...e o novelo de Bildu entrou pola escuadra
O novelo de cores de Bildu agrandouse ao recoller a ilusión que o documento Lortu Arte e o Acordo de Gernika xeraron nunha inmensa maioría da sociedade vasca. A pesar dos reveses e atrancos antidemocráticos sufridos, da represión que o Estado exerceu contra este pobo nos últimos anos, Euskal Herria non perdeu a esperanza de rachar con ese autoritarismo e tomar o camiño da paz e da democracia. Grazas a valentía de Eusko Alkartasuna e Alternatiba de apostar decididamente por un novo proceso político sen violencias, a pesar das ameazas de ilegalización por parte de Rubalcaba, traduciuse nun apoio masivo a esta coalición atraendo mais de 70.000 novos votos. Agardaban uns bos resultados electorais, pero poucos esperaban que chegara a ser a primeira forza en Gipuzkoa con unha goleada ao PNV de 22 escanos a 14 na Deputación e a segunda en Bizkaia, que obtivera a alcaldía por ser a candidatura mais votada no axuntamento de Donostia que foi feudo de Odon Elorza desde fai vinte anos e que desbancara ao PNV en pobos como Lemoa, Tolosa, Urduña, Sopela ou Larrabetxu, castigando así a xestión feita por este partido desde as anteriores eleccións. Quizás por elo, pensando que non o fixera moi ben durante eses anos aseguraba nesta campaña que agora é o momento de dar o mellor.
Pero o mellor foi que por fin púidose presentar Bildu, aínda que antes houbo manifestacións a favor da legalización de Sortu e despois pola legalización da coalición electoral, incluíndo a noite do 5 de maio, na que as prazas dos pobos mais importantes de Euskal Herria estiveron repletas de xente sentada no chan agardando ate que, ao fío da media noite, se coñeceu o veredicto do Tribunal Constitucional que confirmaba a legalidade de todas as listas. Esa noite celebrouse unha desas vitorias do pobo e da "Democracia REAL YA", que hoxe esixen os "Indignados" en varias prazas desta pel do touro de Osborne comandados por un membro da Fundación Everis, pero que os nacionalistas xa levamos moitos anos esixindo tanto en galego como en éuscaro. Foi unha noite que sempre se lembrará porque nela a democracia popular ganou unha batalla moi importante a este novo autoritarismo ou democracia de excepción.
A pesar desta pequena vitoria a batalla pola verdadeira democracia aínda non rematou, pois aínda hai unhas 40,000 persoas en Euskal Herria que non se poden presentar as eleccións por estar "contaminadas" e hai outras moitas que non poden nin sequera votar ao estar condenadas nos casos 18/98, Gestoras, Segi simplemente por facer política, ou os que están na cadea a espera de ser xulgados o próximo 27 deste mes polo caso Bateragune, como Rafa Díez, Arnaldo Otegi e outros, que curiosamente deu pé a este novo escenario sen violencia e a esta aposta pola paz, nin tampouco a Esquerda Abertzale puido facer campaña nin presentarse como tal debido a ilegalización de Sortu, namentres seguen as detencións arbitrarias, as denuncias de torturas e as condenas de anos de cadea en base a informes policiais obtidos baixo esa practica, como é o caso Mercedes Alcocer, Amets Ladislao, Javier Gutiérrez e Ibai Egurrola, que foron condenados a varios anos de cárcere pola Audiencia Nacional e absolvidos agora polo Tribunal Supremo debido a esas irregularidades deste "Estado de Dereito" recollidas na sentencia.
Foi a loita do pobo vasco a que fixo que a fronte independentista se puidera presentar as eleccións. E digo o pobo vasco porque non se pode dicir o mesmo de forzas que se reclaman nacionalistas, como é o caso do PNV, ou incluso independentistas, como Aralar, comandado por un antigo militante da Esquerda Abertzale.
Urkullu repetía o que lle ditaba Rubalcaba. Erixíndose en xuíz proclamaba que a Esquerda Abertzale xa sabía o que tiña que facer para estar nas eleccións, que senón estaba era porque non quería, que os pasos que deran non eran suficientes e que tiñan que seguir dando mais probas da súa vontade democrática. Dicían isto porque se atopaban tan cómodos nesta situación de apartheid, como o Estado na de violencia, xa que gobernaban feudos que antes eran maioría da Esquerda Abertzale como en Ondarroa que, ao ilegalizar ANV, estivo gobernada nestes últimos catro anos por unha xestora composta por militantes do PNV, e os que ían na lista electoral e se negaron a coller a acta de concelleiro que non lle correspondía foron expulsados do partido. Agora os independentistas obtiveron nove concelleiros dos trece que se compón o concello cando soamente pensaban en conseguir sete.
É certo que tamén ao PNV o desaloxaron de Ajuria Enea debido ao apartheid, pero dos 1.138 concelleiros que agora ten Bildu a maior parte levábanos eles e controlaba as Deputacións sen unha oposición real a súa xestión. Agora andan a poñer en tela de xuízo a capacitación de Bildu para liderar institucións, xusto cando o Tribunal de Xustiza da UE acaba de declarar ilegais as Vacacións Fiscais coas que eles agasallaron desde as Deputacións aos empresarios e a conseguinte suba de impostos (directos e indirectos) as clases populares.
Os de Aralar aseguraban que eles eran a única "Esquerda Abertzale independentista e Democrática" que cabía na faixa deste sistema e que os outros seguían a ser os violentos que ensinaban a pata enfariñada por debaixo da porta, que non eran de fiar mentres non lle dixeran a ETA que se disolvera, como si os de Bildu foran os xefes da organización armada, pero o pobo non debía pensar o mesmo e non se deixou embelecar por cantos de serea.
Agora os partidos españois quedaron relegados ao terceiro e cuarto posto cando se gababan de dar un xiro definitivo ao mapa político de Euskal Herria, apartando definitivamente ao nacionalismo independentista, e tamén rexionalista, dos espazos de poder mais importantes. Por cambiar até cambiaron o mapa do tempo na ETB e prohibiron a vella denominación de Euskal Herria no ensino. Aínda así pretendían facer fronte común co PNV a hora de constituír os axuntamentos para arredar a Bildu de todas as alcaldías que lles fora posible, o que lle suporía a este partido un desgaste difícil de asumir por quedar moi mal visto ante o seu electorado e que lle fixo temer un custe político moi importante polo que, salvo algunha excepción, optou por votar aos seus candidatos favorecendo así a lista mais votada en cada municipio. Á espera do que pase nas Deputacións, Bildu é a forza que mais axuntamentos goberna con 123 alcaldías, seguido do PNV con 93, UPN 43, o PSOE 32 e o PP soamente 6.
Non cabe dubida de que foi un gran gol pola escuadra aos inquisidores de ideoloxías, xa que o panorama político en Euskal Herria cambiou radicalmente, o que debía facer recapacitar aos que pretenden enfrontar a este pobo creando frontes inexistentes dentro dunha sociedade plural, pero que emprendeu conxuntamente e sen fisuras o camiño da paz, da liberdade e da democracia.