Había unha ditadura en Tunisia?

Hai anos que no Magreb existe unha pulsión grande por botar do poder as distintas satrapías que durante décadas desempeñan o poder "democraticamente" coa benzón dos Estados Unidos (EUA) e da Unión Europea (UE) e de costas aos seus propios pobos. O exemplo máis patente témolo nas continuas marchas a prol do pobo palestiniano no Magreb e a complicidade dos seus gobernos, que calan, con Israel.
Dentro deste Magreb de Estados que apertan o pescozo á súa poboación só Marrocos e a súa dinastía ten asegurada a continuidade... polo momento. Curiosamente, de todos os estes Estados noraficanos, o único que ten un nivel alto de aceptación e vida para a súa poboación é precisamente o que para Occidente resultou sempre unha molestia: Libia.
Un dos intentos do fuxido presidente tunisino para procurar apoio estadounidense e europeu foi asegurar que detrás das revoltas civís estaba o "integrismo islámico". Fallou no intento dese apoio, non porque non fóra verdade, que pouco lles importa a europeus ou estadounidenses, senón porque tiña os seus días contados.
Os estadounidenses dividen a súa xeopolítica no mundo árabe, africano e latinoamericano en "fillos de puta" e nos "nosos fillos de puta". A historia e xeografía está chea dos seus "nosos": Pinochet, Videla, Mubarak, Trujillo, Noriega, Franco, Hassan II... e cheo dos outros que non son "deles": Arbenz, Fidel, Gadafi, De Gaulle, Chávez, Evo, Allende, Velasco, Ahmadineyad...
As ditaduras magrebís, Alxeria, Exipto, disfrazaron o descontento co disfrace do radicalismo islámico sen ir á causa dese agromar ante ditaduras tinxidas de "democracia". Os exemplos máis comúns son a forza de Hizbullá e Hamas que os media europeus disfrazan co sustento de Siria e Irán sen aclarar que gozan dun gran respaldo e prestixio entre a poboación. Malia presentarse nas eleccións e arrasar (Alxeria), os seus partidos, islámicos, foron prohibidos. O que non puideron por medio das urnas téntano por medio da violencia e a represión.
Mentres EUA argalla mobilizacións "pacíficas" e "espontáneas" da "sociedade civil" en Caracas, Santa Cruz de la Sierra, Rangún ou Teherán, a verdadeira sociedade civil de Tunisia, Exipto, Palestina e Alxeria tenta derrocar as tiranías bendicidas polos EUA e a UE que os gobernan. Os media cualifícanos de "integristas islámicos". No caso de Tunisia non puideron cualificalos como integristas ou non lles interesou: son poucos nun país pequeno e pouco poden facer porque teñen escaso peso no mundo, por iso sacrificaron a Ben Alí.