Fanatismo e fundamentalismo nas raíces da nosa contemporaneidade

Fanatismo e fundamentalismo nas raíces da nosa contemporaneidade

Nos últimos tempos intentei reflexionar, dende unha perspectiva histórica, sobre o marco político internacional, con especial referencia á dinámica do Islam magrebí e do próximo oriente, vertente meridional mediterránea e foco de tensións crecentes tanto a nivel interno coma no marco da confrontación entre algúns dos países máis representativos do mundo occidental e as distintas faccións do radicalismo islámico presentes nesa zona. Unha visión que pretendía achegarnos ao entendemento da dinámica social e política do territorio pero, á vez, ao cuestionamento dunha reflexión ao nesgo e cargada de prexuízos e que pretendía establecer, de forma aberta e interrogativa, as precondicións para a formulación de comportamentos e actitudes de maior efectividade e menor custo político e social.

E tratei de convocar a unha consideración dialóxica desta, dende unha perspectiva nada dogmática nin excluínte, a partir dunha indagación atenta e dunhas ferramentas metodolóxicas e conceptuais a compartir, aínda que non sempre suficientemente a explicitar por falta de espazo. En modo algún buscouse reivindicar unha posición de analista que, dende o exercicio de certa habilidade ou maxia, esconda os seus trucos aos posibles interlocutores; antes ben, procurei facelo dende unha conciencia cidadá que participa os seus achados pero tamén as súas incertezas e as súas carencias, as súas dúbidas e as súas inconsistencias, as súas preocupacións e as súas notorias empatías. Dende a indagación de quen busca e non da douta sabedoría de quen mostra.

Un exercicio non exento de dificultade, tanto para quen escribe como para o entendemento dos posibles lectores, que nos faga máis galegos en canto asumamos en maior medida a nosa condición de cidadáns do mundo, abertos á posible comprensión de todo o que nos rodea sen complexos nin reducionismos. E para o que, como nesta ocasión, son necesarias certas precisións conceptuais e epistémicas que entendo clarificadoras en relación con acontecementos que nos conmoven e espantan, á vez, nestes días, como o atentado de Sidney ou o masacre brutal e inxustificable do colexio de Peshawar.

Para iso, quixera hoxe fixar a miña atención, e provocar a vosa, sobre o carácter histórico, permanentemente reactualizado, e a innovadora e destrutiva asociación posmoderna de dous conceptos aparentemente complementarios, pero distintos en esencia, como son os de fanatismo e fundamentalismo.

O un, caracterizador da paixón desmedida, da crenza inmoderada e da violencia desatinada á que leva a cega convicción negadora da dúbida e do dereito de quen, diferentes, son reos da culpa de non ser como nós ten unha orixe ancestral. Unha sociedade -inferno de salvadores, como a describe lúcida e acidamente Emil Cioran- constituída por seres que, posuídos da súa verdade, absoluta e excluínte, buscan facerlla chegar aos que non saben dela ou sufrila aos que se negan a coñecela, obsesionados pola salvación colectiva e polo medo ao descoñecido que os atenaza e do que a súa certeza os redime. Unha actitude cuxa pertinaz recorrencia na evolución das diferentes sociedades marca gloriosos momentos de horror e desastre que arrastran e fracturan as xa desplumadas ás do Anxo da Historia, no dramático pesadelo de Walter Benjamin, e cuxo alentó profético, egotista e desmedido, leva á divinización da propia conduta, fiel intérprete desa vontade suprema que desexamos consumar, enfebrecidos. A que vai dende o acoso dos pagáns polo inflamado cristianismo no ocaso do Imperio Romano ao gratuíto sacrificio suicida da seita dos hashashin nizaríes, de cuxo despectivo nome deriva o termo de asasino, ao ascenso e a caída do teatral Reich alemán, nacido para cambiar ao mundo á súa medida e provocar o desastre radical do pobo alemán, ao integrismo purificador de certas comunidades perfectas protestantes, refuxio de xustos puros, ou á sinistra revolución campesiña dos Khmeres Vermellos camboxanos. Unha indecente mestura de banalidade e apocalipse, enlodada polo sangue que paga a indesexada salvación das súas vítimas.

Pola contra, o segundo termo é de orixe recente e, no seu sentido básico, recolle a práctica, bastante reiterada polas diferentes teoloxías e formas de pensamento, de renovarse a partir da invocación da tradición e das formulacións ideolóxicas orixinarias. Pode formularse como unha proposta tradicionalista ou rexenerativo, segundo se estableza a súa finalidade; pero, en ambos os dous casos, os procedementos epistemolóxicos resultan semellantes aínda que os obxectivos non o sexan, podendo chegar a explicitarse como proxectos contraditorios ou, mesmo, abertamente contrapostos. Neste sentido, constitúe un dos exercicios básicos para toda reformulación, creativa ou esencialista, do pensamento e das crenzas. Unha actitude integrista, habitual antes da aparición desa palabra, que o mesmo promovía a asunción de reformas profundas como a primitiva regra franciscana, o protestantismo ou o mesmo marxismo (a conclusión ou peche do ciclo histórico coa volta ao comunismo primitivo) como dotaba de sentido teolóxico ou político ás máis vetustas formulacións reaccionarias do tipo das concibidas polos movementos tradicionalistas no seo da Igrexa católica como o Opus Dei, Comuñón e Liberación, o Camiño Neocatecumenal ou a Lexión de Cristo (cunha notoria capacidade de influencia nas esferas política e económica), a Igrexa Presbiteriana Ortodoxa, o dogmatismo baptista ou o integrismo mormón entre os protestantes, o wahabismo sunnita difundido dende Arabia Saudí ou o rigorismo chií entre os musulmáns, o xudaísmo karaíta, e ata unha parte da intelectualidade neocon nos Estados Unidos, baixo a influencia das crenzas fundamentalistas cristiás, ou o importante e nacionalista Partido Popular hindú, hoxe no Goberno do país, avalado por unha ampla maioría parlamentaria.

,
En concreto, este vocábulo aparece a partir da chamada Declaración dos Cinco Fundamentos da Fe por parte da Asemblea Xeral da Igrexa Presbiteriana dos Estados Unidos no ano 1910. Eses cinco principios (a infalibilidade das Escrituras; o nacemento virxinal de Xesús; a súa morte física; a súa resurrección corpórea; e a realidade dos milagres) supoñen o inicio dun proceso perfeccionista que chega ata a crenza na literalidade da Biblia e, por extensión, dos Libros Sagrados doutras relixións como a xudaica e a musulmá.

Un pensamento minoritario e de formulación eminentemente teolóxica que non parecese afectar á deriva civilista e laicista do mundo en xeral e, particularmente, do occidente capitalista e próspero, entregado ao idólatra desfrute do consumismo. Unha conxuntura que se modifica, nos últimos tempos, como consecuencia do retroceso do nivel de vida occidental, o imperio do utilitarismo especulativo na determinación das estratexias económicas e socio-políticas e o cuestionamento da hexemonía mundial dos Estados Unidos por moito que algúns autores, como Ernest Gellner, o convertan nunha resposta ideolóxica á incerteza e o relativismo posmodernista.

O verdadeiramente novidoso no noso contexto xeopolítico actual resulta ser, en primeiro termo, a estrita dimensión política crecente que adquire este tipo de movementos en todo o mundo; a través dun dinámico activismo de masas orientado a favorecer a toma do poder no mundo islámico ou da sutil influencia sobre as minorías dirixentes no mundo desenvolvido. En todo caso, convertendo as súas crenzas nun proxecto político explícito ou simulado, destinado a configurar un mesianismo redentor baseado na recuperación dun pasado idealizado, identificador e purista, no que a teoloxía política se converte en ideoloxía inspiradora. Os textos sagrados convértense en Verdade Eterna e os principios morais arcaicos en codificacións legais, esencias de todo dereito. Unha loita efectiva en todas as súas dimensións (militares, políticas, sociais, económicas) moito máis evidentes, e, polo mesmo, inquietantes no mundo islámico, no que se utiliza como elemento demoníaco aglutinante o perigo do capitalismo sinuoso e encantador, ou o rexeitamento de toda inxerencia estadounidense, occidental ou cristiá; e cuxas dimensións poden acrecentarse de forma perigosa se o protagonismo político destes movementos no denominado mundo occidental crecese ou derivase en novas formulacións totalitarias. Nese suposto, hipótese aínda pouco probable a día de hoxe, estariamos ante unha confrontación frontal non entre dous modelos de sociedade ou entre dúas propostas políticas alternativas senón en dúas versións diferentes dun mesmo modelo, institucionalizadas a partir de diferentes concepcións teolóxicas. Sería o escenario dese choque de civilizacións que máis profetizou e advertiu que seriamente analizou Samuel Phillips Huntington, lastrado polos seus propios prexuízos racistas e a súa consideración de que a supremacía se alcanza a través do exercicio da violencia organizada. Unha doutrina que reduciría á nada todas as boas intencións e consensos propiciados? polas Nacións Unidas e situaría toda hipotética esperanza na construción dun mundo perfecto, cavernícola e retrógrado.

Outra característica preocupante da deriva actual é a asociación do fundamentalismo cos comportamentos fanáticos o que mellora indubidablemente as súas posibilidades efectivas de éxito a curto prazo ao custo inmenso de aumentar os perigos potenciais para toda a humanidade en dimensións temporais máis dilatadas; incluídos, por suposto, os miles de millóns non fundamentalistas. Ese fanatismo, que prende en sectores sociais crecentes de forma banal e irresponsable, ten como consecuencia as aberracións inhumanas que o mesmo escravizan a nenas e mulleres doutras crenzas, que toman como obxectivos militares criaturas inocentes de calquera bando (é máis limpo e hixiénico tecnoloxicamente matar por medio de dróns dotados con explosivos que axustizar a tiros uns reféns, aínda que os desvastadores resultados sexan idénticos), ou que tratan de anular física ou psiquicamente aos presuntos adversarios polo mero feito de ser identificados como tales; aínda que algúns, máis comedidos, o único que intenten sexa o axustizamento dos partidarios dalgún equipo rival. E é que, xa se sabe, non hai mellor principio fundamental que as Leis do Talión e de Linch; sobre todo, se se aplican con rigor e conciencia.

O elemento novidoso que constitúe estas organizacións en perigos potenciais de desvastadoras e incalculables consecuencias a nivel mundial, en inquietantes e inestables bombas atómicas en potencia é unha característica que non foi suficientemente subliñada polos moitos estudosos deste fenómeno. Trátase da sua ahistoricidade.

Estes grupos proxectan unha dinámica de futuro que non contempla nin asume a evolución nin o cambio senón como identificación retroactiva coas orixes, o que constitúe un risco evidente ao impugnar o principio básico da nosa dinámica vital: o de construírmonos como seres en transformación, mudables, cunha elevada capacidade adaptativa que nos fixo prevalecer como especie. Para nada se pode asentar a hipótese de que calquera futuro é necesariamente mellor que o xa acaecido pero o que resulta indubidable é que, como especie ou como conxunto de sociedades ou grupos sociais diversos, estamos obrigados a abordalo por imperativo e categórico mandato biolóxico. Ou iso ou a nosa extinción.

Parecería que algúns tivesen xa resolto ese presunto dilema coa proxectada desaparición dos diferentes e inadaptados varios. Gañariamos recursos dispoñibles, espazo vital e postos de traballo e suprimiriamos toda disensión e diferenza nun paraíso habitado polos idénticos. Nese caso, espero que gañemos os menos parvos. E, algo que me inquieta,... E se eu non fose un deles?...

Fronte á representación da figura humana perfilada de modo dinámico, ou a recreación dun Janus bifronte, contraditorio e complementario a un tempo, proxectado coa súa mirada cara ao pasado e o futuro ou a súa inclusión figurativa na perspectiva espacial, logo disociada en planos asimétricos deformantes, hoxe pareceriamos reivindicar a imaxe dun hierático pantocrátor antropomórfico que proclamase a súa verdade eterna por enriba e máis alá do tempo. Redentor idolátra meramente humano. Inimigo encarnizado e feroz de Faray Fuda, de Nasr Hamid Abu Zayd, de Nawal al-Saadawi ou de Saad al-Din Ibrahim.