Drones, os robots asasinos

Drones, os robots asasinos

O piloto de combate entra como todos os días no seu posto de traballo. Vai uniformado pero hai xa tempo que non monta na cabina de pilotaxe dun avión. Despois de revisar o plan de voo, séntase comodamente detrás do computador, preme unha tecla e colle os mandos da nave. A pantalla énchese dos grises pálidos e as rochas abruptas da planicie afgá.
A base aérea de Creech, en Nevada e moi perto das luces de neon de Las Vegas, non é a única pero si a máis importante instalación desde onde se preparan e operan os drones. Estes aparellos voantes non tripulados, exhibidos orgullosamente na páxina web da base, van equipados tanto para misións de espionaxe como de ataque. Pola súa fantástica tecnoloxía, os drones do presente son a guerra do futuro.

Hoxe os drones máis populares chámanse o Predator e o Reaper. O Predator, o depredador, é pequeno, versátil e barato. Os seus cinco millóns de dólares a unidade son pouco en comparanza co seu irmán maior, o Reaper, polo que o contribuínte americano paga 28.4 millóns de dólares. General Atomics (GA), empresa punteira no lobby armamentístico imperial, é quen se encarga da fabricación de ambos aparellos. GA nace en 1955 como división nuclear da General Dynamics, a actual propietaria da fábrica de armas de A Coruña. O seu espectacular ascenso no disputado mundo da industria do armamento débese a unha agresiva política de contribucións pecuniarias, viaxes pagas e festas para congresistas e lexisladores, para as súas familias e o persoal achegado.

O nome do Reaper fai referencia ao mítico Grim Reaper, o anxo da morte, a figura esquelética armada de gadaña, chamada ceifador sinistro en portugués. As afiadas gadoupas do depredador e a mortífera gadaña do esqueleto son uns mísiles chamados Hellfire, lume do inferno, fabricados polo xigante Lockheed Martin, que matan a velocidade supersónica. Quen recibe o seu impacto fica esnaquizado antes de ouvílos chegar.

A teoría do shock encárnase na extraordinaria potencia letal do armamento e nos vídeos que nada inocentemente o Pentágono e a CIA colgan en YouTube para demostrar ao mundo quen manda. E tamén nos nomes escollidos para as máquinas asasinas: tal despregue de semántica aterradora non se lembraba desde os tempos en que os SS nazis gastaban uniformes negros e lucían na gorra a sinistra caveira totenkopf.

Mais a guerra dos drones é a guerra dun presidente demócrata. Escaldado polos custes das amargas vitorias de Iraq e Afganistán, Obama lanza a guerra do século XXI: tecnolóxica, secreta, distante, desigual, cruel até o sadismo. Atrás fica o envío masivo de tropas, as innecesarias mobilizacións de persoal que acaban provocando a protesta social. Atrás fica a molesta presenza dos prisioneiros en Guantánamo. Mellor acabar co presunto inimigo antes de que resulte un estorbo legal.

A guerra dos drones é a guerra do Premio Nobel da Paz: pouco visíbel para o público e, como a de Libia, nin sequera é oficialmente guerra. Disque é o propio presidente quen selecciona e autoriza os asasinatos desde unha kill list que os seus servizos de información lle presentan. Son execucións extraxudiciais e preventivas as que ordena o antigo profesor de dereito, levadas a cabo antes e non despois de que teña lugar o delito.

Tres días despois da súa toma de posesión Obama lanza en Paquistán o seu primeiro ataque de robots aéreos. Fracaso total. En troques de matar a un grupo de talibáns os dous Hellfire do Predator acabaron coa facenda e coa vida de un xefe local que nada tiña que ver co asunto. Tres dos seus fillos e varios parentes acompañárono na súa viaxe ao alén. “A nosa familia apoiaba ao goberno. O pai era membro do comité local de paz”, declarou un fillo sobrevivente.

Este asasinato inauguraba unha longa lista de chea de danos colaterais, erros de identificación e mortes programadas de militantes de baixo rango que supuñan perigo cero para a seguridade interna dos EEUU. Un documentado informe titulado Vivindo baixo os drones, elaborado desde as universidades de Stanford (California) e Nova York, cifra en 3300 as persoas abatidas por drones só en Paquistán, oitocentas das mesmas civís sen vinculación con grupos armados. Cento setenta e seis eran nenas e nenos...

Moi alleos ás estratexias dos lobbies armamentísticos, dous rapazolos comparten bicicleta nunha zona rural ao leste de Kandahar. Un vai atrás, escarranchado, e o outro pedalea con forza para alcanzar un furgoneta aberta onde viaxan varios homes. Son muxaidíns, e son os seus heroes: maiores, valentes, armados e paxtúns. Os rillotes intercambian palabras e sorrisos cos homes da carriña. Ninguén deles sabe de certo se nese intre están a ser esculcados desde o ar. Se así é, pensan os homes, é porque Alá o quere, e punto.

,Pero hoxe Alá quíxoo. Hai case unha hora que a furgoneta está a ser seguida por un drone manexado a distancia desde Creech. Chegado o momento o piloto de combate acciona o botón vermello do joystick e todo lembra aos videoxogos: unha luminosa nube de po cega de súpeto a pantalla. Cando o fume se desvanece, a varios metros da carriña en chamas unha roda solta da bicicleta non parou aínda de xirar. Do resto, máis nada. Como é habitual despois dun impacto de Hellfire, os familiares serán os que se encarguen de recoller os anacos inclasificábeis das vítimas e enterralos nunha fosa común. “Mátannos por sermos musulmáns”, saloucan desesperados.

Cando o piloto de combate acaba a xornada, solta o joystick, apaga o computador e marcha para a casa. É un afortunado: a tecnoloxía permítelle facer o seu traballo e, acto seguido, marchar coa familia. Os seus compañeiros da base de Kandahar, encargados das operacións de despegue, aterraxe e mantemento dos drones, teñen menos sorte. Quizá soñen cun destino máis amábel baixo o sol de Sicilia na base de Signorella, a que serviu de punta de lanza na mortífera non-guerra de Libia.

Ou quizais soñen cun destino nesoutra base de drones que a OTAN quere erguer ex nihilo nun exótico lugar chamado Trasmiras, na paciente Galiza, ao NW da Península Ibérica. A esta hora, xa alguén debe estar deseñando unha agresiva política de contribucións pecuniarias, festas e viaxes pagas para aquelas terras.
Pero este xa é outro cantar, do que falaremos noutra ocasión.

Nota: Os datos económicos fornecidos no artigo foron principalmente extraídos do libro ‘Drone Warfare. Killing by Remote Control’ (OR Books, 2012), escrito pola activista estadounidense Medea Benjamin.