Humala: o «idiota» que deixou de selo... por agora

Humala: o «idiota» que deixou de selo... por agora

Tanto El País coma El Mundo encargaron a dous latinoamericanos, colaboradores habituais, a escrita sobre Ollanta Humala. El País, ao ex-ministro e man executoria do ex- presidente venezuelano Carlos Andrés Pérez, Moisés Naim, residente nos Estados Unidos e premio «rei de España» de xornalismo, coido que polos favores feitos e os «deberes cumpridos». El Mundo, ao peruano Martín Mucha.

Mentres na televisión rusa en español observamos un desfile permanente de entrevistas aos principais políticos e persoeiros latinoamericanos, nos media españois temos que conformarnos con Naim e Mucha tirando dos patéticos manuais (I e II) do Perfecto idiota latinoamericano citados até a extenuación.

O problema principal para a opinión pública e os media españois é a seguinte: Ollanta seguirá o modelo de Lula, que lle fixo gañar as eleccións, ou unha vez elixido tomará o perigoso camiño de Chávez e outros populismos (idiotas) latinoamericanos que fixo que perdera as primeiras?

Aquí hai unha dicotomía simple para un público simple. Lula é bo, Chávez é malo. Esquecen da mala relación de Lula cos Estados Unidos e co seu presidente Barack Obama e das presións da Administración Obama debido á mediación de Lula ante Irán. O mesmo Irán co que mantén boas relacións a Venezuela de Chávez.

Lula e Chávez non son modelos contrapostos; diferéncianse na forma pero non no fondo. As viaxes de Lula a Cuba, a ver a Fidel, (e despois a Chávez) distan moito da actitude do presidente Piñera de Chile, de Uribe ou Santos de Colombia ou dun Alan García. Estes tres son «os presidentes amigos» que amanuenses a soldo, Sanguinetti, Edwards, Vargas Llosa, Enrique Iglesias, Naim... tratan de vendernos como fiábeis.

Ollanta Humala é observado coma un insecto. Ten que dar probas de probidade e de adhesión ao mercado e desafección a Chávez. Como aínda non preside, fíxanse na camisa, no traxe e na garabata. Procuran na súa infancia, no ADN do pai. No sobriño afogado, no que comía en Seúl. Diseccionan a súa muller... imaxinan a mesma análise en calquera medio latinoamericano do pasado e presente de calquera presidente español? Da muller de Rajoy, do seu pai, do seu curmán preso?

Coido que ten razón o pai de Ollanta, Isaac Humala: «El problema del Perú es la raza blanca». Non só a que mandou persoalmente, ou por atrás, senón tamén a que desde afastados escritorios dos Estados Unidos e de Europa cualifica a todos os que non son coma eles de «idiotas latinoamericanos».