Civilización ou barbarie: Os retos do mundo actual
[Tradución de Robert Neal Baxter]
Na actualidade unha tranquila vila portuguesa de 5.000 habitantes no Alentexo rural, Serpa foi fundada polo Imperio Romano, pasando despois a sob o dominio dos Mouros integrada na civilización islámica antes de entrar a formar parte da nación portuguesa. Durante o réxime fascista, tanto Serpa como o resto do Alentexo, bastión da clase labrega traballadora, serviron de centros para a resistencia dirixida polo Partido Comunista Portugués (PCP), e xa desde a Revolución democrática de 1974, o municipio de Serpa leva gobernado pola Coalición Democrática Unitaria (CDU), integrada polo PCP.
Este legado histórico fixo desta vila o lugar ideal para celebrar a conferencia internacional de militantes comunistas e teóricos marxistas que se reuniron en Serpa do 30 de outubro ao 1 de novembro para falaren dos perigos que supón o imperialismo para a civilización humana e das posíbeis alternativas para frearen esta ameaza.
Esta foi a terceira vez que se celebraron as xornadas internacionais en Serpa co título Civilización ou barbarie - Os retos do mundo actual, tras as anteriores edicións de 2004 e 2007, e foi a primeira desde o inicio do declive dunha grande parte da economía mundial en 2008. A organización correu ao cargo da revista Vértice e o sitio web odiario.info, que contan entre os seus editores Filipe Diniz, José Paulo Gascão, Rui Namorado Rosa e Miguel Urbano Rodrigues, escritor e analista político e principal impulsor político das tres reunións celebradas en Serpa.
Unha das convidadas non puido acudir á cita, mais a carta que enviou explicando os seus motivos puxo en destaque as decisións ás veces tráxicas que se deben tomar na vida e mereceulle unha ovación: a valente senadora colombiana Piedad Córdoba, actualmente atacada polo réxime represivo do seu país, estaba no enterro do ex-Presidente de Arxentina, Néstor Kirchner en Bos Aires.
Unha opción para a humanidade
Para moit@s participantes, a humanidade ten que elixir entre máis miseria e máis guerra por un lado, e a loita para un futuro socialista polo outro, unha decisión que se torna cada vez máis urxente ante o esnaquizamento do capitalismo e o permanente empeoramento da situación da clase traballadora.
Na conferencia participaron decenas de marxistas, xornalistas e militantes duns 15 países, na súa maioría europeos e latinoamericanos, mais tamén dos EUA e do Oriente Medio, sendo a comitiva portuguesa a máis numerosa. A conferencia xuntou persoas cun interese académico no estudo dos datos históricos e da sociedade contemporánea con militantes comunistas que participan activamente na primeira liña da loita de clase.
James Petras, sonado politólogo e profesor na Universidad de Binghamton (EUA), centrou a súa intervención na profundidade da crise no sistema capitalista e nas políticas dereitistas que aplican sistematicamente as clases dirixentes nos países imperialistas "que inverten décadas de benestar social e someten os recursos humanos e naturais e as riquezas nacionais a unha explotación, pillaxe e saqueo sen paliativos". Tamén dixo que os EUA están a librar guerras que non traen dividendos en canto á propia explotación, senón que dexeneran en pura destrución.
Pola súa banda, ao falar das guerras dos EUA en Afganistán e no Iraq, Urbano Rodrigues dixo que: "a pesar de ter gastado máis dun billón de dólares nelas, estas guerras vergoñentas son tamén guerras perdidas". En canto ao capitalismo e o imperialismo, concluíu dicindo que: "ao revelarse incapaz de adoptar un cariz máis humano, o sistema ten que ser borrado da face da terra".
Leila Ghanem, unha d@s principais organizador@s da conferencia que reuniu antiimperialistas do mundo enteiro en xaneiro 2009, incluída a esquerda aconfesional e algunhas das organizacións islámicas que desenvolveran programas sociais, implicadas na organización de masas xunto coa loita antiimperialista e antisionista, alertou sobre a actual campaña de difamación imperialista para facer de Irán un paria, animando o movemento antiguerra, incluíd@s @s activistas dos EUA, a loitar para evitar unha guerra encontra do pobo iraniano.
Apelando á esquerda que existe nos países imperialistas, Ghanem tamén fixo fincapé no papel que desempeñan as organizacións de masa de Hezbollah no Líbano e de Hamas en Palestina, que non está determinado necesariamente pola súa ideoloxía relixiosa, senón que se desenvolve sob a influencia da loita social das masas nesas rexións ao resistiren o imperialismo e o Estado colonizador de Israel.
Malia o amplo abano de posturas presentes, na declaración final chegouse ao consenso de que non se trata dunha simple crise cíclica do capitalismo, senón dunha crise "social, financeira, económica, militar, enerxética, cultural e ambiental" e que "o capitalismo, na súa escalada de agresividade, se tornou un factor de regresión absoluta da civilización", alén de que "o marxismo-leninismo permanece como a arma intelectual máis preciosa nas mans dos traballadores e dos pobos que resisten".
A declaración tamén expresou a súa solidariedade con Cuba e Venezuela e cos "gobernos progresistas de Evo Morales na Bolivia e de Rafael Correa no Ecuador", saudando as loitas de resistencia en Iraq, Afganistán e tamén Palestina. Advertía, asemade, das ameazas encontra de Irán, así como por parte da Cuarta Flota dos EUA en América Latina. Finalmente, a declaración saudou as loitas da clase traballadora da Europa e as actividades antiguerra levadas a cabo polo pobo nos EUA.
Marcos Domich Ruiz, editor da publicación trimestral latinoamericana Marxismo Militante e ex-Secretario Xeral do Partido Comunista de Bolivia, ofreceu unha intensa análise da loita que se está a desenvolver no seu país, incluída a relación que existe entre o movemento indixenista, a socialdemocracia e o movemento revolucionario de clase.
Partindo das bases xa asentadas en 2004 e 2007, o historiador portugués nado en Cabo Verde, Carlos Lopes Pereira, afondou na súa análise do marxista africano, Amílcar Cabral, e do papel represivo que desempeñou o colonialismo portugués na África.
O impacto da actual loita de clases
Aínda que non fose un dos obxectivos da conferencia indagar nos eventos máis actuais, algúns deles foron xurdindo inevitabelmente ao longo da mesma. No propio Portugal, a cimeira da ONU prevista para os días19, 20 e 21 de novembro recalca a crecente militarización do mundo imperialista, cunha manifestación convocada para o día 20. Poucos días despois, tamén está prevista unha nova folga xeral por parte da clase traballadora portuguesa para o 24 de novembro, co obxecto de parar a ofensiva dos capitalistas europeos que consiste en recortar cada avance acadado pola clase traballadora desde que a Revolución dos Cravos derrocou o fascismo en 1974.
A magnífica loita d@s traballador@s frances@s en defensa do seu dereito a unha pensión, o impacto contraditorio da elección da sucesora de Lula no Brasil, o inminente revés electoral que espera o Partido Demócrata nos EUA, o recente golpe de estado fallado no Ecuador, as guerras que continúan no Oriente medio e na Asia central, e o desemprego descontrolado que azouta Europa e os EUA tamén foron debatidos tanto en conversas privadas como desde a palestra.
Carolus Wimmer, secretario de relacións internacionais do Partido Comunista de Venezuela, tamén se referiu a esa loita, preferindo responder a uns comentarios anteriores ao respecto, no canto de ler a intervención que tiña preparada. Concordou que o imperialismo estadounidense xa non é o 'tigre de papel' que combatera no seu día, senón un inimigo realmente perigoso, mais sinalou que el e a xente xunto a quen loita seguen empeñados en combatelo e en gañaren a batalla. Indicou que cando a 'civilización' española apareceu por vez primeira no Novo Mundo, traía consigo xenocidio, escravitude e saqueo para os pobos 'menos civilizados', pasando logo a falar da tentativa por parte dos países latinoamericanos e caribeños de se xuntaren en beneficio mutuo mediante unha organización rexional denominada Comunidade de Estados Latino Americanos y Caribeños (CELAC) para así poderen facer fronte ao imperialismo de xeito máis contundente.
Wimmer rematou dicindo que: "As loitas da primeira década do século XXI demostran que existe unha saída á dicotomía entre a civilización e a barbarie, mediante a unión forxada a partir da solidariedade, da cooperación e das achegas mutuamente enriquecedoras dos pobos e a través da construción do socialismo".
Catalinotto, un dos directores editoriais do xornal Workers World, presentou un relatorio co título: "Entre o derrubamento capitalista e a guerra imperialista: O reto de reavivar o marxismo no corazón do Imperio". Este e outros 45 relatorios van estar dispoñíbeis no sitio odiario.info na súa lingua orixinal xunto cunha tradución en portugués.