Gaza sempre no corazón


Gaza outra vez. Ese pequeno territorio que resta de todo un país roubado miserabelmente, e con apoio internacional, polos sionistas, xa vai para setenta anos. Desde aquela, o crime foi a lei dun estado que lle chamou á invasión loita de liberación. O obxectivo, claro: o exterminio de palestinos e palestinas. E unha vez máis, nesa franxa de apenas cincuenta por dez qm. na que viven apiñocadas un millón cincocentas mil persoas, o terror do sionismo volve matar, ferir gravemente e destruír edificios mesmo da ONU. Non quero entrar xa na dor de ver esgazada a vida de centos de nenos e nenas, e por iso, o futuro da nación libre que o pobo palestino quere exercer libremente; mais si quero berrar como millóns de persoas hoxe no mundo para que ese estado infernal construído en base ao crime e á rapina, á mentira e ao terror cese, remate, se extinga como exemplo do que os seres humanos nunca deben construír.

Non son terroristas quen, en base á inxustiza e á submisión dun pobo loitan para liberarse e liberar o seu país. E menos se, ademais, son elixidos democraticamente pola súa xente. Como non era terrorista David, de Belén de Xudá, con aquela pedriña de nada, fronte ao xigante Goliat, filisteo e armado até os dentes, non si?, según nos conta a pasaxe da Biblia. Os foguetes de Hamas, como instrumento de rebelión e defensa, son máis lícitos que as bombas, avións, tanques e todo o armamento máis sofisticado dun exército asasino fornecido nada menos que, entre outros moitos, por países como EE.UU. ou España. Hipócritas as lágrimas de Obama polas vítimas de Gaza cando ao mesmo tempo armaba contundentemente aos sionistas. Ou as dos outros presidentes ou primeiros ministros, como o francés, inglés ou alemán, laiándose da intervención dos sionistas en Gaza cando planifican, despois, parte do negocio de levantar o destruído, ou continúan a comerciar con eles. Onde o embargo inmediato a a ese Estado que multiplica arreo a burla ás resolucións da ONU? Onde o Tribunal Penal Internacional que non levanta acta de xulgamento para os responsábeis todos da matanza e o exterminio?

Non pode occidente, definitivamente, falar de xustiza, de liberdade ou de democracia. Non pode usar xa a palabra humanismo. As cousas chegaron ao límite. Occidente quedou sen argumento algún para falar de Palestina e do crime. As democracias occidentais están facendo auga por todos os lados. Non o son. Porque están feitas a medida do invasor, do explotador ou do poderoso, non a medida dos pobos. Son tramposas porque segundo as súas normas nunca unha alternativa realmente popular, humana e humilde poderá levar a responsabilidade dunha nación. Pero fronte a isto si hai resposta popular contra os crimes dos sionistas en moitas cidades europeas, e contundente. Haina cada día, curiosamente silenciada per eses grandes obuses que son a maioría dos medios de comunicación para que as conciencias non se contaminen de rebeldía.

Boto de menos, con todo, unha resposta dos deputados e deputadas europeos de ideoloxía esquerdista que, ademais, acaban de estrear cadeira nese parlamento. Por que non aparece ese movemento de protesta activa e de debate imprescindíbel sobre Gaza no novo parlamento recentemente constituído? A unión é esta, meus amigos e amigas: activar a mecha necesaria para desenmascarar o xogo político e económico que moitos compoñentes deste parlamento se traen tamén co Estado de Israel. Necesitamos esa unión e os efectos da mesma. Aínda que sexa tarde xa. É ben triste dicir isto: aínda que sexa despois do crime. Non vaia ser que o ánimo desa renovación política tan cantada remate nos problemas de cada un e nas súas particularidades.

Fago meu o sentir e a beleza en carne viva destes versos do poeta palestino Mahmud Darwish, morto no 2008 coa angustia de non poder exercer como palestino dunha nación libre:

Escribe/que son árabe;/que roubache as viñas do meu abó/ e unha terra que araba,/
eu, con todos os meus fillos./Que só nos deixache/estes penedos.../¿Non mas vai sacar o teu goberno tamén,/como se di?/Escribe, pois.../Escribe/no comezo da primeira páxina/que non aborrezo a ninguén,/nen a ninguén roubo nada./Mais, que si teño fame,/devorarei a carne de quen a min me roube./¡Coidado, pois!.../¡Coidado coa miña fame,/e coa miña ira!