Hassana Aalia somos nós

Hai uns días soubemos da denegación por parte do estado español da petición de asilo de Hassana Aalia, mozo sahariano condenado a cadea perpetua por un tribunal militar marroquí por participar en 2010 no campamento de Gdeim Izik, un campamento levantado nas aforas de El-Aiun, capital do Sahara ocupado, nos primeiros días de outubro de 2010 e que até o seu desmantelamento violento por parte das forzas militares de ocupación marroquí foi un símbolo da resistencia do povo sahariano, campamento que chegou a ter no seu seo a máis de 20.000 persoas dispost@s a demostrar dese xeito a súa determinación a manter a reivindicación dun Sahara libre e a súa capacidade de organización.
Tiven oportunidade de coñecer a Hassana hai algo menos dun ano nun acto organizado en Cuntis por Solidariedade Galega co Povo Saharaui no que nos contou a súa experiencia como activista e os malos tratos sufridos a mans da policía e do exército marroquí;, mentres o escoitaba falar veume á mente a miña experiencia de dous días en 2006 en territorio sahariano ocupado cando catro galeg@s conseguimos entrevistarnos con membros da resistencia en El-Aiun, unha visita na que non me dá vergonza recoñecer que pasei moito medo pois en todo momento tivemos ás forzas de ocupación perseguíndonos e controlándonos para ver con quen falabamos, e antes de subir ao avión de regreso sufrimos un interrogatorio e un rexistro das nosas pertenzas e dos nosos corpos que non lle desexo a ninguén xunto cun convite non demasiado amábel a non volver por alí. Mentres escoitaba a Hassana lembraba tamén os relatos e as imaxes que naqueles dous días me permitiron comprobar directamente sobre o terreo os efectos da ocupación marroquí, a discriminación, a tortura, a desaparición de persoas, etc...
Teño claro que a denegación de asilo a Hassana fai que corra perigo certo de pasar o resto da súa vida nunha cadea marroquí, e por iso creo que debemos pular para que a marea solidaria que se foi erguendo nos últimos días vaia a máis, unha marea solidaria con Hassana que debe ser tamén unha marea solidaria co conxunto do povo sahariano e con todos os povos que loitan pola súa liberdade e por camiñar na construción dun mundo máis xusto.
Ademais non hai dúbida de que:
Hassana Aalia somos nós, porque ser solidari@s con el é ser solidari@s coa mocidade que loita pola liberdade esixindo que dunha vez por todas se permita o exercicio de autodeterminación á nación que está recoñecida pola ONU como a última colonia do continente africano.
Hassana Aalia somos nós porque fronte ao exército máis poderoso de África o povo sahariano mantense firme e demostra a capacidade de resistencia de quen ten a razón da historia da súa parte e sabe que vencerá.
Hassana Aalia somos nós porque pese á imaxe dun país pobre no que só hai area e deserto o Sáhara é un povo rico con inmensos recursos naturais no seu subsolo e na súa plataforma continental marítima.
Hassana Aalia somos nós porque a prohibición de falar o hassanía (variante de árabe falado no Sahara) de exhibir a súa bandeira ou de plantar jaimas (vivenda nómada) é un dos métodos empregados polo ocupante marroquí para tentar de eliminar os símbolos e os elementos constitutivos da súa identidade, e dese tipo de prohibicións algo tamén sabemos.
Hassana Aalia somos nós, porque a actitude reaccionaria do goberno español denegando a súa solicitude de asilo é a mesma que ten aprobando a lei mordaza, impoñendo multas a quen se enfronta ás inxustizas ou inventando acusacións falsas contra sindicalistas e contra militantes nacionalistas que se opoñen aos recortes e ás políticas represivas do PP.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.