Estados e organismos «aparentes» en Latinoamérica

Estados e organismos «aparentes» en Latinoamérica

O pensador boliviano René Zavaleta[i] acuñou o termo de Estado aparente (pensando en Bolivia) para aquel Estado parcial que só representa un anaco da sociedade (a máis rica), que só artella uns anacos do territorio (todo xira arredor e para o centro), que só artella certos hábitos políticos (propios da democracia burguesa) e deixa á marxe todo o demais.

Estes Estados aparentes tiveron o seu remate en Latinoamérica co triunfo da Revolución cubana e continúan a caer despois das vitorias de movementos de esquerda e antiimperialistas na Arxentina, no Brasil, Bolivia, El Salvador, no Paraguai, no Uruguai, na Venezuela…

Esa «aparencia» tiña o seu envés nas relacións internacionais que mantiñan as repúblicas latinoamericanas e nos organismos internacionais que, fundados por Estados Unidos, creaban unhas relacións internacionais «aparentes» nuns organismos «aparentes». Paradoxalmente a mellor época de «boas relacións» e colaboración entre Estados latinoamericanos foi durante as ditaduras militares e a súa estreita colaboración no asasinato e persecución dos movementos armados de esquerda que trataban de derrubalo.

Así, nese «irmandamento» de Estados en boa sintonía, países como Cuba foron expulsados de organismos como a OEA que, transliterando o termo de Zavaleta, representaba e representa un «organismo multiestatal aparente».

A fin destes Estados aparentes trouxo a necesidade de rematar con estes organismos aparentes e o nacemento doutros que representasen Estados soberanos de verdade. Velaí o ALCA e o CELAC, organización esta última na que non están presentes nin Estados Unidos nin Canadá.

A vitoria moral que representa rematar con organismos aparentes como a OEA non é total mentres Estados quintacolumnistas ás ordes de Estados Unidos (Panamá, Colombia, etc) pretendan torpedear a independencia e a liberdade destes novos organismos. De verdade alguén creu que Estados Unidos non estaba presente no Celac? Desde logo que está e todos sabemos cales son os seus representantes, uns activamente e outros á espreita de recibir ordes.



[i]
René Zavaleta Mercado (Oruro, Bolivia, 1935 - México D. F., 1984), político, sociólogo e filósofo, foi ministro de Minas e Petróleo no gobernó boliviano do Movimiento Nacionalista Revolucionario.