Do pobo que morre desangrado e nós!

Hai pouco máis dunha semana, na madrugada do 1 de xuño, Israel atacou a Flotiña Freedom Gaza que transportaba axuda humanitaria para a ocupada e asediada Franxa de Gaza. A armada israelí agrediu o Mavi Marmara, un dos 6 barcos que formaba parte desa Flota da liberdade, en augas internacionais a 120 km da costa de Haifa, contra todo dereito internacional. De pouco valeu que os membros da expedición fosen 700 activistas internacionais de 40 países distintos, entre os que se atopaban un Premio Nobel da Paz, deputados europeos, unha excongresista estadounidense ou superviventes do Holocausto, para Israel todas/os forman parte do "entramado do terrorismo internacional" vinculados con Al Qaeda, Hamas e a Yihad Islámica. Mulleres e homes desarmados que levaban roupa, equipos médicos, alimentos e cemento para reconstrución de Gaza, mobilizaron varias unidades de elite do exército hebreo con 3 buques de guerra, helicópteros de asalto e varias zodiacs dispostas a neutralizar tan descarada misión. Fálase de entre 16 e 20 mortos e de ducias de feridos, contra as informacións das autoridades israelís emperradas en contabilizar só 9 "baixas". Que máis ten. Despois dos cadáveres, as encarcelacións, as deportacións... Israel, a través dos seus aliados e dos altofolantes mediáticos do imperialismo, alega defensa propia (en palabras do seu embaixador na Onu, Daniel Carmon) e polo tanto a salvagarda da integridade dos seus mercenarios que só querían xogar unha partidiña de paintball. Fronte a eles os armados "activistas de Hamas" (como recollen varios medios españois) que atacaron aos militares con coitelos e barras metálicas. "Foron aporreados, golpeados e apuñalados" segundo Benjamin Netanyahu e ante esta violenta benvida cambiaron as armas de paintball, e tiraron a matar. E vaia se mataron... Aínda que se esforzan en defender que o de Israel é o exército máis ético do mundo, cun código que supostamente garante o comportamento moral dos seus mandos e tropas, non contaban con que os mortos falasen. As autopsias turcas revelan que a maior parte dos disparos foron a menos de 30cm, moitos deles na caluca ou nas costas. Algúns activistas morreron acribillados con 5 e 6 disparos e un só soldado matou 6 tripulantes. Eticamente Israel declarou o seu nome segredo de Estado e xa o propuxo para medalla ao valor. Resulta obsceno e insultante tanto cinismo, sobre todo cando todo o mundo coñece o que é considerado o mellor exército do mundo. Agradeceríamos máis sinceridade e que admitan que o fixeron por pura lóxica imperialista.
,
A estas alturas, ninguén debería pensar que foi unha fatal coincidencia. Non é casualidade que Israel cometese outro máis dos seus actos de terrorismo de Estado xusto 4 días antes do 43 aniversario da ocupación israelí en 1967 de Gaza e Cisxordania (incluíndo Xerusalén oriental). Non é tampouco por causa do azar, que o ataque fose previo ás negociacións do proceso de paz e da visita prevista a Washington do primeiro Ministro Israelí e do Presidente da Autoridade Nacional Palestina, pois coas negociacións paralizadas, Israel gaña tempo mentres continúa coa política de colonización nos territorios ocupados co obxectivo de facer cada vez máis inviábel a creación do Estado Palestino. Tampouco é froito da simple coincidencia que a patética e inútil ONU tivese cambio de presidencia na mesma noite da masacre, do Líbano (país membro da Liga árabe, atacado por Israel e que xunto Turquía impulsaron a convocatoria do Consello de Seguridade) a México (lacaio do seu veciño ianqui). O Consello de Seguridade non fixo responsábel a Israel dos asasinatos, tendo en conta que tamén agrediu a todos e cada un dos países que ondeaban as súas bandeiras nos barcos da Flotiña. Malia que Turquía e outros países xa o cualificasen de terrorismo de Estado e que o Líbano e a India reclamen impoñer sancións, á ONU abóndalle cunha investigación. A administración Obama non condena. O Mercosur mantén o seu tratado de libre comercio. A UE non suspende o acordo de asociación con Israel e mira para outro lado. O Estado Español, a quen corresponde a presidencia de turno da UE, pide unha indecente prudencia. E en Galiza, PP (e tamén PSOE) apoian hipocritamente unha iniciativa do BNG condenando o ataque, cando hai poucas semanas Galiza Nova tiña que denunciar a colaboración da Xunta de Galiza co sionismo a través da inversión de cartos públicos nunhas xornadas con Israel. Armado polos que tiñan que condenar e impoñer sancións, entre eles o Estado Español, Israel sae impune unha vez máis, igual que na operación Chumbo Fundido en Gaza (entre dec 08 e xan 09) con máis de 1400 palestinos asasinados, moitos deles nenos, como recolle o informe Goldstone (debatido na A.X. da ONU en base ao cal os países árabes querían impoñer sancións, que contaron coa oposición furibunda dos EEUU e o pasotismo dos países europeos).
Hoxe Gaza é un campo de concentración. A comunidade internacional da o seu beneplácito, sen ruborizarse, a un xenocidio contra o pobo palestino. Bloqueados, con cortes de auga e luz, restricións de bens básicos ou espolio dos seus recursos naturais, viven (nun territorio máis pequeno que Vilalba) un millón catrocentos mil palestinos atrapados na extrema pobreza. Acusados de terrorismo se reaccionan, impacta escoitar ao voceiro de exteriores israelí dicindo que "se algo non facemos os xudeus e matar de fame a outra xente" e engado eu, cando podemos matalos a balazos!. Israel aborda o Rachel Corrie, último barco da Flotiña, e anuncia a través do Viceministro de defensa Matan Vilnai (que nome tan axeitado!) que Israel "non permitirá romper o bloqueo a Gaza" pois "tense convertido nunha base terrorista que ameaza o corazón de Israel" e para algúns aínda hai que agardar máis. Ata cando?
Condenados a morte polo feito de existir. Esquecidos polo fracaso internacional. Os medios progres xa non lle adican minutos ao calvario palestino, xa non hai artigos de opinión criticando os responsábeis e os cómplices, só lles durou mentres a súa conciencia non lles permitía facer ben a dixestión. Silencios que matan. Pola contra as e os nacionalistas galegos non esquecemos o seu martirio. Debemos aledarnos de que hoxe no nacionalismo non haxa posicións que amosen fisuras contra o imperialismo sionista (por moito que a algúns lles resulte caduco o termo imperialismo). Non hai moito tempo, había quen se esforzaba en autoproclamarse nacionalista galego, cando non pasaba de ser un cómplice máis da estratexia do imperialismo. Que necesario é ter memoria e acordarse dos debates vividos arredor da X A. N. de Galiza Nova. En todo caso, e volvendo aos nosos días, non deixa de ser un paradoxo que haxa quen critique o bloqueo, o acoso mediático, e o imperialismo que padece o pobo palestino e non denuncie coa mesma contundencia ou non saia a rúa criticando o mesmo imperialismo que tamén sofren outros pobos do mundo, como o cubano. E non contentos con iso, pretendan sacar peito e fachendear de tentar romper os "históricos clixés do nacionalismo galego" só por contentar o sistema que nos quere ver esmagados. Canto complexo e desprezo polo noso movemento político, cando se obvia que o nacionalismo galego é antiimperialista por definición e non por selección nin do pobo, nin do momento político. Hoxe todas e todos somos palestinos, do mesmo xeito que fomos e seremos cubanos, curdos, saharianos, venezolanos, mapuches ou timorenses, porque a súa loita é, tamén, a nosa loita. Hoxe galegas e galegos apuntamos ao imperialismo como responsábel da ocupación, colonización, apartheid e asasinato do pobo palestino! Por eles, pero tamén por nós non imos ficar caladas/os! Agora só falta que a Media Lúa Vermella iraní, cargada de solidariedade e esperanza, chegue a bo porto!.