Crimes e votos na mesma festa

Para rachar esta inercia da contradición que denuncia arreo os intereses dos imperios, poño na balanza a indignación potenciada que causou en sectores da poboación o anuncio de ETA de abandonar a violencia, pois seica estes defraudados querían que anunciase a súa desaparición, fronte a súa actitude pasiva e mesmo de apoio ás invasións e crimes da OTAN nos países que non aceptan leis e intereses occidentais. Sería bo, pois, que esa indignación alimentada en dupla intención polas forzas reaccionarias de Galiza e do Estado se activase, proporcionalmente ao crime, ante os asasinatos de Libia, Irán, Irak, Palestina... e un longo etcétera. Tema de análise, pois, para todos eses que, coas mans manchadas de sangue, queren agora ser presidentes do Estado español. Pódese apoiar a obra interminábel dos que mandan matar?
Fícanos aínda na meniña do ollo o cadro do presidente lexítimo de Irak, Sadam Husein, abalando traxicamente baixo a forca levantada polo invasor. Xulgado polo abuso e a covardía dos ianquis militarizados a través dos espantallos que despois da invasión colocaron nos órgaos falseados da xustiza. E a sombra sempre perseguida de Bin Laden metrallado impunemente tamén polos mesmos covardes e botado desde un avión ao mar para matar así o símbolo e a lembranza para as novas xeracións. E agora, nesa carreira imparábel da rapina e a destrución dos demócratas máis sanguinarios da historia (hoxe Obama, Sarkozy, Cameron, Zapatero...) o martirizado Muamar el Gadafi, nova vítima do imperialismo. E vou dicir por que, no canto de xustiza, se cometeu con eles o crime.
,Gadafi era o presidente lexítimo de Libia, con moitos acertos na súa acción e tamén cunha longa lista de desastres, sobre todo se os analizamos desde a nosa mentalidade occidental, tan hipócrita ela e tan gardada de formas e competividade, deshumanizada e cruel. Somos así ou non?
Só os libios tiñan a capacidade de botalo ou mudalo das súas funcións presidenciais. Só eles. Non a OTAN, porque de aceptalo sería como aceptar tamén que calquera presidente dun país de Oriente poida vir mañá a invadirnos e masacrarnos para nos roubar. E se é ditador ou non non está na nosa responsabilidade, senón na dos cidadáns e cidadás dese país. Vítima é sempre o atacado, non quen ataca. Verdugo é o que mata e rouba e a el é a quen hai que xulgar. Nas liortas entre os intereses das nacións do mundo hai que respectar sempre e sen dúbida nengunha a soberanía desas nacións e o destino que cada unha queira elixir para si mesma. Os distintos intereses no campo internacional batállanse coa diplomacia e a persuasión, con presións, se se quere, mais nunca co crime. Esta é a lei nosa, e se a queremos así, non podemos mudala para os de fóra.
A Gadafi asasinárono directamente as espionaxes das policías secretas de Israel e Alemania. Logo, as bombas da OTAN cando fuxía, para deixarlles vía libre aos mercenarios que agardaban a recompensa e o festín. E estes chourizos, combatentes a soldo dos militares occidentais, torturárono até a súa expiración. E roubárono, como tais chourizos que son. Non valeron para o respecto nen as leis musulmás, que agora occidente, nunha nova táctica, comeza a aceptar, nen as outras internacionais, transgredidas unha e outra vez polos atacantes dese vergoñento Consello Nacional de Transición que lle acaba de entregar o gas e o petróleo ás industrias rapineiras defendidas e impostas pola OTAN. E despois, como sempre nestes casos, din que levaron o corpo do presidente asasinado a un punto do deserto infinito. Dino eles, mais outros din que foi, na xa desolada tradición dos criminais, subido a un avión e botado desde as alturas ao mar tamén infinito e mudo. O símbolo hai que soterralo para que non cree conciencia.
Iso foi, por dicilo dalgunha forma, o aspecto físico da historia, o capítulo escrito polos verdugos fanfarróns da sagrada democracia bendicida polo Deus cristián, tan adaptábel aos delictos occidentais. Pero hai outro máis aterrador, no que sempre insistirei: o silencio dos sectores máis activos da nosa sociedade. De nada vale fachendear de antiimperialista se nos casos gravísimos polos que pasamos ficamos inactivos e calados. As campañas electorais non poden servir para medir as conveniencias do oportunismo: escusas en base a posíbeis perdas de votos. Coido sinceramente que é ao revés, pois con esa actitude acábase por espantar os votantes e militantes máis activos que así se senten defraudados, e como consecuencia, o traballo necesario para avanzar nesa dura batalla contra roubos, abusos e crimes.
Quedaremos con esa masa humana sinxela que ferve nos recunchos que os tentáculos do poder aínda non poden controlar, como os espazos persoais ou de pequenos colectivos en soportes da internet. Daqueles que desde a honestidade e o anonimato sofren por tantas inxustizas e abusos. Quedo cos seus berros de impotencia e anguria, pero berros á fin. E espero con eles a armazón doutros tempos nos que os presidentes ou presidentas dos países, para ser elixidos, teñan que presentar previamente ante o seu pobo as mans brancas, é dicir, sen sangue que as manche, porque só así o pobo se verá libre de se educar na violencia.
E hoxe, aquí, nesta nova mentireira e vergoñenta campaña electoral que non respecta os mínimos dereitos democráticos colectivos, os aspirantes á presidencia do Estado que se presentan polos dous partidos españois con máis representación, teñen as mans manchadas de sangue, porque ambos os dous aceptaron as invasións e sométense aos intereses do imperialismo americano. Seremos tan cegos para non ver que ao noso arredor hai outros partidos que si teñen demostrado que serven a Paz e o Respecto á soberanía de calquera nación do mundo? Non os ides atopar nos medios de comunicación (outra valentía da democracia secuestrada), senón na rúa, na protesta, á beira de vós. Pois cando obremos en consecuencia o Mundo, a nación nosa, outros serán. E daquela xa non temeremos as Libias invadidas.