Grecia, hoxe


Resoan en nós as liberdades que xa nos séculos anteriores a Cristo debatían as cidades-estado dun amplo territorio que se confundía con Oriente, ás portas mesmo da Europa. Lembrámolo nesa ampla e interesante Historia de Heródoto que estuda tamén a personalidade desas xentes, nas Guerras Médicas que uniron as cidades gregas fronte aos persas, na arte maxestosa das estatuas que os romanos, despois, roubaron a milleiros para encher a súa propia arte imperial ou o seu ceo olímpico cos mitos e as lendas divinas. Ah, o monte Olimpo dos tres picos misteriosos na néboa matinal, lar dourado dos deuses e deusas; o Parnaso de Apolo, das musas e das fontes; o alongado cordal do Pindos que divide a Grecia continental en dúas metades, espello do monte noso así chamado tamén.

Lemos a Odiseas Elitis na actualización do mito coa quietude do mar Exeo en espello de evocación (...e aquela bucina túa onde resoará o Exeo); ouvimos a voz clara e profunda de fonte pura da Eleftheria Arvanitakis , ou a música popular nostálxica e rebelde da rebentika, ou xa esa mestura de jazz fusión étnico de Kristi Stasinopoulou e Mode Plagal... Sempre a música, a emoción a flor de pel, marcada nos ollos, nas abas dos montes vermellos de Delfos onde aínda podemos ouvir a voz do vento coa pregaria da Sibila, co oráculo ao que peregrinaron as figuras máis destacadas da antigüidade en procura do futuro anticipado. Tamén nas chairas doces explosionadas coas cores da primavera en Olimpia, a nos ofrecer os corpos máis harmoniosos e vivos que poida gardar un museo.

Alí peregrinamos nós esta primavera cos ollos preparados para absorber tanta cultura, tanta batalla pola mellora da comunicación e condición humanas, pola conquista da democracia no seu sentido máis puro e real. Non cabe dúbida de que a historia, mitificada, pode meternos nun mundo irreal sen que nos decatemos. E sobre todo se o mito máis universal nace aí, nos montes recordados, nos espazos ideais onde os deuses e os homes e mulleres chegaron a confundirse. Pero iso axudará sempre e perseguir aquilo que nos mostra o buscado.

A Grecia que atopamos, a real, a de hoxe, foi outra ben distinta. Da que apenas falan agora eses medios de comunicación gobernados polos poderosos, directa ou indirectamente en planificación milimétrica. O Olimpo, xa non está alí, se non en Bruselas, en Alemania... Daquí saen os deuses de hoxe arrogantes de ouro que rouban en cada país de Europa nas arcas máis humildes que poida haber en cada casa ou territorio. As fontes puras xa non están no Parnaso, senón nos bancos dirixidos pola troica macabra e soberba que nunca aprendeu humanidade. Guerra sen cuartel ao rebelde, é o seu lema. E así castigan cos seus exércitos pagados por nós (que ironía!), aos europeos e aos que intentan vencer os muros do racismo.

Delfos, Olimpia, Kalambaka-Meteora, Atenas... na soidade. Quen ía imaxinar que nos lugares sagrados máis importantes do mundo apenas habería turistas ou viaxeiros. Visitámolos con algún grupo illado de estudantes nativos. Os hoteis baleiros tamén, tristes, e as tendas, cos propietarios aburridos cabo da porta. Nos descansos entre cidade e cidade ou punto arqueolóxico, tomar un café era unha aventura, pois a uns cobrábannos 2 euros , mentres que a outros lles quitaban 3. Así, descaradamente. Taxistas de Atenas negábanse a poñer os taxímetros e cobraban o que eles querían. E mentres, a noite do Venres Santo, milleiros de persoas enchían as rúas con velas acesas, ao son das campás e dos foguetes. As igrexas, estaban ateigadas. Centos de curas ortodoxos, novos, atendían os oficios en ringleira de esplendor.
Quedoume a sensación de que o caos era a norma de comportamento, nos prezos, nas actitudes, no comercio da xente, nas relacións. Os primeiros tempos da crise foron de loita masiva, de enfrontamentos, de negativa radical a asumir os mandatos da Merkel e compañía. E visto que iso non traía resultado inmediato, a xente, o pobo, optou pola filosofía do sálvese quen poda. No mesmo aeroporto de Atenas, privatizado a tope, as máquinas reemprazaron os traballadores dun xeito absoluto, e andaba a xente perdida sen saber que facer e a quen preguntar, posto que as propias máquinas fallaban. Nós mesmos estivemos a piques de perder o avión por esta causa.

Grecia, Galiza, Europa... Os deuses humanizados caídos e abourados. A Europa inerte e inerme, calada e submisa fronte ao colonizador de garabata. Pero sabemos da outra parte por propia experiencia aquí, no noso país. Agroman, tamén, as alternativas máis ou menos organizadas. Necesitamos a lenda e o mito porque son a historia construída, produto do humanismo e da cultura. E de aí, a batalla. Europa só se poderá salvar da gadoupa imperial co acordo dos distintos partidos e organizacións da esquerda, porque eles son quen representan os pobos que sofren e se debilitan cada día. Desde a independencia de cada un florecerán as alternativas para que caian os que nunca se sentirán saciados. Ou iso, ou o caos e a miseria. Esas son as nosas armas.