Chuvia e indiferenza


O derradeiro mes do ano deixou en Panamá un regueiro de destrución, provocado pola avareza dunha compañía hidroeléctrica e os intereses persoais dunha morea de autoridades.
Dende antes de comezar o mes, as noticias que proviñan de Venezuela e Colombia produto do fenómeno meteorolóxico d'A Nena non deixaban bos augurios, as inundacións asolaran ambos países, e a chuvia constante fixo imposíbel o acceso a diversas zonas, chegándose ao extremo, coma no caso venezolano, de teren que evacuar a 6.000 persoas polo risco de afogaren pola crecida dos ríos.

Diante deste panorama, ETESA, os encargados do control hidrometereolóxico, non deron aviso de emerxencia ao Sinaproc
-protección civil- nin ao pobo, aínda cando na súa mesma páxina web os mapas sinalaban que o sistema de baixa presión desprazábase con dirección a Panamá dende os primeiros momentos. De todas formas, o Sinaproc, como demostrou a realidade, non estaba preparado o non estar dotado dun presuposto que lles permitise contar cun mínimo de
equipamento ou sequera, cun plan para estas situación neses lugares, que por outra banda, inúndanse case todos os anos, claro está, non a este nivel.

Isto uniuse no Pacífico a actuación de AES Panamá, empresa que
xestiona o encoro de Bayano, que ten unha extensión de 350 quilómetros cadrados, e sitúase ao leste da capital. Alí, a pesares das chuvias, a empresa mantivo as comportas case pechadas ate o día 7 de decembro, co fin de resgardar o seu beneficio do verán, que vai de xaneiro a abril, e no que as chuvias case que desaparecen. Os veciños dos pobos río abaixo sinalan que todas esas xornadas que precederon a ese día o río non era máis que un fío de auga, "coma nun bo verán" sinalan.

Froito da cobiza, o día 7 a situación no encoro fíxose insostíbel,
superando tódolos máximos históricos de capacidade e ameazando con colapsar toda a estrutura, o que obrigou a empresa a realizar underrame de emerxencia; tras alertar aos vecinhos e a protección civil, as catro comportas do encoro foron abertas, inundando unha decena de comunidades e obrigando a evacuar a unhas 2.000 persoas antes de rematar o día.

O amencer do 8 de decembro, unha masa de auga de 2 metros e medio de altura cubría as poboacións á beira do Bayano, só os teitos deixaban entrever que até fai nada, alí residía xente; tanto cultivos coma os corpos de animais mesturáronse coa terra que trouxo a auga, servindo coma caldo de cultivo dunha crise epidemiolóxica nas semanas vindeiras, polo efecto da descomposición deses materias, ademais do efecto do dengue, que se cría na auga estancada.

Os damnificados salientaban que nos 24 anos que o IRHE -Instituto de Recursos Hidráulicos y Electrificación- xestionou o encoro non
ocorrera nada similar, sen embargo, na década que AES leva a cargo dela, e a terceira vez que se ven na obriga provocar un derrame pola súa falta de planificación, de todas formas, como sinala Custodio Hernández, veciño de El Llano de Chepo que perdeu a casa nas inundacións, para eles (AES) segue sendo máis rendíbel gardar a auga para xerar máis enerxía no verán e pagarlle a eles polos danos sufridos ás leiras e ás casas, "o importante e o beneficio" ironiza.

Catro días tardou o auga en comezar a baixar o seu nivel, o estado no que quedaron as comunidades foi tal, que a día de hoxe non volveron as súas casas e moita xente plantéxase abandoar esas comunidades.

A outra beira do país, na costa arriba de Colón, bañada polo Caribe,
aínda que o impacto xeral foi a nivel de perdas e terreo inutilizado,
houbo un maior número de vítimas, o falecer 9 persoas o ceder a terra dos cerros nos que se asentaban as súas casas.

Os falecidos residían todos no distrito de Portobelo, no que os
derrubes déronse de xeito simultáneo, a mañá do 8, unha franxa de seis quilómetros de terra, do pequeno monte que recubre toda xeografía á beira do mar, e que na súa maioría está formado de grandes rochas, enriba das cales acumulouse a terra dando unha apariencia de solidez, soltouse, deixando un rastro de aludes ao longo da estrada.

A primeira traxedia chegou en Buenaventura, onde unha casa e un
pequeno local foron arrasadas por toneladas de terra e árbores,
deixando inservíbeis outros seis fogares, que tiveron que ser
abandonados polo risco dun novo derrube, catro persoas deixaron a vida.

O curioso é que, quince anos atrás, deuse un derrube no mesmo lugar, que entón matou a umha muller, o que nom impediu que as autoridades permitisen a construción de novas casas, dando o resultado coñecido.

Poucos quilómetros máis adiante, xa no casco histórico de Portobelo, o deslave máis importante tivo lugar no centro do pobo, sepultando unha decena de casas e matando a cinco membros dunha mesma familia. A reacción do pobo, que se lanzou como un raio o sitio do desastre, posibilitou que non se sumaran novas vítimas. O corremento deixou a vista un pequeno regato entre as rochas, que diluíu a capa de terra asentada sobre el e enriba do cal se construíran as casas.

Nin sequera a Fortaleza de Santiago, herdanza da época da conquista, puido librarse, sendo sepultada por unha morea de postes telefónicos e barro.

Ademais da inexistencia de calquer plan de emerxencia, transcendeu que os derradeiros catro anos, tanto veciños coma pequenos comerciantes redactaron un plan de ordenamento municipal, que decretaba todas as áreas onde se deron derrubes, como de alto risco, prohibindo a residencia nelas. Este documento urbanístico non se puido aprobar pola negativa do alcalde, que perdería a capacidade de adxudicar lotes onde el quixera, case o único medio polo cal é posíbel para os cargos públicos extraer beneficios económicos do seu mandato.

Como soe suceder nestes casos, non houbo dimisións, denuncias máis alá da palabraría política ou algún tipo de consecuencia para os que co mercado en perspectiva, desprezan aos cidadáns con menos recursos socioeconómicos, que obvia dicilo, pero foron coma sempre os máis afectados.