Iberoamérica, Latinoamérica: esbozo dun divorcio
A maior parte dos novos Estados latinoamericanos, todas repúblicas, celebraron entre 2010 e 2011 os douscentos anos de independencia con consignas revolucionarias e de costas ao Estado español (porque el quixo). Mentres que o Estado español (EE) botou por fóra na conmemoración do V centenario da conquista de América, en 1992, vinte anos despois nin o Estado español chegou a ser a «porta de entrada» de Latinoamérica nin «interlocutor do continente» na Unión Europea.
Unha radiografía dos presidentes latinoamericanos e das autoridades españolas participantes no II Cumio Iberoamericano en Madrid en 1992 é unha boa análise de como estaba e como está hoxe o Estado español e Latinoamérica.
Mentres en 1992 só Cuba tiña un goberno revolucionario, hoxe Latinoamérica vive unha revolución progresista cara á esquerda, cos seus máis e os seus menos. Venezuela, Brasil, Bolivia, Uruguai, Ecuador, Arxentina… A situación destes derradeiros anos no EE constatan a inmobilidade dun sistema monolítico antidemocrático en que un partido no Goberno con dúas siglas, PP e PSOE, é o principal valedor de medidas proteccionistas a favor de institucións ditatoriais como a monarquía española, o sistema financeiro privado, o empresariado, as grandes empresas transnacionais e a xerarquía do poder xudicial, todo contra a cidadanía.
Mentres en 2012 as autoridades españolas son as mesmas que as de 1992, na cabeza do Estado e no Goberno, en Latinoamérica produciuse unha remuda política que significou unha mellora nas condicións de vida dos cidadáns; non é preciso dar estatísticas de organismos internacionais, abonda con ver os informativos da televisión española, mesmo manipulados, para ver a situación de colapso social e falta de esperanza a que está sometida a poboación do EE por aqueles que mandaron sempre e a inexistencia de marchas ou protestas sociais diarias nas rúas latinoamericanas (Venezuela, Arxentina, Uruguai, Brasil etc.)
A palabra Iberoamérica é inexistente no vocabulario de calquera latinoamericano, sexa goberno ou cidadán da rúa. A síndrome colonialista española, reflectida na obsesión de rebautizar todo o que conquistaba, chega tarde nun mundo globalizado no cal xa non é posíbel vender fume nin fastos, porque as realidades e o peso económico e político de Latinoamérica non vai enganchado a locomotora, cara ao abismo, española.
O Estado español tenta colocar como interlocutor válido o máis invalido dos interlocutores na rexión: Colombia. Rodeada de gobernos progresistas, Colombia é alcumada «o Israel de Latinoamérica». País con peso político e económico, é o único que desde 1992 non mudou nin social nin politicamente; é, como dirían os estadounidenses: «un socio confiábel».
Á lista de inmobilismo e involución cara a posicións máis reaccionarias do Estado español, interna e externamente, habería que engadir o papel de cómplice necesario dos medios de comunicación españois, públicos e privados, que guiados por «gurús do coaching e literatos de power point» repiten até a saciedade imaxes falsas da realidade latinoamericana; un exemplo foi a lamentábel entrevista da xornalista española Ana Pastor (cualificada en España como «imparcial» e «progresista») ao presidente ecuatoriano Rafael Correa. Se Pastor representa o lado «amábel e formado», que podemos agardar do resto?
O XXI Cumio Iberoamericano no Paraguai, en 2011, para o Goberno español foi un fracaso. Non asistiron dez presidentes latinoamericanos. O escaso perfil das autoridades españolas actuais, non moi distante das anteriores socialistas, ferirá de morte os Cumios, que non son máis que a parte visíbel do iceberg, a que non vemos está nas potas e tixolas que repartían os bancos españois en Latinoamérica aos incautos latinoamericanos en lugar dos xuros que lles correspondían polo seu diñeiro, e nos insultos racistas e machistas contra os presidentes progresistas latinoamericanos.