Deus contra Deus. Palestina vivirá

Si lle preguntan a cal queira representante relixioso intérprete das doutrinas do deus de Israel polos principios fundamentais do seu credo, moi pronto dirá “non matar”, e menos inda a inocentes. Si facemos a mesma pregunta a un representante cristián, e por demais católico, diralle que a vida é o don mais sagrado e que só deus pode decidir acabar con ela. Inda máis, no intre da fecundación xa deus é dono dela. Si falamos cun musulmán saberanos dicir que o fundador da súa relixión herdou os principios do deus dos hebreos, entre outros, o de non matar e non roubar.
A ninguén se lle oculta, a pesares do desprezo que temos pola historia neste civilizado mundo democrático occidental, que as grandes matanzas e xenocidios se fixeron e seguen a facer por encargo de deus, cando menos no caso dos crentes destas tres relixións das que falamos. Os mandatarios de Israel falan con deus antes e despois das súas masacres; os tres últimos presidentes dos EE.UU. arrasaron ou están arrasando Irak a bombas. Sabemos que o fixeron despois de consultar con deus, algún deles acompañado do can, e do seu anxo da garda, supoñemos. E todas estas guerras mandas facer deus para mellorar a situación dos habitantes deses países..... A realidade amósanos ( e si non que veña deus e o vexa) que cantas mais intervencións militares fan os fervorosos gobernantes estranxeiros por mandato de deus mais aumenta a miseria, as desigualdades, o terror e o caos neses países; e as veces ate lles manda matar aos da mesma relixión.
Como é que deus nesto das guerras está a facer todo ao revés?
En Palestina axúdalle a Goliat fronte a David e ate lle quere quitar a pedra que ten David para tirarlle aos avións. O representante de S. Pedro en Roma, que quere disque xuntar na paz dun so credo as relixións monoteístas, quedou mudo e xordo cos bombardeos de Israel. Quedou cego o Papa e non pode ler as táboas de Moises?
Para que quererá deus que uns países destrúan aos outros si xa ten pragas, terremotos e outras pestes cando queira castigar a un pobo? Para que tería que valerse de EE. UU. E dos militares para dar un golpe de Estado en Exipto tendo a praga das carricantas?
Si deus ten uns principios e logo aconsella aos seus representantes facer o contrario quer dicir que deus cambia con frecuencia de parecer, entón Palestina vivirá. Tamén en América lle axudou deus aos reis católicos e uns séculos despois ate lle axudou aos mouros contra España no “ desastre” famoso.
Daquela porque non facer unha profecía e contarlle a EE.UU. E ISRAEL o que dirán as axencias de información todas alporizadas dentro de pouco ante a caída do Imperio de Israel e de EE. UU.?
“A batalla pola destrución de Gaza e de Palestina para confinar aos seus habitantes en reservas foi un fracaso a pesares de contar cos apoios de tódolos organismos e poderes internacionais. David revelouse cotra Goliat e unha pequena tribo palestiniana (Gaza) converteuse nun estado terrorista que está provocando a emigración dos israelitas polo deserto. Con foguetes moi eficaces desfixo en dúas semanas as súas infraestruturas e quedaron sen auga e sen luz. Bombardeou os hospitais. Non hai gas nin combustíbel, e as comunicacións están todas danadas. Os mortos amoréanse nas rúas. Nos se poden enterrar da cordo cos ritos relixiosos porque foron bombardeadas as sinagogas e centros de culto das relixións cristiáns. E o peor , as cabezas intelixentes que parece que teñen estes foguetes estouraron varios arsenais de armas radioactivas cuns efectos mortíferos que fixeron desertar e fuxir a varios membros do Goberno e do exército israelita. En Israel reina o caos a pesares de que a OTAN está achegando ao Mediterráneo unha cantidade nunca vista de barcos, submarinos e avións; pero non se atreve a achegarse nin sobrevoar o territorio. Todas as técnicas militares e propagandísticas usadas durante os últimos 50 anos quedaron fora de xogo ante o pánico creado por unha caixa intelixente que estes foguetes levan no rabo e que ao estourar multiplica a súa eficacia porque dispara novos foguetes que ao tempo que disparan dan información e imaxes precisas a moitos quilómetros de distancia.
A idea de lanzar unha bomba atómica sobre Gaza foi descartada porque espallaría os foguetes en todas as direccións e ademais suponse que estes foguetes están noutras partes do mundo e que existen reproducións de menos de cinco quilos de peso.
A crise agrávase inda mais porque un instituto chinés descubriu novas fontes de enerxía que non precisarán do petróleo. As bolsas mundiais están paralizadas e ninguén conta xa co dólar. Precisamente as industrias do cinema e do armamento foxen dos EE. UU. Nos paraísos fiscais so se branquexa diñeiro procedente da droga ou prostitución pero non dos negocios do armamento ou de fondos e produtos financeiros.
A condena da agresión de Palestina contra Israel é unánime en todo occidente e nas súas institucións mais relevantes. A ONU puxo en marcha un mecanismo para deter e axustizar aos máximos dirixentes e mandos militares palestinos. En Guantánamo e en Alaska estanse a construír penais con centros de reclusión onde se espera interrogar a moitos civís por complicidade pasiva coas masacres que se están dando. O Papa convocou un consello internacional das igrexas para chamar ao rezo e facer manifestacións e cruzadas contra o ataque satánico de Hamás e os seus cómplices. Francia e o Reino Unido Están a mandar grandes continxentes militares ao norte e centro de Africa porque de xeito espontáneo estes países comezaron a simpatizar coa causa palestina. desconfíase que sexan posuidores da materia prima para facer os foguetes intelixentes.
Pero a gran incógnita está en buscar o xeito de recompoñer os antigos valores e crenzas. Os que eran considerados grandes criminais da historia como Gadafi ou Sadan Huseín son aclamados nos países árabes e en todo o mundo. Ate se descubriu a tumba de Gadafi. Os poderes militares, económicos e relixiosos son pouco ou nada respectados. Semella que xa non quedan normas morais nin relixiosas, non hai medo nin a deuses nin a seres maléficos. Da a sensación de que deus está contra deus.”
No medio de todo este caos apareceu envolto nunha nube un irreverente poeta galego nos montes do Xurés entre Galiza e Portugal e trouxo unha mensaxe que foi considerada por tódolos expertos como mensaxe divina, menos polo Papa, claro: “ Si eu fixen tal mundo que o demo me leve”
Era visto: Primeiro, deus púxose en contra de deus, e logo rematou por dimitir. As culpas levounas o demo, no mundo dos estados terroristas lévanas os “terroristas”.