Chile mobilízase contra a herdanza de Pinochet e os Chicago-Boys

Chile mobilízase contra a herdanza de Pinochet e os Chicago-Boys

A poucas semanas do 11 de setembro, cabodano do golpe de estado contra o goberno da Unidade Popular encabezado polo presidente Salvador Allende, Chile volta ser noticia e desta vez non por un terremoto nin pola desgraza dos 33 traballadores da mina San José na rexión de Atacama convertidos hai algo máis dun ano en involuntarios protagonistas do vomitivo espectáculo mediático no que converteron o seu rescate.

Desde hai meses Chile vive unha forte conflitividade social con grandes mobilizacións destacando a intensificación da loita do pobo Mapuche polo seus dereitos, a dos traballadores do cobre e sobre todo o movemento que reivindica unha reforma educativa e que iniciándose como un movemento unicamente estudantil sumou rapidamente ao profesorado e conseguiu trascender o ámbito do ensino, servindo as súas masivas mobilizacións de bandeirín de enganche a outros sectores da sociedade chilena.

Como se non tivera pasado o tempo e continuara no Palacio da Moneda o sanguinario ditador de óculos escuros Augusto Pinochet esas protestas até agora recibiron como únicas respostas o desprezo dos gobernantes, a manipulación mediática por parte do tristemente famoso xornal El Mercurio e dos seus imitadores e unha brutal represión exercida polos carabineiros que no transcurso do Paro Nacional de 48 horas celebrado os días 24 e 25 de agosto provocou a morte dun mozo de 16 anos.

,
Durante a ditadura de Pinochet o país andino foi tubo de ensaio das receitas económicas que anticiparon o actual modelo económico neoliberal sendo o propio Milton Friedman quen acuñou a expresión "a milagre de Chile", unha suposta milagre económica posta como exemplo aos países veciños ao ser unha economía que medraba e tiña unhas magnitudes macro-económicas que se comparaban coas dos países desenvolvidos; magnitudes producidas fundamentalmente polo aumento de beneficios debidos ao "adelgazamento do estado" coa venda das empresas estatais, a privatización da banca, a explotación dos recursos naturais e a mercantilización de sanidade e a educación. Esta política dirixida por economistas formados na escola de economía de Chicago e iniciada co pinochetismo mantívose no fundamental nos distintos gobernos da concertación (alianza da democracia cristiá cos socialistas) que gobernou até a chegada en 2009 do actual presidente Piñera.

Todo isto xunto coa pervivencia dunha normativa laboral que no básico provén da ditadura foi creando unha sociedade con dous polos cada vez máis alonxados entre si e que amosan a mentira dese milagre e a crúa realidade do neoliberalismo económico.

De proseguir a estratexia de unir as distintas mobilizacións sectoriais iniciada co Paro Nacional de 48 horas de agosto é posíbel que se estea abrindo en Chile unha nova etapa que permita construír unha verdadeira alternativa política e social aos herdeiros de Pinochet actualmente no poder.