Catalunya e Rosa Parks
O Estado español non é un estado democrático. Nada mudou 42 anos após a morte do Ditador. A diferenza é que agora podemos votar cada catro anos e escoller entre os partidos comprometidos en manter o statu quo. Calquera posibilidade de remover, renovar e democratizar as estruturas do Estado, así como a súa acusada vocación centralista queda reducida a cero, mesmo polos que non hai moito dicían que querían mudalo todo.
Sen embargo, o Estado ten un problema. Ese problema é Catalunya, que está decidida o 1 de outubro a rachar co statu quo votando no referendo anunciado para ese día; mais á vista do acontecido, e o que nos queda por ver, non o vai ter doado.
O pulso do pobo catalán e do seu goberno podería ter como contrapartida a aplicación do artigo 155 da Constitución por parte do Goberno central, que di o seguinte: “Se unha Comunidade Autónoma non cumpre as obrigas que a Constitución ou outras leis lle impón, ou actúa de forma que atente gravemente ao interese xeral de España, o Goberno, previo requirimento ao Presidente da Comunidade Autónoma e, no caso de non ser atendido, coa aprobación por maioría absoluta do Senado, poderá adoptar as medidas necesarias para obrigar a aquela ao cumprimento forzoso das devanditas obrigacións ou para a protección do mencionado interese xeral.” E engade que “para a execución das medidas previstas no apartado anterior, o Goberno poderá dar instrucións a todas as autoridades das Comunidades Autónomas”. É dicir, que o Goberno central podería tomar o control da Generalitat.
Mais queda claro que o Goberno de Mariano Rajoy non está pola labor de aplicar este artigo, que sentaría un precedente moi grave e tería como consecuencia o illamento político do PP, pois agás Ciudadanos, probabelmente o resto de forzas políticas rexeitaría esta opción. A estratexia de Rajoy consistirá aparentemente en non facer nada, -unha marca da casa-, mais o seu goberno, baixo o pretexto do cumprimento da lei, utilizará todos os resortes de que dispón o Estado para impedir que o 1 de outro haxa urnas en Catalunya.
A estas alturas a ameaza e a estratexia do medo é tan evidente por parte do goberno de Rajoy que ten como feito máis visíbel a irrupción da Garda Civil no Parlament e na Generalitat baixo a escusa da loita contra a corrupción. Unha estratexia que ten os seus aliados naturais nas forzas políticas tradicionais de tradición centralista, mais tamén as novas organizacións non son alleas a esta estratexia mantendo un discurso ambiguo, pero cunha praxis coincide co centralismo.
É certo o que din os podemitas de que o referendo non ten garantías legais e por ese motivo non o apoian. Mais se se me permite a comparación, en 1955 Rosa Parks tampouco tiña garantías legais para sentar na cadeira do autobús reservada ás persoas brancas. Era ilegal. Pero esta muller, nun acto de dignidade, sentou na cadeira dos brancos a pesar das consecuencias penais, marcando un fito importante na loita polos dereitos sociais e políticos das persoas de cor. O 1 de outubro Catalunya está nesa mesma tesitura. Pode ceder ás ameazas e á estratexia do medo do goberno de Mariano Rajoy sentándose na parte de atrás do autobús ou pode poñer as urnas para que o pobo catalán decida, sentándose na parte de diante, tratando de ti a ti ao Goberno central. Este pequeno xesto será un gran paso para as nacións sen estado, incluída Galiza, e será un paso importante para demoler as estruturas dun Estado predemocrático e corrupto. Adiante, sen medo!