Impresións dunha viaxe a Viet Nam

Impresións dunha viaxe a Viet Nam

Mañá 2 de setembro cúmprense 70 anos da lectura por parte de Ho Chi Minh da Declaración de Independencia do Viet Nam diante de milleiros de persoas na Praza Ba Dinh na cidade de Hanoi , unha declaración que significaba o primeiro paso cara a creación do actual estado vietnamita, a República Socialista do Viet Nam, e unha declaración que non foi aceptada polos imperialistas franceses e norteamericanos que durante 30 anos máis tentaron de impedir que o pobo vietnamita puidera decidir sobre o seu futuro e gobernarse.

Había xa tempo que tiña interese en visitar este pequeno país do sudeste asiático, un interese non sei se era debido á lectura adolescente daquel Xornal de Prisión de Ho Chi Minh traducido por Neira Vilas, ao montón de películas e series sobre a guerra do Viet Nam que voluntaria ou involuntariamente vimos ao longo da nosa vida ou á impresión na nosa retina das paisaxes da Baía de Halon que aparecen na película Indochina do director francés Régis Wargnier e protagonizada por Catherine Deneuve.

E neste pasado mes de agosto tiven a oportunidade de coñecer Viet Nam nunha viaxe que non permitindo profundar polo miúdo na realidade do único pobo que foi quen de vencer a tres dos membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas (EEUU, Francia e China) si que me deu a oportunidade de achegarme á súa realidade e de tirar unhas pequenas impresións que non sendo científicas senón totalmente persoais e intransferíbeis, cando menos para min son de moita utilidade.

A populosa Hanoi cos seus millóns de motos nas que por norma poden ir até catro persoas (dous adultos e dous nen@s) meténdose por calquera lugar a aprendéndonos aos occidentais a aplicar as regras vietnamitas para cruzar as rúas con seguridade, “ti non corras, cruza lentamente sen preocuparte polas centos de motos que che veñen de fronte, de costas e incluso polos costados, que elas estudarán automaticamente por onde pasar, pola esquerda ou pola dereita esquivándote mentres ti das un novo paso cara a outra beira da rúa”. Motos nas que van persoas pero tamén poden transportar obxectos, galiñas, vacas, búfalos... O Van Mien (Templo da Literatura) onde se formaban as elites do imperio baixo as ensinanzas confucionistas e de onde saían os mandaríns para ocuparse da administración imperial. alí soubemos que até principios do século XX o vietnamita escribíase con carácteres chinos sendo en 1910 cando coa intención de separarse do control chino unha tendencia cultural nacionalista avogou pola adopción do chữ quốc ngữ, unha especie de romanización do vietnamita que pasou a adoptar como propio unha variante do alfabeto latino , sendo o vietnamita a única lingua de oriente que emprega os carácteres latinos.

,A cidade de Hue antiga capital imperial coa súa cidade prohibida copia a escala da de Beijing, onde soubemos da longa historia deste país sempre pendente do xigante veciño que condicionou en moito a súa historia.

A famosa baía de Halong coas súas preto de 2000 illas de pedra calcaria que segundo diversas lendas foron creadas por dragóns e serviron para protexer aos vietnamitas dos ataques dos barcos chinos.

As ducias de aldeas nas que os labregos e as labregas cultivaban o arroz, alimento básico na dieta que garante a alimentación dos máis de 90 millóns de vietnamitas e do que é segundo exportador mundial. Extensións verdes anegadas nas que se cultiva o arroz con dúas colleitas anuais e cun duro traballo case totalmente manual agás a presenza dos búfalos de auga.

O importante papel da muller na vida diaria con presenza en todos os sectores laborais e sociais, sendo moi chamativa a súa presenza nos traballos de construción de equipamentos públicos.

O barrio chino de Cholon na vella Saigon, hoxe rebautizada Ho Chi Minh, co seu mercado colorista cheo de produtos alimentarios para nós descoñecidos.

O sorriso e a amabilidade que atopamos en case todas as persoas ás que nos diriximos, un sorriso que nos facía lembrar a famosa frase de Ho Chi Minh “Poderás perder mil batallas pero soamente ao perder a risa coñecerás a auténtica derrota”.

O café vietnamita, unha delicia de robusta co seu sabor forte característico pero que ao final deixa no padal un estraño gusto a chocolate.

A práctica ausencia de nenos e nenas mendigando polas rúas das cidades, cando noutros países da zona o habitual é unha chea deles achegándose ao viaxeiro pedíndolles dólares ou vendéndolle calquera tipo de produto.

A choiva dos monzóns que con temperatura ambiente de case 40 grados deixa caer sobre ti auga torrencial.

A visita ao Mausoleo e á vivenda de Ho Chi Minh, ao Palacio da Reunificación e aos túneles de Cu Chi, lugares que xa son parte da historia recente dun país exemplo da dignidade e de capacidade, un pobo orgulloso de si con decisión clara de que o seu futuro o deciden eles mesmos negándose tanto a ser colonia como a ser divididos en dous estados.

Estas son as impresións do Viet Nam da natureza, da historia e da vida pero houbo outras impresións e outras interrogantes que forman parte do actual Viet Nam.

,O Viet Nam do horror ao podermos comprobar en directo os efectos da barbarie cometida polo imperialismo estadounidense coas toneladas de bombas, dioxinas e axente laranxa arroxados sobre territorio vietnamita co obxectivo de facelos axeonllarse fronte ao imperio, efectos que seguen a ser hoxe visíbeis no nacemento de seres monstruosos como consecuencia dos ataques químicos e na existencia de milleiros de persoas con graves problemas físicas e mentais e que precisan do apoio do estado cun gasto anual millonario para poder garantirlles unha vida digna.

O Viet Nam no que tras comprobar que o sistema económico baseado no modelo soviético da total centralización non garantía a produción suficiente de arroz para alimentar a toda a poboación nin a capacidade económica para que o estado fora quen de garantir uns servizos básicos, o Partido Comunista en 1986 no seu VI Congreso decide, nun movemento moi arriscado e moi criticado daquela a nivel internacional por moitos dos que se declaraban defensores do socialismo, aprobar a política de Doi Moi (renovación política) pasando a implantar o que eles chaman “economía de mercado de orientación socialista”. Unha decisión que supuxo abrir un novo camiño ao renunciar á concepción de que existía un único modelo de construción do socialismo, e que adoptaba un país até aquel momento dependente en case todo da axuda soviética. As políticas de Doi Moi fixeron medrar a economía vietnamita pasando de ser un país asolado polas consecuencias da guerra a poder alimentar a toda a poboación, deixando de importar arroz e aumentando de tal xeito a produción que na actualidade é o segundo exportador mundial despois de Thailandia. Pero esa nova política que garantiu uns mínimos a toda a poboación tamén introduciu dinámicas do capitalismo como o culto ao consumo, a presenza de transnacionais , importantes diferenzas sociais ou fenómenos tan coñecidos para nós como a corrupción en determinados ámbitos da administración ou a burbulla inmobiliaria. O XII Congreso do Partido Comunista do Viet Nam que se celebrará o vindeiro ano coincidindo co 30 aniversario do Doi Moi terá como un dos temas de debate fundamental segundo declaracións do secretario xeral do PCV Nguyen Phu Trong as desigualdades sociais creadas, a corrupción e a necesidade dunha educación política do pobo con criterios socialistas para enfrontar as contradicións creadas.

Deixamos Viet Nam con moitas gañas de volver, non sabemos cando, para profundar máis no coñecemento dun dos pobos máis martirizados no século XX que é exemplo de valor, patriotismo, unidade e capacidade de organización para superar as adversidades e camiñar cos seus propios pés.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.