Cataluña sempre marcando o vieiro

Cataluña sempre marcando o vieiro

Rematei a colaboración do mes pasado, desexando aos cataláns unha boa Diada. Alegroume logo, por un bo número de razóns, que se cumprise o desexo: porque Cataluña demostra ser un verdadeiro pobo, porque, despois de levar eu case sesenta e seis anos vivindo en Galicia, onde ningún indicador me permite pensar que chegue a ver algo que se asemelle ao que está a acontecer entre os cataláns (non tardaremos en ver outro fermoso estoupido de amor e sentimento da terra en Euskadi), o meu afán nacionalista se proxecta sobre esas nacións irmáns, ao tempo que lles desexa todas as conquistas de liberdade e soberanía que nunca verei na miña Terra.

En 1971, en A que llamamos España, Pedro Laín Entralgo escribiu sobre a influencia das cores na psique dos homes, deténdose nas gamas de Castela. Non é preciso recorrer a psicólogos ou pintores para percibir o contraste entre as xentes que viven inmersas na luz do Mediterráneo e as que habitan as case permanentes brumas do norte de Europa. Teño pensado no papel que na alma dos galegos xogan as nosas continuas cores frías, os verdes e os azuis, esvaecidos polos grises estacionais. Se alguén decidiu que a cor acaída para os prostíbulos era o vermello, mentres que a das batas hospitalarias debería de ser o verde, para sosegar os intranquilos espíritos dos pacientes, relaxarannos tanto as espléndidas tonalidades frías da nosa Galicia? Serán as causantes da renuncia manifesta, elección tras elección, a defender os nosos dereitos como nación? O que si é evidente é que non todos somos igualmente sensibles ás influencias cromáticas.

Un pouco máis adiante, Laín, despois de dicir “Consten ante todo, porque así es de justicia, las torpezas y las incomprensiones de Castilla, si se quiere, de Madrid, frente a la realidad y la peculiaridad de Cataluña” e, a continuación, escribe un parágrafo dedicado a ela que, con lixeiros matices, repetirá inmediatamente para Galicia. Cito o que fai referencia a nós: “Sólo en función de España puede plantearse con seriedad el problema de ‘lo gallego’; pero sólo en verdadera concordia con una Galicia no herida –herida se hallaba, no lo olvidemos, la de Rosalía y Castelao- podrá resolverse con verdad y con firmeza el problema de ‘lo español”. Fago un inciso para dicir que teño sido recriminado por algún lector por citar con certa frecuencia “españoleiros” como Laín, Ortega, Unamuno, D’Ors, Marañón... Lémbrolles desde aquí que Menéndez y Pelayo e Leopoldo Alas Clarín eran ideoloxicamente antagónicos, pero chegaron a ter unha grande amizade e respecto mutuo e, como dixo o derradeiro da precedente lista, en Ensayos liberales (1946), Clarín lía sempre os libros do amigo “y no para encontrarle defectos, como hace el español listo con mentalidad de opositor a cátedra, sino para extraer todo lo bueno y ensalzarlo”. Iso mesmo procuro facer eu con (case) todos os libros que leo, con independencia de quen sexan o autores, pois, como engadiu Marañón de Menéndez y Pelayo, home que se levaba con tirios e troianos: “Sólo con los tontos no transigía, cualquiera que fuese su categoría o su filiación, porque ‘la tontería no pertenece a ninguna escuela”. Dicía o meu mestre Alonso del Real que lle daba igual un parvo de dereitas que un parvo de esquerdas, porque, sendo parvo, o resto tanto tiña.

Preocupábase Laín polo problema do español e o mesmo fixeron outros moitos antes ca el. Xa en 1921, na España Invertebrada, dedicou Ortega moitas páxinas a falar da descomposición, disgregación ou separatismo no que España estaba inmersa, chegando a dicir: “Para mí esto no ofrece duda: cuando una sociedad se consume víctima del particularismo, puede siempre afirmarse que el primero en mostrarse particularista fué precisamente el Poder central. Y esto es lo que ha pasado en España. Castilla ha hecho a España, y Castilla la ha deshecho”

O xeneral Prim, a quen teño citado en máis dunha ocasión, pola súa honradez (cando foi enviado a xestionar unha grave cuestión política en México, recibiu 100 000 pesos para gastos reservados; á volta de América, devolveu ao tesouro 96 000. O mesmiño que os posuidores das tarxetas negras de Bankia) ou, entre outras calidades, polo seu patriotismo catalán, manifesto en moitas ocasións, como cando, ao falar dos seus compatriotas, dixo: “Si no los quereis como españoles, levantad de allá vuestros reales, dejadlos, que para nada os necesitan; pero si siendo españoles los quereis esclavos, si quereis continuar la política de Felipe V, de ominosa memoria, sea en buena hora y sea por completo; amarradles a la mesa el cuchillo, como lo hizo aquel Rey; encerradlos en un círculo de bronce, y si esto no basta, sea Cataluña talada y destruída y sembrada de sal como la ciudad maldita; porque así y sólo así, doblareis nuestra cerviz; porque así, y solamente así, vencereis nuestra altivez; así y solamente así, domareis nuestra fiereza”. Gabábase de ser catalán e presumía de falar a lingua da súa terra, téndoa empregado mesmo para arengar as tropas no asalto a Tetuán; preguntou se os cataláns van estar sempre mandados como país conquistado e comparou Cataluña cun cabalo fogoso, ao que non se doma con pau e espora porque dispara e tira polo ar ao xinete.

E algúns seguen coa ladaíña de que os actuais cataláns están idiotizados por Más e ERC. E con respecto ao que aporta cada quen á Facenda do Estado e o que se escoita sobre que foron Franco e a democracia os que enriqueceron Cataluña, non estorbará que diga que, xa en 1915, o notario castelán Julio Senador deixara escrito, en Castilla en escombros, que “sólo la provincia de Barcelona paga más que Castilla la Vieja y Castilla la Nueva juntas”. Talvez non sobre lembrar que o 12 de marzo de 1981, poucos días despois do golpe de Tejero, Diario 16 publicou o “Manifiesto de los 2.300”, encabezado por Amando de Miguel e Federico Jiménez Losantos no que denunciaban a discriminación do español en Cataluña. Dous meses despois, dous militantes de “Terra Lliure” metérenllo a Losantos un tiro na perna e este liscou para Madrid. Curiosamente (ou non), ao día seguinte de se publicar o Manifesto, Calvo Sotelo, co apoio firme do PSOE (o que agora disque veu a luz e se fixo federalista), anuncia a LOAPA, o café para todos ou, o que é o mesmo, o triunfo das pretensións dos golpistas (Cfr. Antonio Santamaría: Foro Babel. El nacionalismo y las lenguas de Cataluña). A Constitución, que foi escrita baixo a vixilancia dos sables e que moitos non votamos, quedou así total e definitivamente descafeinada, servindo unicamente para amolar e, aínda esta semana, destápasenos Mariano Rajoy (Cataluña manda ao goberno a Prim, Galicia a Franco, Fraga, Mariano...) con que a lei non permite que os cataláns decidan libremente que queren ser, e enfatiza: “no puedo y sobre todo no quiero”. Un meu profesor dicíanos que, cando lle preguntaron a alguén por que non fixera algo, respondeu: “Por 3 razóns, a 1ª porque non me deu a gana, a 2ª...”. “Alto aí, se a primeira é esa, as outras dúas non me interesan”.

Cataluña é un cabalo fogoso, en Galicia a terra é verde e o ceo e o mar son azuis ou grises.