Fin dunha fase histórica?
Que a Historia sexa ciencia do pasado -da que por tanto non debamos esperar ningunha proxección fiable de futuro- non significa que non nos poida proporcionar leccións de utilidade.
Pois ben, se botamos cara atrás unha ollada de duración aparentemente algo longa (uns centos de anos son moi pouco na Historia), podemos emitir un diagnóstico plausible sobre a crise actual, a cal, por moi manipulada que estea, de certo existe e ademais non ten trazas de tratarse dunha desas "crises cíclicas" do capitalismo, senón de algo máis profundo. Tal vez para Europa (ou para Occidente) se estea a pechar unha fase aberta na chamada Idade Moderna (a finais do século XV).
Ata aquelas datas Europa non pasaba de ser un modesto extremo do Mundo, certamente en expansión, pero demograficamente feble e economicamente deficitaria fronte ao extenso mundo musulmán (desde o Magreb ata a India) e ao alonxado Extremo Oriente chinés, moito máis evolucionado administrativamente e de onde nos chegaban innovacións técnicas. As condicións medias de vida dos europeos non estaban por riba das deles. Nada contradicía de momento a aseveración de que «ex Oriente, lux».
Sen embargo, dúas circunstancias aparentemente contradictorias provocaron un sorprendente cambio de equilibrios: por unha parte, a perturbación do tráfico con Oriente (de onde procedían mercadorías de gran valor) e da afluencia de ouro provocada polo control turco-otomano do Próximo Oriente e do norte de África, o cal obrigou aos europeos a procurar un contacto directo con China, a India e as "Illas das Especias" (ben bordeando África, ben navegando cara a Occidente, onde tropezaron con América); mais por outra parte -e xusto en sentido contrario- o retraemento chinés sobre o seu enorme territorio continental, abandonando uns contactos marítimos que se estendían ata a costa oriental de África, de tal maneira que canto chegaron alí os portugueses (1498) só atoparon unha competencia limitada.
A partir de entón produciuse un prodixioso desenvolvemento do dominio europeo por América, África, Oceanía e boa parte de Asia, que foi posible grazas aos constantes avances técnicos e á constitución duns Estados particularmente concebidos para o imperialismo e a competencia mutua. O saqueo colonial e o xenocidio drenaron cara a Europa riquezas inmensas, en tanto que as continuas guerras intereuropeas, dunha crueldade crecente e antes nunca vista, permitíronlle a certos países levarse a parte do león.
Durante varios séculos só unha ínfima minoría aristocrática foi beneficiaria dese botín, en tanto que a maior parte da poboación europea permaneceu no nivel de sempre ou mesmo baixou del. Pero os procesos revolucionarios abertos a finais do s. XVIII colocaron á burguesía no poder e permitiron logo ás clases populares o acceso a unha situación máis folgada, plasmada a mediados do s. XX no denominado Estado do benestar. A oligarquía burguesa agora dominante predicaba que a mellora das condicións de vida era algo imparable, mais procuraba calar que tal distribución da riqueza só era posible coa conseguinte intensificación do imperialismo, toda vez que o simple desenvolvemento interno do capitalismo ten un teito limitado.
A novidade da época que nós estamos a vivir neste cambio de milenio consiste en que o dominio do Mundo por parte de Occidente semella ter chegado ao tope, desde o momento en que non só o Extremo Oriente (de novo China, etc.) recupera unha iniciativa (demográfica e económica) coa que evidentemente Europa non pode competir, senón que outros países emerxen reclamando o seu lugar (desde a India ao Brasil, pasando por Irán, Turquía ou Sudáfrica), mentres que outros moitos (de Afganistán a Cuba ou Venezuela) se resisten a acatar o tradicional rol imposto por Occidente, nun mundo crecentemente multipolar.
O sistema reséntese por completo e compréndese entón a acertada valoración de Lenin de que o imperialismo era a fase superior do capitalismo.
Os voceiros do neocapitalismo (en fin, do capitalismo sen máis; tanto ten a versión ultraliberal como a socialdemócrata) din algo de verdade cando advirten de que estábamos vivindo por riba das "nosas" posibilidades, no sentido de que sen o expolio colonial é imposible manter o nivel de consumo occidental. No que menten é ao pretender que o problema está nas nosas condicións de vida, nas do pobo en xeral (clases medias, traballadores e parados), e non nas desa minoría que acapara unha riqueza inmoral.
Parece obvio que nas novas condicións que se perciben xa no mundo, a configuración do "Estado do benestar" é inviable, mais non porque a cidadanía aspire a manter unhas condicións de vida aceptables e a melloralas, senón porque a minoría hexemónica só poderá seguir nadando na superabundancia a costa do empobrecemento inexorable da maioría. Agora -se cadra máis que nunca- o socialismo é a única alternativa aceptable. É dicir, o fin da explotación do resto do Mundo (o cal probablemente será forzoso) e o reparto equitativo da riqueza que nos corresponda.
Ben entendido, que o lóxico e o desexable non ten por que ser o que se impoña. A Historia ensina que moi a miúdo acontece xustamente o contrario, pois os poderosos están sempre dispostos a desencadear a catástrofe.
Por algo a rojigualda campea de novo ao vento.