Dez anos do golpe de estado en Honduras

Dez anos do golpe de estado en Honduras
O 28 de xuño de 2009 un estado centroamericano case descoñecido, de nove millóns de habitantes, sufría un golpe de estado do que se falou moi pouco. Van alá dez anos e Honduras segue tendo unha escasa presenza nos medios de comunicación; ocasionalmente soubemos do asasinato da activista indíxena e ecoloxista Berta Cáceres hai tres anos, e nas caravanas de inmigrantes que cruzan México cara os EEUU dísenos que hai milleiros de hondureños.

Pero hoxe Honduras segue vivindo nunha ditadura, tras o golpe de estado producíronse dúas fraudes electorais en 2013 e 2017, e a situación social ten empeorado até tal punto que nas últimas mobilizacións de protesta o goberno houbo de botar man do exército para enfrontalas, dado que houbo policías participando nas mesmas e algúns estando de servizo negáronse a reprimilas.

Neste dez anos a economía hondureña estivo sometida ás directrices do Fondo Monetario internacional co obxectivo de "fortalecer a estabilidade macroeconómica", pero o resultado non se diferencia en nada do que teñen dado as directrices do FMI en outros estados da rexión. Os índices de pobreza teñen aumentando do 58% ao 70%, e o 40% deses pobres viven en situación de pobreza extrema; máis de 21.000 mozos e mozas teñen sido asasinados, e a situación de violencia e inseguridade é unha constante nun país no que a economía non funciona, no que as remesas de dólares enviados polos emigrantes supoñen xa case o 20% do PIB, e a economía dependente do narcotráfico está perfectamente instalada no poder político e en sectores militares.

As mobilizacións de diversos sectores sociais e da oposición teñen sido constantes ao longo destes dez anos; pero nas últimas semanas aumentaron conforme se achegaba o aniversario do golpe de estado, e tamén debido á aprobación polo Congreso Nacional o 26 de abril de unha serie de medidas que buscan “reestruturar” os sectores educativo e sanitario, pero que realmente o que suporán caso de aplicarse, será a privatización e un recorte nos dereitos laborais de quen traballan en ambos sectores.

Non sabemos se haberá unha explosión social de grandes magnitudes nun futuro próximo, ou se a represión será capaz de desarticular os intentos da oposición de manter o nivel de protestas incorporando ás mesmas a novos sectores, pero o réxime hondureño estase preparando. Nas últimas semanas chegaron ao país centos de marines norteamericanos e un primeiro continxente de soldados israelís, que se aloxan na base militar José Enrique Soto Cano en Palmerola. Supostamente estes soldados teñen unha única misión, que é o adestramento do exército hondureño nas técnicas de selado de fronteiras, para evitar a saída de milleiros de persoas para engrosar as caravanas que cruzan México con destino EEUU. Pero se temos en conta que desde hai máis de sesenta anos Honduras é estratéxica nas operacións militares dos EEUU na rexión, non sería estraño que esas forzas chegadas ao país teñan outras funcións ademais da oficial, como pode ser a preparación de operacións de desestabilización en Venezuela, Nicaragua ou Cuba, e a represión das protestas do povo hondureño.