Estado español e inmigración “cualificada”
Despois de ano e medio de traballo e un millón de euros, o ex -presidente Felipe González presentou un informe de 30 páxinas, encargado pola Unión Europea ao chamado Grupo de reflexión, no cal analizan e propoñen medidas para o futuro da UE en 2030.
As recomendacións son lugares comúns que non xustifican nin o prezo nin o valor do informe, pero resalta a repetitiva chamada á creación dunha política migratoria común da UE e, en especial, á admisión de emigrantes cualificados.
No mes de xullo falei por teléfono cun médico cubano que traballaba en Guinea Ecuatorial enviado polo Goberno cubano. Dixérame que en agosto tiña que volver a La Habana, vía Madrid, e que no aeroporto pensaba pedir asilo político.
Non só fixo o que dixera senón que un mes despois, en setembro, xa tiña toda a súa documentación en regra e a homologación do título de medicina en trámite. Aquí é indubidábel que primou a súa condición de médico sobre a situación xeral de Cuba e que nunca se tomaron en conta as necesidades médico-asistenciais da poboación cubana.
O dilema real da política migratoria española, de preferencia para os inmigrantes cualificados, é o prexuízo para o desenvolvemento dos países de que son orixinarios eses inmigrantes, principalmente de Latinoamérica. Estes estados precisan desa man de obra cualificada, que eles mesmos formaron e financiaron ou enviaron ao estranxeiro para especializarse, pero para que voltasen e aplicasen eses coñecementos nos seus países de orixe.
Na súa primeira lexislatura, o goberno de Zapatero propuxera unha política europea común de facilidades para conceder visados á man de obra inmigrante cualificada. A proposta, que non foi aprobada, renace na Lei orgánica 2/2009, do 11 de decembro, que no seu artigo 38 Residencia e traballo de profesionais altamente cualificados, no seu punto 3 di: "Para a concesión das autorizacións destinadas a profesionais altamente cualificados poderase ter en conta a situación nacional de emprego, así como a necesidade de protexer a suficiencia de recursos humanos no país de orixe do estranxeiro."
Malia esta afirmación condicionada, "poderase", non especifica como protexerán a suficiencia de recursos humanos dos países desenvolvidos... co envío de ATS e paramédicos membros de ONGs por un mes ou dous?
O resultado final é o roubo deses recursos humanos, sen investir na súa formación, aforrando os recursos materiais e humanos necesarios que esta exixe e mantendo no subdesenvolvemento económico ¾ partes do mundo e desatendida á súa propia poboación.