Dereitos humanos made in USA
O xornal mexicano La Jornada recomendaba aos mexicanos, hai anos, non viaxar aos Estados Unidos debido á súa alta taxa de criminalidade. A intención era contrapor os constantes sinalamentos desde os Estados Unidos (EUA) e Europa cara ao hemisferio sur verbo á súa perigosidade, á súa alta taxa de violencia... en definitiva, sobre a inexistencia de dereitos humanos.
«Cando sinalas cun dedo... hai tres que te sinalan» reza o dito venezuelano. O informe anual sobre dereitos humanos do Departamento de Estado dos Estados Unidos (equivalente ao Ministerio de Asuntos Exteriores), do 3 de marzo de 2016, é outro xeito de facer política sinalando e facendo público o que EUA considera que pode danar a imaxe de cada un dos países do informe.
O Ministerio de Asuntos Exteriores chinés publicou un informe, Rexistro de Dereitos Humanos de Estados Unidos, en 2016, no cal entre outras cousas critica a actitude de EUA por presentarse como xuíz dos dereitos humanos, «Brandindo o bastón dos dereitos humanos, sinalou e atribuíu responsabilidades verbo a situación dos dereitos humanos en moitos países, pero non prestou atención aos seus propios terríbeis problemas neste ámbito» sinala o documento chinés. «Cos disparos aínda retumbando nos ouvídos da xente ao carón da Estatua da Liberdade, unha discriminación racial que empeorou e unha farsa electoral dominada pola política do diñeiro, o autoproclamado valedor dos dereitos humanos expuxo o seu 'mito' en materia de dereitos humanos coas súas propias accións».
,O detallado informe chinés fala dun empeoramento e acentuado deterioración dos dereitos humanos nos Estados Unidos. Coa segunda taxa de encadeamento máis alta do mundo, 693 presos por cada 100.000 habitantes, había 2,2 millóns de persoas na cadea en 2014 e 70 millóns de estadounidenses (case un de cada tres adultos) estiveron algunha vez na cadea ou teñen algún antecedente penal.
Houbo un incremento notábel de delitos con armas de fogo con 385 tiroteos masivos e 15.039 persoas mortas e 30.589 feridas.
O informe asegura que a proporción de adultos que tiña traballo a tempo completo rexistrou un novo mínimo desde 1983, cun descenso na riqueza das familias e da autopercepción de pertenza á chamada clase media que, segundo a consultora Gallup, caeu do 61% en 2000 ao 51% en 2016. Esta caída porcentual de 10 puntos atinxe a 25 millóns de persoas e, citando o Daily Mail, engade que a situación de pobreza atinxe a 45 millóns de estadounidenses.
O racismo é unha das materias pendentes segundo o informe. A probabilidade de morrer dun tiro e 2,5 veces máis probábel para un afroamericano que para un branco e hai cinco veces máis posibilidades de ser tiroteado pola policía polo único feito de ser negro.
Preto de 6,8 millóns de mozos non teñen garantida a dieta básica.
Pero un dos puntos máis salientábeis do informe ten que ver coa política internacional de Estados Unidos e o ronsel de morte que deixa ao seu paso. Segundo o informe (e a realidade), Estados Unidos, mentres sinala cun dedo os países que pisan os dereitos humanos, asasina vítimas inocentes deliberadamente.
Entre o 8 de agosto de 2014 e o 19 de decembro de 2016, Estados Unidos realizou 7.258 ataques aéreos en Iraq e 5.828 en Siria, cun número estimado de vítimas civís de entre 4.568 e 6.127, sostén o informe chinés.
Se cadra, o informe non di nada que calquera de nós non saibamos. Cómpre estar minimamente informado sen necesidade do detallado informe chinés para saber que todo é certo.
Pero iso que «todos sabemos» e albiscamos é fagocitado ante o poder mediático de Estados Unidos e dos seus aliados. O caso venezuelano, na actualidade, é boa mostra do poder destrutor, maquillador e de distracción que poden ter os media ante a miseria interna e as campañas interesadas externas.
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.