Humala: di algo de esquerdas
«D'Alema, di algo de esquerdas!», di o protagonista do filme Aprile de Nanni Moretti, cando ve o político na televisión balbucindo un descafeinado discurso fronte a un Silvio Berlusconi afouto e farruco.
Un ano leva Ollanta Humala como presidente do Perú. Nestes doce meses, se cadra, a imaxe máis desconcertante do presidente de esquerda peruano foi a longa entrevista panexírica que o xornal de dereitas El País lle fixo para desmarcalo de Chávez, Correa e outros membros do cualificado polas «democracias» occidentais «eixo do mal».
Neste ano de goberno, os principais problemas de Ollanta, de credibilidade e consecuencia co seu suposto ideario de esquerda, chegaron do seu propio partido, Gana Perú e aliados, e do seu propio pai, Isaac[i], quen publicamente rexeitou a represión indiscriminada, con mortos, que están a sufrir os peruanos que se opoñen ás licenzas de explotación de compañías mineiras estranxeiras que o goberno de Humala concedeu.
O caso máis coñecido contra Humala, que levou os deputados de Gana Perú a abandonaren o seu apoio ao presidente, foi a detención do alcalde do concello de Espinar, Óscar Mollohuanca, baixo a acusación de uso de recursos públicos nos violentos enfrontamentos contra a actividade mineira da compañía suíza Xstrata.
No Perú a minaría é o principal ingreso do Estado. Ademais, é o segundo produtor do mundo de prata e un dos principais doutros moitos metais como a cobre, o ouro, o ferro e mesmo o petróleo, do que se autoabastece. O propio Humala recoñecera a importancia da minaría nunha entrevista na campaña electoral: «O Perú vive fundamentalmente do imposto á renda que cobra ao sector mineiro. E o Estado non participa na repartición de beneficios das riquezas mineiras, porque renunciou á propiedade deste recurso. Se o Perú vive disto, o Perú é de quen ten os xacementos mineiros. Daquela, o país xa non nos pertence. Que produce o Perú? Fundamentalmente, man de obra barata. E nesa lóxica, o Estado non inviste en ensino, porque sería incompatíbel a boa educación coa produción de man de obra barata»[ii].
O máis consecuencia máis preocupante da actual «deriva» de Humala é o abandono de líderes históricos da esquerda como Javíer Díaz Canseco, quen declarou que a represión é o remate dunha desafección que comezou co nomeamento de Óscar Valdés na presidencia do Consello de Ministros e o nomeamento de ministros conservadores e de dereita no seu goberno contrarios á chamada Gran Transformación e á Folla de Ruta de Humala para transformar o Perú nun país máis xusto.
Os problemas en Apurímac e Cajamarca e o saldo negativo de 12 mortos por conflitos sociais afondan máis a focha de descrédito que cava de vagariño Ollanta Humala.
Malia todos estes feitos, aínda é cedo para xulgar negativamente a Humala como un presidente que traizoou os seus principios xenéricos de esquerda.
O propio Fidel, Chávez e moitos outros presidentes de esquerda latinoamericanos tiveron que loitar contra forzas centrípetas e reaccionarias dentro dos seus propios partidos e gobernos.
Sen ir moi lonxe no espazo e no tempo, o xeneral Baduel que salva a Chávez no golpe de Estado en 2012 hoxe cumpre condena nunha cadea venezuelana por corrupción e durante meses, financiado pola CIA, deu entrevistas en medios de medio mundo chamando ao seu ex-compañeiro de armas «ditador».
Pero voltando ao caso do Perú, aínda somos moitos os que esperamos que Ollanta diga algo de esquerdas.
[i] O pai de Ollanta é un ex dirixente con ideas socialistas e fundador do etnocacerismo, que tenta rescatar o inxuriado pasado incaico e o nacionalismo, en claro confronto cunha burguesía peruana branca que non quería a independencia de España e detentou o poder en Perú desde a independencia, exceptuando o goberno de Juan Velasco Alvarado. Isaac púxolles aos seus fillos nomes incaicos como Antauro (que cumpre condena por rebelión na actualidade), Pachacutec, Ima Sumac ou Cusicollur. Segundo Isaac, o nome de Ollanta significa «o guerreiro que todo o ve».
[ii] Entrevista de Paul Alonso para Terra Perú.