a ostentación doutras crenzas relixiosas como, por exemplo, o quipá xudeu.
É esencial fuxirmos tamén da amalgama reducionista e fondamente errónea –mais interesadamente propagada– que se fai entre ‘árabe’ e ‘musulmán’, xa que non tod@s os árabes son musulmáns (hain@s cristiá/ns, xude@s e tamén ate@s), nen tod@s os musulmá/ns son árabes. Mesmo, nen tod@s @s ‘árabes’ son ‘árabes’, pois, sen ir máis lonxe, @s magrebís son african@s...
Máis perigoso aínda é o confusionismo que se promove entre ‘musulmá/n’ e ‘inmigrante’. Así, ouvimos na radio e na televisión que se non gostan dos ‘nosos’ (de quen?) costumes, como, por exemplo, non comer carne de porco nos comedores escolares (o mesmo que no xudaísmo, mais seica isto non supón un problema social da mesma magnitude), “que volvan por onde viñeron”. Ora, o problema é que, especialmente no caso da Franza debido ao legado do seu pasado colonial recente, de onde viñeron na súa maioría é dos bairros populares da Franza. De feito, as cifras revelan que o número de persoas de orixe magrebí nascidas na Franza (portanto non inmigrantes) é moi superior ao número de inmigrantes magrebís. Por exemplo, segundo as cifras correspondentes ao 2005, case 64% das persoas de orixe alxeriana (non tod@s el@s musulmá/ns, practicantes ou non) nasceron na Franza. Convén lembrar tamén que a Alxeria foi un departamento francés até 1962, polo que as mais e os pais da maioría destas persoas ‘de orixe alxeriana’ tamén non eran inmigrantes.
No canto de criminalizar este colectivo, e sobretodo a xente xoven, sería moito máis intelixente tentar dilucidar cais son as razóns que empurran unha parte del@s, excluíd@s da sociedade francesa à que de direito pertencen, a se refuxiaren na relixión proscrita até o ponto de cometeren atentados.
Está ben querer defender a liberdade de expresión e a democracia, mais onde estaban a cobertura mediática internacional e as declaracións dos xefes de estado do mundo ante a multitudinaria manifestación do grupo racista e islamófobo PEGIDA en Dresden poucos días antes do atentado de Charlie Hebdo? Canta xente e cantos cargos políticos acudiron à manifestación contra o racismo e a islamofobía celebrada en París o 18 de xaneiro?
A min chéirame que, nestes tempos de crise e rebelión, non é máis que unha artimaña para acadar o consentimento popular incondicional ante a necesidade que ten o imperialismo de restrinxir aínda máis as liberdades co pretexto paradoxal de salvagardar as liberdades face a un inimigo en parte ficticio e en parte criado por este mesmo imperialismo.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.