Imperialismo: Licenza para matar impunemente

Imperialismo: Licenza para matar impunemente
Durante a miña primeira estadía na Irlanda o verán pasado, foron varias as cousas que me impactaron.

En Baile Átha Cliath, a capital da República, o Cárcere de Cill Mhaighneann onde foron executados os asinantes da Proclamación da República que participaron na Revolta da Páscoa de 1916, entre eles Séamas Ó Conghaile, fusilado atado a unha cadeira, xa que estaba tan gravemente ferido que nen se podía manter de pé.

Despois, en Béal Feirste, ao norte da liña que divide esa illa desde 1921, o Cemiterio de An Mhuilinn onde están enterrados máis de 100 patriotas irlandeses republicanos, voluntarios do IRA, do INLA, da IPLO e do Partido dos Traballadores, que perderon a vida no conflito. Destacan entre eles Roibeárd Ó Seachnasaigh, militante do IRA Provisional (PIRA) e deputado eleito en Westminster, xunto con tres máis dos dez presos políticos que morreron na greve de fame de 1981. Foi tamén neste mesmo camposanto onde un membro do grupo paramilitar unionista Asociación de Defensa do Ulster (UDA) disparou e tirou granadas contra a multitude reunida para o funeral de tres membros desarmados do PIRA que foran asasinados en Xibraltar polo Servizo Aéreo Especial (SAS), atentado covarde que se saldou con esas tres vítimas mortais.

Mais foi, sen dúbida, a parada en Doire o que máis que marcou. Esta cidade, chamada aínda hoxe polo seu nome deturpado e insultante ‘Londonderry’ pola BBC, foi o cenario do tristemente célebre masacre coñecido como Domingo Sanguento e acontecido en 1972. Durante unha marcha pacífica convocada pola Asociación dos Direitos Civís da Irlanda do Norte (NICRA) contra o encarceramento sen xuízo (internment) de máis de 300 republicanos irlandeses, os militares británicos mataron 14 civís desarmados, moitos dos cais estaban a fuxir ou tentaban axudar as persoas feridas. De facto, no museu están expostas as chaquetas onde se ve claramente que foron baleados polas costas. Moitos máis foron feridos por balas de borracha e dúas persoas foron arroladas por veículos militares. O máis conmovedor foi ouvir o guía que nos mostrou o lugar da matanza relatar como o seu proprio irmao foi abatido aquel día infausto.

Após unha batalla incansábel por parte das familias das vítimas, finalmente en 2010 se tornaron públicas as conclusións dunha Comisión de Investigación (The Saville Inquiry), constituída 12 anos antes, que afirmou que as mortes foran “inxustificadas e inxustificábeis”, xa que todas as vítimas ían desarmadas e non constituían unha ameaza, así como que os militares implicados “deran testemuños falsos de xeito deliberado”. O daquela Primeiro Ministro británico, David Cameron, pediu desculpas no Parlamento en nome do Reino Unido e recoñeceu que foran os militares quen dispararon primeiro contra civís desarmados que estaban a fuxir, así como que eses militares remataron un home xa ferido.

Por que conto isto agora se, ao parecer, todo ficou esclarecido, con culpas e desculpas inequívocas? Pois porque, como se veu demostrando ao longo da Historia, non hai que se fiar nunca da duplicidade e da má fe do imperialismo británico. As desculpas non son máis que papel mollado por bágoas de crocodilo.

O mencionado informe dera pé a unha investigación de asasinato levada a cabo pola polícia e no mes de marzo deste ano anunciouse que se ía proceder a procesar un dos militares (cuxo anonimato se conserva, como o de todos os outros implicados), acusado do homicidio de William McKinney (27 anos) e James Wray (22 anos), morto este último por un segundo tiro cando xa xacía ferido despois de ser atinxido polas costas. Nada contra os outros militares (un dos cais chegou a describir a matanza como “un traballo ben feito”), nen contra os mandos: nada de xustiza, en definitiva, para as outras vítimas e as súas familias. No mesmo mes de marzo, a Ministra británica para a Irlanda do Norte, Karen Bradley, que xa desatara unha polémica ao recoñecer que non entendía nada da política deste territorio sob a súa autoridade, declarou na Casa dos Comúns que os homicidios cometidos polo exército e a polícia “non eran crimes” e que “estaban a cumprir co seu deber dun xeito decoroso e apropriado”. Nada máis honrado do que matar civís desarmados a tiros polas costas...

Pola súa parte, o Ministro británico da Defensa, Gavin Williamson, reaxiu coas seguintes declaracións: “Temos unha débeda cos militares que serviron con coraxe e integridade para levaren a paz à Irlanda do Norte. [...] Ofereceremos o noso total apoio legal e moral ao individuo [militar] en cuestión, incluído custear todas as súas despesas xudiciais”. Boris Johnson, Ministro británico das Relacións Exteriores até 2018, tamén confunde o terrorismo de estado executado por tropas regulares coa reacción armada dun povo oprimido: “En que tipo de mundo vivimos cando se pode colocar antigos soldados no banco dos reus acusados de asasinio ao tempo que se permite que os asasinos do IRA saian impunes?”, alardeou.

O curioso é que, segundo a narrativa oficial inglesa, no bando dos paramilitares só existiron os integrantes do IRA encanto as atrocidades cometidas polos unionistas coa complicidade do Governo Británico se obvian de xeito interesado e moi conveniente tendo en conta que o governo conservador de Theresa May, actualmente envolvido no caos do Brexit, pende dun fío e depende para sobreviver do apoio do Partido Unionista Democrático norirlandés (DUP). Neste sentido, non está de máis lembrar que o DUP actual é o herdeiro directo da formación política que nos anos 80 axudou a fundar as milicias paramilitares unionistas Third Force e Ulster Resistance.

Así, co fin de obstaculizar procedemento xudicial que un deputado conservador británico non tivo reparo en cualificar como ‘unha traizón ás nosas forzas armadas’ e que o citado Ministro da Defensa considera unha “caza de bruxas”, alén de para evitar que outros militares teñan no futuro que render contas polos seus actos criminais, o Governo de Westminster está ao parecer preparando unha proposta lexislativa para que de xeito retroactivo se aplique a estes “abusos históricos” un período de prescrición de 10 anos que na prática incluiría todos os crimes cometidos polas forzas armadas británicas na Irlanda do Norte. Isto ten un nome, e non é outro que encobrimento.

Como calquera democracía burguesa que se prece, a británica tamén apela à autoridade do estado de direito para se lexitimar. Mais, como se demostrou xa tantas veces no proprio Reino Unido e tamén no resto do mundo, a lei, en maos do poder, só convén mudala cando fixer falta para poder cumprir con ela segundo as necesidades políticas do momento.




(Nota: Todos os nomes de lugares e persoas aparecen en gaélico, non na súa forma deturpada en inglés, habitualmente máis familiar).