Eleccións presidenciais no Perú 2016

«Justicia para EL CHINO» (Xustiza para Fujimori) é unha das estrafalarias promesas electorais de Keiko Fujimori, filla do ex presidente e candidata por Fuerza Popular á presidencia do Perú nas próximas eleccións do 10 de abril de 2016, nas que se elixirán tamén os 130 deputados do parlamento unicameral peruano para o período 2016-2021.
Keiko Fujimori, que na actualidade é deputada e líder da segunda forza política do Parlamento peruano con 36 deputados, despois dos 42 de Gana Perú, Partido Nacionalista Peruano de Ollanta Humala (que non se presenta ás eleccións), encabeza todas as enquisas en intención de voto e pode chegar a ser a próxima presidenta peruana.
Perú é un país estigmatizado pola guerra civil dos anos 80 contra as guerrillas de Sendero Luminoso e o MRTA e a guerra sucia emprendida por Alberto Fujimori que rematou con eses movementos. De feito, os candidatos con maior intención de voto pertencen a esa época e tiveron postos de responsabilidade no goberno de Belaúnde Terry. Pedro Pablo Kuczynski foi ministro de Enerxía e Minas e Alfredo Barnechea foi deputado e candidato ao Concello de Lima. Se a estes dous candidatos sumamos a Keiko (que ten os votos do seu pai) vemos que case o 60% dos votos están dirixidos a persoeiros dos 80-90 e partidos de dereita que se autodefinen de centro. Nunha recente enquisa publicada sobre perfís ideolóxicos, o 58% dos peruanos eran de centro e unha gran parte, o 31%, respondían a un perfil autoritario, herdanza da época do fujimorismo e apócema que aínda moitos peruanos cren que é a solución aos seus problemas sociais.
A economía é o centro do debate político no Perú; no último índice de competividade do Foro Económico Mundial, Perú aparece no posto 109 sobre 148 países en calidade institucional e no 20 en canto a ambiente macroeconómico. Pero no índice de desenvolvemento humano das Nacións Unidas, Perú non para de baixar desde o posto 54º en 1980 até o 84º de 2014.
Esta «contradición» na que a economía medra e a calidade de vida dos cidadáns empeora, a macroeconomía contra a microeconomía, tradúcese en opcións electorais que prometen aplicar aos cidadáns as receitas macro ao micro. Non é casual que Keiko Fujimori posúa a licenciatura de Administración de negocios e o máster en Administración de empresas (ambos os dous nos Estados Unidos) e o seu principal opositor, Pedro Pablo Kuczynski, sexa economista (estudou en Inglaterra e ten un máster nos Estados Unidos). Iso sen contar que o ex presidente Alejandro Toledo (e tamén candidato presidencial en 2016), do que foi ministro Kuczynski, é economista pola universidade de Stanford.
Un «centro dereita» monocor que desde a década dos 90 converteu o Perú nun atractivo negocio para as multinacionais e obrigou á emigración a 2,4 millóns de peruanos por razóns económicas desde a subida ao poder de Fujimori até a actualidade.
Dos principais candidatos con posibilidades de chegar á presidencia do Perú ningún ten no seu programa nada que mude a situación de penuria humana de millóns de peruanos… coa excepción da proposta de Keiko de «Justicia para EL CHINO».
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.