Gdeim Izik, unha ruta no camiño da libertade

Gdeim Izik, unha ruta no camiño da libertade

Hai uns días, o pasado 10 de outubro, cumpríase o segundo aniversario da creación do campamento de Gdeim Izik que un pouco menos dun mes despois, o 6 de novembro, era arrasado pola acción combinada do exército e a xendarmaría marroquís que pretendían, con iso, acalar o berro silencioso que prendera nos corazóns da poboación saharauí sometida baixo o dominio e a ocupación de Marrocos.

Aos longos anos de chumbo vividos durante a guerra entre Marrocos e o Exército de Liberación Popular Saharauí, promovido polo independentista Frente Polisario, o terror e a persecución brutal silenciaran unha poboación civil castigada e masacrada polos seus ocupantes. As desaparicións, as torturas e a morte cebáronse en homes, mulleres e nenos e nenas indefensos, culpables de identificarse cos seus irmáns "inimigos". Unha situación que se prolongou máis alá do alto o fogo propiciado polas Nacións Unidas e que deu paso a un segundo período no que a brutalidade das forzas de seguridade substituíu ao forte control militar e que pretendeu xudicializar a represión convertendo os meramente desaparecidos e desaparecidas en presos comúns por delitos políticos. Unha situación que, nos últimos tempos, e á vez que se propugna unha estratexia de aparente recoñecemento da identidade saharauí, se converteu nun sofisticado sistema represivo baseado no control constante da poboación autóctona por parte da policía secreta, sen insignias nin distintivos que, cando o precisa, acode á violencia exercida por toda a poboación ocupante. En primeiro termo, a xendarmaría pero, tamén cando se decide, o exército e ata os mesmos colonos convertidos en forza opresora pola decisión das autoridades políticas e militares sobre a base de respostas incontroladas claramente planificadas. Os informes realizados nas últimas semanas pola Fundación Robert Kennedy e o relator da ONU sobre a tortura e os malos tratos, o xurista arxentino Juan Méndez insisten na persistencia continuada desa represión e dun mal trato xeneralizado que buscou ata a intimidación dos observadores e dos seus informantes. Unha situación farto coñecida que tan só parece ignorar oficialmente o goberno español cando gaba os notorios avances do estado marroquí cara á democracia. Unha perversión da linguaxe inadmisible senón asistísemos a unha xeneralizada mistificación política na que o que se di mantén unha escasa relación co que se pensa e se fai que se deteriora profundamente a implicación da sociedade na política democrática.

Nese proceso, a poboación saharauí tratou de defender a súa identidade e a súa dignidade construíndo espazos de afirmación en calquera abertura que lle deixaron os seus conquistadores de forma tan heroica como individualizada. Dende o ano 2002, a protesta pública da poboación saharauí sobre a base de reivindicacións sociais e accións de contido político fíxose máis patente coas chamadas intifadas. Unha dinámica que coincidiu coa constitución de asociacións de defensa dos dereitos humanos cuxa persistente e continuada actividade conseguiu recoñecemento internacional a pesar de non obter a súa legalización por parte das autoridades marroquís.

A constitución do campamento de Gdeim Izik, o campamento dignidade como o chamaban os propios saharauís, constituíu un punto e á parte no proceso que non todos os observadores políticos souberon apreciar de forma axeitada. O resultado dunha acción colectiva reflexiva e madura quíxose ver como unha protesta sen excesivo contido e centrada en esixencias reivindicativas de tipo laboral. Os que como eu vivimos Nel aaiún ocupado os días previos a ese acto de afirmación colectiva podemos dar fe do clima de irmandade ilusionada, de entusiasmo cívico, que se percibía entre unha poboación saharauí concienciada de ser un pobo con pleno dereito a exercer como tal.

E esa conciencia foi a que promoveu campamentos en Smara, Bujdur, Dajla e Marsa desmantelados violentamente na súa xénese, unha estratexia policial que non puido levarse a cabo en Gdeim Izik onde, en poucas horas, o número de tendas levantadas cara a ineficaz e delicado calquera intento de abortar a experiencia. Tan só un mes de tensión, de reencontro colectivo e de recuperación da mutua confianza e da esperanza no porvir serviron para cambiar a dinámica política das chamadas provincias do Sur que nunca o foran senón no monótono discurso dos seus ilexítimos ocupantes. Ese clima e a cota de sangue inxusta e infelizmente derramada na persoa dun neno de catorce anos Nayem El Garhi, morto ao ser tiroteado o vehículo no que viaxaba por militares marroquís que montaban garda no ámbito do campamento, e os seus acompañantes feridos no mesmo tiroteo. Un acto de prepotencia e violencia gratuíta que se tratou de xustificar coa mentira de que os que viaxaban no coche eran delincuentes armados e que obtivo o máis absoluto silencio e indiferenza da opinión pública internacional nada sensible diante desta traxedia.,
A violenta destrución do campamento, a inmediata e colérica reacción da poboación saharauí e a brutal represión exercida por parte das autoridades marroquís se chegaron a calar na opinión pública aínda que non tanto como para que a ONU asumise a necesidade de que a MINURSO, a súa misión destacada na zona, se fixese cargo da defensa dos dereitos humanos da poboación autóctona do Sahara Occidental, dese pobo saharauí que volvía mostrarse solidariamente vivo e activo. Ninguén pareceu intuír a ruptura que se xeraba entre a colectividade saharauí, minoría na súa propia terra, e os colonos marroquís instalados no territorio con posterioridade á ocupación militar os que, de forma moi directa e ao servizo da represión, participaron no ataque contra as propiedades e os domicilios dos saharauís nun acto de prepotente intimidación que puido dexenerar nunha verdadeira traxedia. Abríase unha profunda brecha entre unha e outra poboación que incidía tamén na minoría de saharauís que se manifestaran partidarios dos marroquís e que se vían obrigados a escoller entre a solidariedade cos seus familiares ou a submisión á violencia dos seus aceptados dominadores.

Esta mesma semana, para o día 26, está convocado o xuízo contra os vinte e tres detidos en relación cos sucesos de Gdeim Izik. Unha convocatoria que podería ser posposta como o foi en anteriores ocasións e que pretende responsabilizar ante un tribunal militar a quen se retivo ilegalmente durante dous anos en prisión preventiva, e se someteu a vexacións e torturas notorias e recollidas en informas públicos. Os dous Abdulahi, Ahmed, Babeit, Brahim, Cheij, Deich e o resto dos seus compañeiros non son senón os reféns nos cales castigar a ousadía de intentar levar cabo unha protesta pacífica contra o poder ocupante do seu país. Ese é o seu delito e o que recae de forma permanente sobre todos os e as saharauís sempre baixo sospeita de sedición. Unha consecuencia do fracaso silenciado, pero clamoroso, da proclamada anexión.

Por que cremos que é probable a nova suspensión do xuízo?... Porque o día 27 se inicia unha visita aos países implicados no conflito por parte de Cristopher Ross, enviado especial do secretario da ONU para o Sahara Occidental. Unha visita que incluirá a súa primeira estanza nos territorios ocupados militarmente por Marrocos e que cabe, recordar, foi denegada hai meses polas autoridades marroquís que, ademais, lle retiraron a súa confianza sen conseguir outra cousa que a reafirmación do seu mandato. Un indicativo máis do cambio que xerou a protesta de Gdeim Izik.

Conciencia da propia dignidade, sometemento dos intereses persoais ás necesidades colectivas, carencia de personalismos, capacidade de sacrificio, asunción cívica da propia identidade como aglutinante e non como factor de diferenciación son carácteres que Gdeim Izik resaltou e puxo de relevo e dos que quizais deberiamos de aprender neste vello e baqueteado canto de Europa. Deberiamos de reflexionalo.