Colonialismo e terrorismo occidental

Colonialismo e terrorismo occidental

Cando nos sorprenden feitos como o atentado ocorrido en París semanas atrás acostumamos recibir tal cantidade de información e de tal condición que, en realidade, resulta difícil ter pensamento de seu e mesmo ter capacidade de reacción para facerse algunhas preguntas necesarias. Para os que adoitamos facelo así normalmente, son momentos en que se volve especialmente sinuoso ler, oír e ver todo o que chega a través do bombardeo mediático; xa non digamos reaxir e chegar a opinar publicamente, podendo facelo dun xeito sosegado e racional con todas as persoas conmovidas nos seus sentimentos e nas súas conciencias. Os discursos énchense de palabras tan sacrosantas e grandilocuentes como liberdade, liberdade de expresión, democracia, dereito á vida... As vidas das persoas asasinadas nun país europeo cobran un valor especial, xa for unha ou unha ducia, fronte aos masacres de centos ou miles de persoas que se produciron e producen noutros países maldicidos e castigados pola indiferenza ou pola mesma intervención desas potencias occidentais. E son poucos os que se atreven tan sequera a rascar debaixo da codia desas aparencias tan evidentes.

A respecto deste asunto, unha profesora do Instituto, que practica o comentario crítico co alumnado de bacharelato, facilitoume unha achega que compara textos de alumnos que se limitan a repetir os argumentos que reciben dos noticiarios ou que transmiten outras persoas con aqueloutros que realmente profundan e chegan a expresarse criticamente. A actividade, francamente ilustrativa, serviu tamén para os alumnos reflexionaren a posteriori sobre a súa capacidade crítica, o manexo da información de que dispoñen, a capacidade de pensaren e interrogaren a realidade que os rodea e mesmo a maneira de se expresaren con certa propiedade ou orixinalidade.

Non é estraño que a maioría dos comentarios deses mozos, ás portas da maioría de idade, poña de manifesto aínda estaren instalados en tópicos superficiais que lle transmiten os medios de comunicación de masas e en estereotipos que se limitan a repetir rutinariamente. Pasa por sentido común todo o que en demasía e con teimosía se reitera desde os corifeos do potente e sofisticado sistema de propaganda que nos abafa. Así, pénsase que a raíz dos problemas no mundo está en que hai fanáticos e fundamentalistas; xentes que defenden a súa ideoloxía con violencia e crueldade e que lla queren impor a todo o mundo. Poden ser individuos que se cren soldados de deus, yihaidistas ou mesmo países enteiros que están aliñados ao eixo do mal. Países satanizados, como Siria, que adestran terroristas para causar os masacres en Occidente. E sen outra idea que provocaren o caos, organizan ataques indiscriminados, asasinando inocentes co único obxectivo de causaren terror na poboación destes países.

Con todo, malia esa presión omnímoda dos medios a raíz de atentado tan recente, chama a atención que un grupo de alumnos de diferentes cursos soubese ollar máis alá das circunstancias tráxicas do sucedido, das ladaíñas tan repetidas polos columnistas de quenda e do que figura como politicamente correcto. Entre outras, chamáronme a atención tres tipos de consideracións que teñen a ver coa sempre necesaria contextualización dos feitos, coas causas e coas consecuencias deses mesmos feitos. Primeira: a hipocrisía que supón esa apoloxía por parte de todos os gobernantes destes países da sacrosanta liberdade de expresión, cando nin nos propios países se permite exercitar ese dereito nas cousas que realmente importan. É o caso do presidente Raxoi, apuntándose axiña á manifestación de París como adaíl das liberdades, mentres desde o seu goberno están a promover a Lei mordaza, ampararon noutrora censuras a publicacións e actuacións artísticas ou sancións a quen, por exemplo, ousou criticar a monarquía. Segunda: a instrumentalización que se fai do terrorismo e do terror para, en aras da seguridade, poder intervir noutros países, cometer torturas e violacións dos dereitos humanos. A situación do mundo mudou ostensibelmente despois do 11-S e das intervencións da OTAN en Iraq. E terceira: non hai que desvincular os ataques terroristas da historia de ataques e agresións en Oriente Medio e no norte de África, motivados por intereses xeoestratéxicos políticos e económicos. O último en suceder foi o ataque e bombardeo sobre Libia, con escaso apoio da “comunidade internacional”, no que participaron Estados Unidos, Gran Bretaña e Francia. As crenzas relixiosas que se invocan como actitude insalvábel, na maior parte dos casos, son só un epifenómeno para a confusión que serve para solapar unha historia de agresión imperialista protagonizada por un puñado de países da primeira orde mundial.

A amnesia occidental

En datas próximas ao atentado contra a redacción de Charlie Hebdo, chegou a mans nosas un libro de conversas entre Noam Chomsky e Andre Vltchek, so o atrevido título de Terrorismo occidental. De Hiroshima a la guerra de los drones, publicado pola editora vasca Txalaparta en 2014. O libro detense a analizar os crimes cometidos polo poder occidental desde o final da Segunda Guerra Mundial até os nosos días, alternando as narracións históricas coas propias experiencias persoais. Trátase dun traballo coral no que salienta a intervención do veterano intelectual norteamericano, mais que complementa de xeito acaído o cineasta e xornalista de investigación Vltchek. Ao tempo que se analizan as diferentes formas de control imperial e de propaganda, danse as claves para comprendermos o papel da China, India e Rusia; o Medio Oriente e a Primavera árabe; a situación de América do Sur; a esperanza nos lugares máis devastados do planeta (África); e o que denominan “declive do poder estadounidense”. Nestas páxinas achamos sintetizados, en trazos xerais, estudos precedentes de Chomsky, moito máis densos, como La quinta libertad. La intervención de los Estados Unidos en América Central y la lucha por la paz e Ilusiones necesarias. Control del pensamiento en las sociedades democráticas.

Sen ánimo de entrarmos polo miúdo nos interesantes contidos do libro, fundamentais para entendermos o mundo en que vivimos, chama particularmente a atención a insistencia sobre a falta de autocrítica e de información dos cidadáns europeos. Despois de conviviren con xentes de todos os continentes –segundo se asegura- os autores constatan que os chamados “occidentais” son as persoas menos informadas, as menos críticas e as máis adoutrinadas do mundo. Porén, eles consideran que son os mellor informados e os “máis libres”. Paralelamente, teñen a mentalidade de seren “os elixidos” e de os seus respectivos países cumpriren cunha especie de mandato moral para manteren a orde mundial.

Os estudos de ambos os analistas cifran o resultado do colonialismo e neocolonialismo en máis de cincuenta millóns de persoas asasinadas despois da Segunda Guerra Mundial. Británicos, franceses, alemáns, belgas, holandeses...mantéñense nunha total ignorancia sobre os crimes que os poderes imperiais europeos dos seus propios países teñen cometido na maior parte dos continentes, especialmente en zonas de África e en Oriente Medio. No capítulo das cifras arrepiantes, aseguran que os belgas mataron máis persoas en África que a suma total da poboación do seu mesmo país. Os primeiros campos de concentración non se experimentaron na Alemaña nazi; foron construídos polo imperio británico en Kenia e Sudáfrica. Previamente ao holocausto contra xudeus e xitanos, os alemáns xa estiveran involucrados en masacres atroces no cono sur de América latina. Aos alemáns atribúeselle o exterminio da maior parte da tribo Herero en Namibia. Pouco mencionan os libros de texto a historia colonial dalgún destes países. Descoñecéndomos esa parte da historia, pode mesmo semellar sorprendente que os alemáns, tan racionais, filosóficos e aparentemente pacíficos, de repente se volvesen crueis e salvaxes só por seren humillados economicamente despois da Primeira Guerra Mundial. Incluso resulta un síntoma alarmante que desde posicionamentos supostamente de esquerdas a miúdo se faga gala de eurocentrismo na propia Francia, á que se lle atribúe un papel de “non tan mala colonizadora” como outros países ou loanza do papel desenvolvido polo xeneral Degaulle.

Non debe pasar inadvertido que hoxe en día ten mudado a percepción deste fenómeno até o punto de se crear a falsa conciencia de que é unha etapa superada da historia. Antes era relativamente fácil identificar a potencia colonial pola presenza do exército dese mesmo país. O colonialismo non desapareceu, mais é difícil sinalalo a nivel local; resulta complicado, moitas veces, dicir que está pasando, dicir quen é o inimigo. O certo é que segue a darse e que algunhas das peores atrocidades do mundo téñense cometido nos últimos anos en lugares como o leste do Congo: entre tres e cinco millóns millóns de persoas asasinadas. Formalmente acúsase ás milicias, mais detrás das milicias hai corporacións multinacionais e gobernos que non son visíbeis.

A título anecdótico, Chomsky/Vltchek aseguran que os Estados Unidos e Europa compiten por saber que foi o que cometeu o maior crime contra a humanidade. Dous exemplos poden abondar para lle pór o ramo ao artigo. Cando Colón chegou a América, había entre oitenta e cen millóns de persoas vivindo en civilizacións avanzadas. Pouco tempo despois o noventa e cinco por cento desta poboación desaparecera. No que hoxe é o territorio dos Estados Unidos había cerca de dez millóns de aborixes. Pero arredor de 1900 só quedaban douscentos mil. Datos que non figurarán nunca nos manuais de historia porque non interesa que figuren. A historia verdadeira só existirá se consultarmos as fontes de información alternativas.



,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.