Escocia, átomos e democracia
Leo o libro Arguing for Independence. Evidence, Risk and the Wicked Issues (Argumentando pola independencia: evidencia, risco e as cuestións revesgadas; Luath Books, 2012), do autor escocés Stephen Maxwell e, aínda sen coñecer de primeira man a situación escocesa, atrévome a comentar algún dos seus aspectos.
Maxwell foi profesor universitario, político nacionalista e activista antinuclear. Desde a década dos 70 representou a liña máis esquerdista do socialdemócrata Partido Nacional Escocés (SNP). O seu rigor na argumentación e o seu decidido compromiso pola opción independentista marcaron unha vida que rematou o ano pasado. Maxwell faleceu en abril aos 69 anos unha vez rematado o libro, que foi publicado como obra póstuma.
Na súa rigorosa e sosegada argumentación pola independencia o autor presenta a debate seis casos: o democrático, o económico, o social, o internacional, o cultural e o medioambiental. Chámame especialmente a atención o cuarto deles, relativo ás implicacións internacionais da creación do novo estado. Desde a distancia galega, cáusame certo impacto positivo a claridade e a franqueza coa que o independentismo escocés encara o desmantelamento da base submarina HMNB Clyde na localidade escocesa de Faslane, unha vez gañada a ansiada independencia. Alí sitúase o único emprazamento do sistema disuasivo estratéxico nuclear británico.
A forza nuclear británica pode parecer modesta en números. Componse de catro submarinos tipo Vanguard dos cales, de xeito rotatorio, cando menos un está en constante patrulla, cando máis dous en agarda na base e o restante en revisión técnica. Mais cada submarino vai armado con 16 mísiles nucleares Trident II, dos 160 operativos que hoxe almacena o Reino Unido como arsenal atómico.
Aínda que pensado para a guerra fría e cada vez máis contestado, o sistema de armamento nuclear británico estaba lonxe de ser extinguido. Máis ben ao contrario, Tony Blair declarara nas súas memorias políticas que aínda entendendo certos argumentos prácticos en contra dos Trident, prescindir deles tería sido ‘unha rebaixa de estatus demasiado grande para a nosa nación’. En consecuencia, o na altura primeiro ministro ordenou en 2006 a elaboración de plans para a renovación dos submarinos tipo Vanguard, en servizo desde os primeiros 90. Polo seu valor simbólico, a forza nuclear británica é unha das xoias da coroa non só do exército, senón do propio Reino Unido como potencia global.
Porén, a posición do nacionalismo escocés é a desaparición pura e dura da base de Faslane, desaparición á que o unionismo maioritariamente se opón. Certo é que neste debate non faltan intentos de cambadela. Un popular aristócrata ultraconservador escocés chegou a suxerir que no caso da independencia a base nuclear debería ser oferecida ás illas setentrionais de Orkney e Shetland, que, separadas de Escocia e retidas polo RU, albergarían a instalación militar xunto coas plataformas petrolíferas do mar do Norte. Aínda que enxeñosa, esta singular proposta non tivo eco. A permanencia da base de Faslane, e polo tanto da estratexia militar británica, parece estarse xogando no medio dun debate limpo e racional.
Disque un libro di tanto polo que non conta que polo que conta, e é aquí onde a verdadeira sorpresa aparece. En contraste co que vén sucedendo en España con menos motivo, non se dá conta no libro sobre ningún militar británico que abrise a boca sobre o tema, e menos para ameazar. Nin acendidas proclamas, nin chamados á defensa da patria por riba da democracia, nin promesas de intervención militar que, apoiadas ou non na propia legalidade, sirvan para violentar decisións tomadas pacificamente.
En España, un constante rumor de sabres e un inquietante brillo de tricornios planea sobre o debate independentista, distorsionándoo á mantenta. A man branda parece ser a resposta do Estado cara os exabruptos militares, mais en Cataluña aparecen dimisións forzadas de fiscais xerais por timidamente defenderen presupostos democráticos que en Escocia e Inglaterra son moeda de uso común.
Moito se equivoca o autor do libro cando ao analizar a calidade da democracia británica invoca e dá creto ao informe Democracy Index 2010 que, elaborado pola revista The Economist, equipara en puntuación aos sistemas políticos británico e español pola súa robustez democrática. Faino Maxwell como crítica: despois de Inglaterra liderar o mundo en canto a liberdades cívicas, a calidade da súa democracia baixou, e nos albores do século vinte e un é equiparábel á española.
Poden respirar tranquilos en Escocia. Con todos os males que ten -que son abondosos- na xestión das crises escocesa e catalá o sistema político británico parécese ao réxime español como un ovo a unha castaña. Non sen razón, na edición do mesmo estudo correspondente a 2011 a democracia española é rebaixada de nivel e, xa lonxe da británica, vén ocupar o derradeiro lugar das democracias completas, a un só paso da seguinte categoría, a chamada das ‘democracias defectuosas’.
E ‘democracia defectuosa’ sería unha cualificación sen dúbida benévola para definir o sistema político galego, que é o que realmente nos interesa. Sería bon que o debate sobre a soberanía de Galiza puidese producirse nun contexto cando menos como o escocés, e non no campo enlamado que nos impoñen. Un campo definido, por exemplo, polo monopolio informativo dos medios de comunicación públicos e empresariais en constante campaña antinacionalista ou polas provocacións hooligans contra a lingua propia perpetradas polo goberno da Xunta. Pero disto xa falaremos noutra ocasión.
Cre Maxwell que a desaparición da base de Faslane non só beneficiará a Escocia, senón tamén a Inglaterra. Dados os custes económicos e sociais de construír unha nova instalación no resto do Reino Unido, o xa ineficaz, caro e perigoso sistema nuclear sería por fin desmantelado, deixando as razóns de estatus nacional para mellor ocasión.
Tamén cre que a independencia de Escocia é o único camiño para o desmantelamento do poder nuclear británico. Non o sabemos, pero si sabemos que é un camiño factíbel e seguro. Vexan vostedes: despois de anos de loita antinuclear en Escocia e no resto do Reino Unido, Faslane e a estratexia militar británica están hoxe en serio perigo grazas ao exercicio do dereito de autodeterminación dun povo. A tolemia nuclear global cuestionada pola independencia escocesa. Quen, desde a dereita ou desde a esquerda, pode argumentar que insistir na soberanía dos povos é un exercicio inútil, ou equivale a non enterarse de nada?
Vaia este artigo dedicado á memoria de Stephen Maxwell e á saúde de todas aquelas persoas que argumentan pola independencia, tanto en Escocia como en Galiza. O libro, que pode obterse nas plataformas dixitais habituais a un prezo razoábel, fala de moito máis que de Faslane. É mágoa que non estea traducido, porque así a súa lectura fica reservada aos que se atrevan coa lingua franca global. Se é así e lles apetece, léano e comentamos.