Ecuador entra nunha dura segunda volta electoral
O 2 de abril celebrarase a segunda volta das eleccións presidenciais do Ecuador, entre o ex-vicepresidente e candidato da gobernamental Alianza-País Lenin Voltaire Moreno e o candidato do dereitista Movemento Político CREO o banqueiro Guillermo Lasso.
O 19 de febreiro a Alianza País faltoulle pouco máis de medio punto para facer un pleno, pois mantivo a maioría na Asemblea Nacional do Ecuador, venceu nas eleccións ao Parlamento Andino e venceu tamén na Consulta Popular que establece que para ocupar un cargo de elección popular ou ser funcionario público non se poderán ter bens en paraísos fiscais.
A lexislación electoral ecuatoriana establece que de non obter máis do 50% dos votos un candidato ou candidata pode acceder á presidencia sen necesidade de segunda volta se cumpre dúas condicións, obter o 40% dos votos e manter dunha distancia de do 10% sobre o segundo candidato en apoio electoral. Lenin Moreno obtivo o 19 de febreiro o 39,36% dos votos fronte ao 28,09% de Guillermo Lasso, superándoo ademais en máis de 1 millón de votos.
Acusacións de fraude electoral, informacións falsas de movementos militares, chamamentos a cercar o Consello Nacional Electoral, chamamentos a peches patronais, producíronse na propia noite electoral e nos días seguintes e todos eles viñan da candidatura de Guillermo Lasso, de medios de comunicación da dereita e de sectores empresariais claramente belixerantes coa Revolución Cidadá posta en marcha por Rafael Correa hai dez anos. Todo isto fai pensar que até o 2 de abril a tensión aumentará.
O certo é que a candidatura de Alianza País encara esta segunda volta nunha situación moi delicada, a maioría dos candidatos presidencias que non van á segunda volta teñen chamado por activa ou por pasiva a derrotar ao actual goberno, uns por coincidencia ideolóxica co candidato da dereita, e outros que se sitúan á esquerda de Alianza-País ou son defensores dos pobos indíxenas, polo enfrontamento que ao longo destes anos mantiveron cos gobernos de Rafael Correa, debido sobre todo ao apoio deste aos sectores extractivistas e á súa falla de sintonía con diversos movementos sociais. A derrota en cinco das seis provincias amazónicas son proba clara dun enfrontamento que representantes da candidatura Acordo Nacional polo Cambio certificaron hai uns días manifestando que nunca apoiarán ao continuísmo e que incluso un banqueiro é mellor que a “ditadura de Correa”.
A campaña de Alianza-País para o 19 de febreiro foi empachosa, chea de imaxes bonitas mostrando o feito, que foi moito nesta década. Pero era unha campaña que transmitía sobre todo unha mensaxe referida ao xa conseguido e con escasas propostas concretas e atractivas para o futuro, algo errado cando nos últimos tempos a baixa dos prezos do petróleo fixo que o Ecuador entrara nunha crise económica que non chegando aos niveis da de 1999 fai que a a maioría da xente busque cambios ao non ter presente na memoria todo o conseguido senón das dificultades dos últimos dous anos.
Foi a candidatura do banqueiro dereitista Guillermo Lasso a que propuxo cambios con propostas que enganchan como creación de postos de traballo, aumento do consumo coa redución de impostos, eliminación da corrupción, etc....
No mes que resta até o 2 de abril Alianza-País debe quentar a campaña se quere gañar, combinando propostas de futuro para profundar na Revolución Cidadá coa denuncia do que suporía o acceso á presidencia do candidato da dereita. Pero facer isto vai ser complexo, dada a personalidade do candidato Lenin Moreno que até o momento non foi quen de converterse no líder de masas que substitúa a unha personalidade tan forte como a de Rafael Correa.
Con todas as súas contradicións Alianza-País é a opción que pode manter ao Ecuador na senda dos avances sociais e da soberanía fronte a unha volta ás políticas neoliberais e de submisión ao imperialismo que suporía a vitoria de Guillermo Lasso.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.