Indignados e indignacións no mundo da farsa

Indignados e indignacións no mundo da farsa

Estamos a ben poucos días, unha ducia apenas, do primeiro aniversario da bárbara e desproporcionada destrución do campamento de Gdeim Izik como contestación ao espírito de protesta cidadá e rebeldía cívica do pobo saharauí que pedía un recoñecemento de dereitos basicamente negados pola súa condición de nativos do país, política e socialmente relegados na súa terra en base á dominación despótica dos seus conquistadores marroquinos. Un episodio aínda pendente dunha valoración e información pública fidedigna que ningunha autoridade se preocupou de reclamar e difundir.

Un acontecemento que moitos analistas teñen situado na vangarda da revolta dos indignados que recorreu e segue a percorrer o norte de África e os países islámicos do Golfo provocando mortaldade e convulsións políticas de consecuencias aínda por definir e que hoxe nos ten regalado, na mellor tradición burlesca, a tráxica e indecente mostra carnavalesca, auspiciada pola OTAN, da exhibición do corpo morto de Mohammed Gadafi, encarnación simbólica da derrota da maldade no mundo a cargo da lexión anxélica integrada por forzas aéreas da coalición militar europea e estadounidense e milicias terrestres do Consello Nacional de Transición libio, alianza resultante dunha forte contestación cívica antesala desta "revolución" de consecuencias descoñecidas e froito dun complexo entrelazado de intereses que pouco ou nada teñen que ver co pobo libio. Antesala dunha futura conmemoración que manterá aínda aromas esvaídos das esperanzas que aqueles levantamentos espertaron e que a teimosa realidade cotián se nega aínda a reafirmar e confirmar. E iso, quizais, porque o mundo se constrúe día a día e non a partir do ritmo improvisado por un conxunto de datas dotadas de especial transcendencia e significación.

E que precederán ao recordatorio, do primeiro aniversario da contestación que toma as rúas das cidades do Estado español, que se reproduce, multiplica e universaliza no mundo desenvolvido, deixando en evidencia as enormes lagoas e contradicións que existen na construción política dos Estados democráticos e as desproporcionadas accións dunha orde económica depredadora e acaparadora que atenta progresiva e perigosamente contra a dignidade e ata as condicións de subsistencia de sectores crecentes de poboación, significativamente xuvenís ou próximos a rematar a súa vida laboral, cando non pensionistas ou dependentes, situándoos ao borde da exclusión e da marxinación social. Un fenómeno de caracteres difusos e indefinibles que os medios de comunicación tenden a presentarnos como un inútil luxo dunha sociedade farturenta ou a promisoria esperanza de que outro mundo e posible neste mundo.

Tres acontecementos diferenciados pero coincidentes no tempo que poden ser interpretados conxuntamente como evidencias dun descontento cidadán contra os poderes públicos. Froitos dun idéntico, se ben diferenciado, rexeitamento contra os respectivos modelos de convivencia por parte de sectores crecentemente desvencellados dos seus sistemas políticos de referencia, calquera que sexa a natureza dos mesmos, e que cuestiona a nada discutida saúde do modelo democrático e dos seus actores e axentes políticos. A menos que teñamos tendencia a acreditar na capacidade como analista do enviado especial da Unión Europea para o sur do Mediterráneo (sic.) Bernardino León Gross para quen a mobilización popular en Marrocos é liderada e propugnada polo Monarca e o seu goberno nunha pirueta verbal máis próxima dun exercicio de prodixioso equilibrismo quedas manifestacións dun moi reputado diplomático e negociador a nivel internacional.

Qué futuro albiscar deste presente

E unha vez cheguen e rematen as conmemoracións... ¿Qué nos espera?... ¿A transformación deses vieiros de esperanza en autopistas para a transformación sociopolítica do primeiro mundo?... ¿A construción dun único modelo político eurocéntrico e mediterráneo?... ¿Unha realidade politicamente inestable e máis favorable aos intereses occidentais e á penetración do capital e do mercado?... ¿A entrada nunha nova recuperación económica para un sistema socioeconómico crecentemente desigual?... ¿A mera consolidación dunha contestación política que esixa e obrigue a novos pactos?...

,Coido que é xa tempo de que fagamos balance dos custos do pouco conseguido e das posibilidades do moito por facer.

E non serei eu quen negue a lexitimidade á explosión dos indignados que, si en algo me decepcionan, é no seu número que, dende o asombro, xulgo como demasiado escaso para o deterioro real da convivencia e dos dereitos dos asalariados; nin o que desprece e devalúe o enorme caudal de ilusións e esforzo depositado polos participantes nesta ansia de revolta. Nada máis lonxe da miña vontade e intencións.

Pero tampouco quero que ninguén espere de quen se nega a pechar os ollos para soñar un heroísmo ou exaltación dun proxecto indefinido e caracterizado máis polo rexeitamento do existente que pola elaboración de alternativas, máis posibilistas ou máis radicais. Dos soños desaforados, cheos de flores e "maría", duns pais prestos a venderse por un montón de pratos de lentellas e que non aspiraban a transformar a sociedade, como dicían, senón a reclamar máis protagonismo e beneficio persoal saen as pesadelos dos nosos fillos. Eles son os responsables dun mundo cobizoso e cruel onde todo o que non é negocio se converte en ficción. Porque este estado de cousas ten máis responsables irresponsabilizados dos que parece.

E xa se aprestan os cambios de maquillaxe e atrezzo que encubrirán as nosas vergoñas. E que deixarán sen efecto as xustificadas reclamacións dos indignados...

Vós preguntaredes como...

O seu potencial fondamente emocional e solidario pasará a ser capitalizado por un liderado colectivo negociador, predisposto a pactar polo seu recoñecemento social. Ou as propostas máis contestatarias serán marxinadas na busca de solucións posibilistas. Ou se pretenderá unha radicalización que facilite a resolución do conflito pola vía da actuación represiva das forzas da orde.

Pero, por riba de todo, o espírito da protesta esmorecerá porque aínda unha grande maioría dos desherdados aspiran a vivir confortablemente das migallas dos enriquecidos para quen o seu enriquecemento se multiplicará de forma exponencial nun próximo futuro con independencia de crises e naufraxios. Eles serán, xa están sendo, os primeiros sustentadores do actual estado de cousas servindo como coro entusiasta das minorías privilexiadas.

Unha maioría social que ilusoriamente aspira a integrarse na elite e que vive facendo fe nos decrépitos idearios dunha ilustración mesiánica convertidos en slogans publicitarios: os poderes os detentan os corpos lexislativo, executivo e xudicial... e a prensa. Ou aquel que identifica ao estado coa vontade maioritaria no seo dunha sociedade de cidadáns libres. Ou a insistencia nunha educación necesaria para a liberdade... ¡como non sexa a de venderse ao mellor postor! Demasiadas lerias repetidas sempre con máis golpes de bombo no estribillo. Vaites, vaites...

Da mesma maneira que me decepciona unha humanidade capaz de aldraxar un corpo humano morto con idéntica ferocidade que tortura a un desvalido ser vivo e, iso si, con maior publicidade, non deixa de parecerme representativo o tratamento dado polos medios e os ecos reflectidos nas redes informáticas polo falecemento de Steve Jobb convertido en modelo icónico de referencia. Fillo dunha familia fracasada e desestruturada, froito dun mundo irresponsable e hedonista, crece sen poder facer outra cousa que reproducir as súas circunstancias persoais enxendrando unha crianza a quen non recoñece por anos. Brillante pero obsesionado polo éxito, entrégase a unha serie de exitosos proxectos mentres crece a súa fama, non sei si xusta, de home ambicioso, desprezativo e despiadado a quen absolven os seus éxitos e a súa incalculable fortuna de 7 billones (si, liches ben) de dólares que o fan tan só o 110 no ránking dos billonarios. E menos mal que a natureza non lee os medios de comunicación e a todos nos iguala na indesexable enfermidade, estado necesario para a existencia da vida porque senón podería chegar a asegurarse unha vida a perpetuidade. Ela é a que o humaniza e non os seus éxitos tan beneficiosos para si mesmo como para a sociedade. En ningún lugar teño lido que gañar 7 billóns de dólares, que non podería desfrutar aínda que tivese a privilexiada oportunidade de vivir sete vidas como din dos gatos, sexa en si un delito contra a humanidade. E o é.

Saiban os aldraxados, saharauís, árabes en xeral, occidentais que as súas angurias non rematarán indemnes, si é que rematan, sen pranto e sen quebranto.