En Honduras só a resistencia impedirá a fraude electoral
En Honduras estase producindo nestes momentos unha fraude electoral; neste estado centroamericano celebráronse o pasado 26 de novembro eleccións presidenciais, parlamentarias e municipais; e tanto a povoación hondureña como quen seguimos desde lonxe o escrutinio tivemos a oportunidade de comprobar como a partir da noite do martes empezaba a producirse un cambio estraño que daba volta a unha tendencia que se mantiña desde a noite das eleccións e que auguraba unha vitoria ao candidato opositor.
Desde o domingo todos os datos que se ían coñecendo daban como seguro gañador nas presidenciais ao candidato da Alianza de Oposición contra a Ditadura, Salvador Nasralla, a unha distancia suficiente do actual presidente Juan Orlando Hernández do Partido Nacional. Pero na noite do martes o reconto que ía publicando o Tribunal Supremo Electoral hondureño empezou a mudar a tendencia pouco a pouco, estancándose o candidato opositor e achegándose a el o actual presidente e candidato á reelección. Cando escribo este artigo (xoves día 30 a primeira hora da tarde) o reconto aínda non ten rematado, pero co 88,76% das mesas escrutadas a Alianza de Oposición conta a Ditadura ten o 41,7% dos votos fronte a un 42,48% do Partido Nacional.
Haberá mentes ben pensantes dicindo que non debemos aventurar hipóteses, e que é posíbel ese cambio de tendencia nun escrutinio, en función de que zonas ou colexios se escrutaran inicialmente, etc..., pero no caso de Honduras non é preciso nin ser mal pensado nin crer nas teorías da conspiración. Os antecedentes permiten afirmar que estamos diante dunha tentativa clara de fraude electoral, enmarcada na estratexia dos golpes brandos que nos últimos anos se teñen producido en diversos países de América Latina. Uns golpes brandos que veñen contando co asesoramento, e nalgúns casos coa participación directa, do Departamento de Estado dos EEUU, e que substitúen aos golpes sanguentos dos anos setenta e oitenta do século pasado. O Departamento de Estado norteamericano ademais, agardou case catro días para dicir algo ao respecto das eleccións hondureñas, e curiosamente foi cando empezou a aparecer o candidato gobernamental por diante no escrutinio cando EEUU fixo público o seu posicionamento “urximos a todos os candidatos a respectar os resultados unha vez se anuncien”.
Honduras sufriu en 2009 un golpe de estado do que apenas se falou, golpe que impediu que os hondureños e hondureñas decidiran en referendo se modificaban a súa Constitución, para entre outras cuestións introducir a posibilidade de que un presidente puidera presentarse a un segundo mandato. O daquela presidente Manuel Zelaya foi deposto por querer que o povo decidira e por tentar que o seu país mantivera unha política independente.
E curiosamente quen o derrocaron, argumentando que era ilegal tentar modificar a Constitución para poder presentarse á reelección, son quen agora, despois dunha escandalosa decisión do Tribunal Constitucional, presentan ao actual presidente como candidato á reelección; e por se o resultado non os acompañaba tiñan xa preparada toda a maquinaria para perpetrar a fraude.
Desde hai oito anos Honduras vive unha ditadura, aínda que a maioría dos medios de comunicación e as chancelerías internacionais miren cara outro lado, e só eleven un pouco a voz cando hai algunha “esaxeración” como puido ser en marzo de 2016 o asasinato da activista indíxena Berta Cáceres, un asasinato responsabilidade directa do estado hondureño, que actuou de man executora da empresa responsábel do proxecto hidroeléctrico Auga Zarca, que de levarse a cabo deixaría sen auga ao povo Lenca.
Ao remate deste artigo non sabemos cal será o resultado final, pero comprobamos como son milleiros os hondureños e hondureñas que están na rúa, defendendo o seu voto fronte aos golpistas.
Que a fraude se impoña ou que os golpistas dean marcha atrás, vai depender basicamente da capacidade de resistencia do povo; un povo que leva oito anos denunciando a situación de auténtica ditadura na que vive, diante da pasividade da maioría da comunidade internacional. Unha comunidade internacional que agás honrosas excepcións cala e pecha os ollos, asumindo 194 anos despois das promulgación da doutrina Monroe que segue a estar vixente, e que o imperialismo estadounidense pode campar polo seu “patio traseiro” e polo conxunto do planeta ás súas anchas; derrubando gobernos lexítimos ou manipulando resultados electorais cando considera que van contra dos seus intereses.