Cen anos da revolución de outubro

Cen anos da revolución de outubro

O vindeiro martes quen nos definimos como comunistas estamos de celebración, o 7 de novembro conmemóranse os cen anos da revolución de outubro, revolución que supuxo o primeiro intento de construír unha sociedade sen clases e sen explotación, unha sociedade socialista.

A revolución de outubro marcou a historia contemporánea e incluso hai quen defende que o curto século XX –do que falou o historiador Eric Hobsbawm- empezou realmente en 1917, cando o 23 de febreiro (8 de marzo no noso calendario) se inicia a fase democrático-burguesa da revolución rusa. Oito meses despois desencadéase unha segunda e definitiva fase, o 25 de outubro (7 de novembro no noso calendario) cando os bolxeviques toman o poder e inician a revolución socialista.

Pasados cen anos son múltiples as lecturas que se fan ao respecto da influencia da revolución de outubro na historia da humanidade; e na actualidade a meirande parte desas lecturas son negativas, participando consciente ou inconscientemente da ofensiva ideolóxica do sistema capitalista. Unha ofensiva que se puxo en marcha aos poucos meses de iniciarse a revolución, intensificouse na etapa da guerra fría, e chega ao despropósito en canto a falsidades e manipulacións na etapa que se inicia o 25 de decembro de 1991 coa desaparición da URSS.

Valorar a importancia da revolución de outubro, recoñecendo os seus acertos e asumindo os seus erros, é básico para recuperarmos a historia dos desposuídos, a historia de quen até ese momento non tiñan historia, a historia das clases populares, a historia dos povos e a historia da clase traballadora. Tendo como antecedente a Comuna de París (18 de marzo-28 de maio de 1871) a revolución de outubro supón a toma de conciencia dun povo, que naquel momento tiña a condición de súbdito, de que é dono da súa propia vida e pode decidir o seu futuro.

Outubro e Unión Soviética serviron de inspiración para a creación de organizacións políticas, sindicais e sociais que se marcaron, e se marcan, como obxectivo construír unha nova sociedade. O proceso de descolonización, as loitas de liberación nacional, os distintos movementos sociais con alternativas globais ou sectoriais que en todo o planeta teñen conducido e conducen loitas concretas, os procesos políticos transformadores, nacionalistas e/ou revolucionarios; todos eles, coas súas vitorias e derrotas, teñen un fío condutor que os relaciona coa revolución de outubro. En todos o obxectivo é común, a edificación dunha sociedade máis xusta. E en moitos a táctica empregada e/ou a construción do instrumento que dirixe o proceso conteñen elementos inspirados na revolución de outubro e nos seus froitos.

O estudo da revolución de outubro e dos seus efectos tamén sirve de instrumento para podermos desterrar determinados mitos e lecturas interesadas que quixeron converter o marxismo nunha especie de relixión, e as análises feitas por Marx e Engels nas súas obras nunha especie de santos evanxeos que só podían ser interpretados por sumos sacerdotes.

A Rusia atrasada, cunha sociedade somerxida no medievo e unhas masas campesiñas desposuídas que engrosaban o exército tsarista e morrían nos campos de batalla da Gran Guerra, non aparecía como protagonista nos textos sagrados; pero o método científico xa hai moito que nos ensinou que non se dan as mesmas condicións nun experimento de laboratorio que na realidade.

Por poñer só dous exemplos, está claro que a revolución de outubro tivo influencia n@s patriotas cuban@s cando decidiron non agardar pola autorización do PSP[i], e tendo en conta as súas propias circunstancias iniciaron un proceso revolucionario que triunfou. E o mesmo podemos dicir da FLN que dirixiu a independencia de Alxeria coa oposición do Partido Comunista Francés.

O noso propio Partido a principios dos anos 70 do século pasado decidiu conxugar o pensamento dos galeguistas, con especial destaque para Castelao, co pensamento de Marx e Lenin; transformando a UPG, unha organización que na súa orixe tiña vocación de fronte, nun partido comunista patriótico. Esa decisión adoptouse nunha nación en situación de dependencia colonial, na que a clase traballadora era minoritaria e o campesiñado era propietario das súas terras. Esa decisión foi criticada e atacada polos adoradores do libro sagrado pero, ao contrario do que eles dicían, tiña un fío condutor que a unía directamente coa revolución de outubro. Os e as camaradas da UPG que adoptaron esa decisión o que fixeron foi aplicar o marxismo ás condicións concretas de Galiza. En palabras de Bautista Álvarez:

O marxismo, tomando a Marx ao pé da letra, é un método de análise. O autor do Capital non elaborou tratados acabados. Deixounos fórmulas para entender a realidade de cada país, de cada sociedade. Así é como leron a súa obra marxiólogos (perdoade a palabra) especializados en interpretalo. Algún deles chegou a afirmar que admitiría mellor a traizón á letra dos seus escritos que unha lectura incorrecta da realidade social. Así se explica o fracaso dos que converteron o Capital en catecismo. A revolución cubana non a iniciaron os que agardaban a que lles chegase o nihil obstat de Moscova (...) En Galiza non existe liberación de clase sen emancipación nacional, e non como opinan os marxistas dogmáticos, os do catecismo, que fan depender a segunda da primeira.”[ii]

O cen anos de 1917 deben servirnos non para demostrar fidelidade á revolución de outubro senón para coñecela e estudala, valorándoa como exemplo dunha creatividade na que o papel de Lenin foi fundamental, pola súa preocupación por estudar a historia e a realidade de Rusia e pola súa capacidade para elaborar análises e propostas de actuación, propostas que non tiña problema en modificar cando as circunstancias lle demostraban que non ía no camiño acertado. Unha revolución que tentou aplicar unha política ao respecto das nacións que formarían parte da URSS baseada no recoñecemento do exercicio do dereito de autodeterminación, política que dexenerou posteriormente pero que segue a ser un elemento fundamental de estudo para quen loitamos por unha Galiza soberana.

Castelao despois de visitar a URSS, e sinalando previamente que el non era comunista, dixo:

“(...) Adquirín a convicción de que alí se está procreando unha nova vida que ha de ser o molde dos demais pobos do mundo. E disto non teño absolutamente ningunha dúbida. Se a experiencia soviética houbese fracasado, sempre debiamos quedar agradecidos a un povo que fai experimentos na súa propia carne, non na carne dos demais. Se a experiencia fracasase, sería sempre motivo de admiración e de agradecemento de todos os homes cara ao povo soviético que, con tanta xenerosidade, prestouse a facer esta experiencia. Pero se a experiencia triunfa, como triunfou, entón ao agradecemento é necesario engadir a admiración e submisión a uns principios, que son os únicos que poden salvar ao mundo.” [iii]


[i] Partido Socialista Popular, era o partido comunista existente en Cuba, que non se uniu á revolución até finais de 1957.

[ii] ÁLVAREZ, B.; Intervención no Acto de Conmemoración do 40 aniversario da UPG, en Obras Escollidas Volume III. Ano 2017

[iii] CASTELAO A.D.; Entrevista no xornal El Magisterio Español, Barcelona, 11/15-06-1938, en Revista Terra e Tempo nº 141-144. Ano 2007