Cataluña. De nacións, reinos e condados

Cataluña. De nacións, reinos e condados

Outro era o artigo que pensaba escribir este mes, mais o monótono e incesante bater de folóns, incrementado nesta última semana ata límites obsesivos, como se rompesen todos os encoros e fixesen tolear os rodicios de muíños fariñeiros, batáns e ferrerías, empuxoume a escribir sobre Cataluña. A caverna mediática, con independencia do espectro político dereita-esquerda no que se sitúe, sempre defensora con Calvo Sotelo dunha España “antes roja que rota”, anda a bramar, bruar e ouvear de xeito monocorde e irritante. Editoriais, páxinas de opinión, entrevistas e ata cartas ao director reproducen o esquema musical do Bolero de Ravel, remoendo incesantemente, cada vez máis recargado de bombo como o gaiteiro de Lesón, no mesmo obxectivo: España segue a ser unha unidade de destino no universal. Tertulianos, falabaratos ou, tomando o nome prestado da Utopía de Tomás Moro, polileritas de toda caste aparcaron as máis finxidas que reais diferenzas ideolóxicas para discutir unicamente sobre quen é máis español e “mucho español”. E o goberno, presidido por ese señor de provincias, cuxo grande mérito intelectual –que o deixou esgotado de por vida- foi aprobar unhas oposicións ás que, segundo se comenta polas beiras do Lérez, chegou, como as máquinas que funcionan, convenientemente aceitado, poñen cara de matóns de barrio e sinalan as súas armas: fiscal superior, tribunal de contas inoperante, agás para sancionar cataláns, desprestixiado tribunal constitucional, forzas e corpos de seguridade do estado, etc. Cando, estes días, vexo á vicepresidenta falando na televisión, son incapaz de non pensar que Maky Navallas está na cidade. Puro matonismo recastado de colexio de monxas!

Por elemental prudencia, evito transitar por terreos esvaradíos nos que sei que non podo pisar con seguridade. É por iso que non vou entrar no tema que acapara toda a expectación informativa: as sesións no “Parlament” de Cataluña, desenvolvidas como actos de filibusterismo político por parte da oposición. Ignorando cuestións elementais de dereito administrativo e constitucional e tendo un senso do ridículo descoñecido na maioría dos políticos, vou camiñar por eidos nos que me sinto cunha certa seguridade por seren os que estudiei, estudio e ensinei.

Desde hai uns tempos, repítese entre políticos profesionais e xentes do común a pregunta que o 11 de maio de 1882 se formulou Ernest Renan nunha conferencia na Sorbona: Qu’est-ce qu’une nation? Se a revolución de 1789 foi o detonante do nacemento da nación francesa, a oposición a Napoleón fixo nacer sentimentos nacionais en Alemaña, Inglaterra e España. Mais xa, desde os inicios, a definición da verba nación foi diferente en cada un dos países. Para Fichte, nos Discursos á nación alemana de 1807, o concepto de nación é esencialista e baséase na raza, na relixión e –insiste en todos os “discursos”- na lingua, xa que “aínda que teñamos perdido a nosa autonomía política, así e todo conservamos a nosa lingua e a nosa literatura, e nelas continuamos sendo unha nación...”. O espírito do pobo, o “Volksgeist”, fecunda todo e conforma a esencia da nación alemá, algo que, expresado doutro xeito, atopamos no bretón Renan, cando di que “Unha nación é unha alma, un principio espiritual”, aínda que logo matice (ao que non foi allea a disputa cos veciños pola Alsacia e Lorena) que “A existencia dunha nación é (perdóenme esta metáfora) un plebiscito de todos os días” ou, o que é o mesmo, ten que haber unha vontade común de vivir xuntos. Desde a Revolución Francesa ata hoxe fixéronse milleiros de definicións da verba nación, e a rede pescando. A dificultade de explicar que é unha nación levou ao grande historiador Eric Hobsbawm a dicir, en Naciones y nacionalismo desde 1780: “Non hai medio ningún de explicar a un observador (el fala dun historiador extraterrestre chegado á Terra) como recoñecer a priori unha nación entre outras entidades...”. Por suposto, nin a vella Sociedade de Nacións, saída do Tratado de Versalles de 1919, nin a ONU actual se preocuparon de explicar que é o que as conforma.

De todas as definición formuladas que coñezo, sigo considerando a máis completa a que Stalin publicou en 1913 en El marxismo y la cuestión nacional: “A nación é unha comunidade humana estable, historicamente formada e xurdida sobre a base da comunidade de idioma, de territorio, de vida económica e de psicoloxía, manifestada esta na comunidade de cultura”. Todas as notas que contén deben estar presentes. Desde a súa publicación brotaron críticas, xa dentro do propio marxismo, mais eu aínda non atopei unha mellor. E o líder do PSOE, interpelado sobre que é unha nación e cantas hai en España, despois de demostrar que non tiña nin idea e que, como moito, chega ao concepto de nación cultural e a dicir (ou cando menos así saíu na televisión) que “todas las naciones son España” (supoño eu que non incluirá a Francia nin a Alemaña), remata, polo de agora, sentenciando que na nación española hai tres nacións, tirando eu a conclusión de que se trata dunha caste de monecas rusas. E a presidenta trianeira, a que repetía que iso de pactar con podemos, precisando amais dos nacionalistas para cadrar os números, “yo no lo veo, yo no lo veo” responde que Andalucía non é menos que Galicia Euskadi e Cataluña, cando aquí non se fala de máis nin de menos, senón de nacións. E así está toda a vella garda do PSOE, esquecendo, mesmo Felipe González, que, cando o Tribunal Constitucional esnaquizou o Estatuto de Cataluña, el e Carme Chacón escribiron un artigo en El País (26/07/2010), reivindicando o mesmo que agora defende Pedro Sánchez, que España era unha nación de nacións. Non se clarexan e iso que teñen na Fundación Pablo Iglesias a biblioteca do vello socialista Anselmo Carretero, defensor desa idea, recollida por Solé Tura, Roca e Peces Barba durante os debates da elaboración da Constitución. Alfonso Guerra, expulsado da presidencia da dita fundación por Pedro Sánchez, tendo alí as obras de Carretero, semella non telas lido ou talvez as desprece por pesar máis nel o espírito xacobino propio do liberalismo e asumido fervorosamente polo PSOE. Cando me preguntan a min cantas nacións hai en España, se aprecio malicia, cousa frecuente, respondo que cando menos hai unha: Galicia. E para min, iso de nación de nacións seméllame aquilo das películas de faraóns como reis de reis. Eu considero que España é un estado formado por nacións e rexións e coido que Lenin non andaba nada errado, cando dixo que Estado era o comité executivo das clases dominantes. Non hai máis que velo estes días.

Outro asunto que suscita o “procés” é como Cataluña ousa declararse nación e estado independente, se nin sequera era un reino, senón un condado que pertencía ao reino de Aragón, o cal non é certo. Lino moitas veces e mesmo mo teñen preguntado en varias ocasións. Que isto o fagan persoas ignorantes en historia, ten algo de xustificación, pero teño diante de min un artigo asinado por un doutor en historia que defende o mesmo, o que me fai pensar que así como o hábito non fai ao monxe, os títulos académicos non garanten sabedoría. Non é preciso ser medievalista para saber que conde procede de comitem e que esta verba servía para denominar aos compañeiros do rei: eran os máis próximos a el. Por iso non admira que, por toda a Europa feudal, os reis asignasen condados aos seus commilitóns. Algúns destes condados convertéronse en reinos por un método relativamente doado: viaxando o conde ou un seu representante, habitualmente bispo, a Roma e solicitando do papa que transformase o condado en reino. Este facíao a cambio dunha importante cantidade de moedas de ouro e xa temos un novo reino. Así fixo o conde de Aragón, chegando mesmo a facerse vasalo do papa en 1089 e sendo protexido por el. Outro tanto fixo, en 1139 ou 1140, Afonso Henriques, transformando o condado portucalense en reino de Portugal, mais aínda tivo que agardar a 1179 pola bula do papa que recoñecía o seu título de Rei de Portugal como institución.

Os condes de Barcelona nunca tiveron interese en se constituír en reis. Eran soberanos no seu territorio e máis nada. Durante anos, Aragón era un reino e Barcelona un condado totalmente independente ata que, en 1137, casa Petronila de Aragón (alí as mulleres podían transmitir a coroa, pero non exercer como raíñas, algo así como a hemofilia dos Borbóns) co conde de Barcelona Ramón Berenguer IV e, a partires de aí, xa se fala da Coroa de Aragón como algo que engloba o reino e o condado, pois os dous territorios, sendo independentes, pertencen ao rei. Gobernarán os sucesores de ambos ata 1410, mais a unión non foi nin territorial nin política, senón persoal e dinástica, o mesmo que sucederá cando o matrimonio de Fernando e Isabel. Os reis chamaranse sempre con todos os títulos das súas posesións, neste caso “rei dos aragoneses e conde dos barceloneses” (logo serán de Aragón e de Barcelona, pois, a mediados do século XII, en todas partes – Inglaterra, Francia e aquí- chamaranse reis ou condes do reino ou condado e non dos habitantes do mesmo). No testamento de Afonso II, fillo do devandito Ramón Berenguer IV, aparece xa a verba Cataluña (Cathalonie) como unha unidade territorial formada polo condado de Barcelona máis os de Girona, Cerdaña, Besalú e Ausona, aos que se sumarán outros. A partires de agora, as conquistas serán adxudicadas unhas veces a Aragón e outras a Cataluña, e incluso Jaume I decidiu que os reinos de Valencia e Mallorca non serían de ningunha, senón exclusivamente del por dereitos de conquista, o que se chamaban “acaptos”. O único vínculo que mantén unidos estes territorios é a monarquía, correndo o risco de se disgregar tras morrer sen sucesión, en 1410, Martín I o Humano. Evitouse desfacer a Coroa de Aragón celebrando o Compromiso de Caspe que, en 1412, entronizou a casa castelá de Trastámara con Fernando I, quen creou o principado de Girona, o que ocasionou que o condado de Barcelona fose agora chamado principado de Cataluña, mais a situación era a mesma.

Cada territorio tiña a súa administración, as súas leis, o seu goberno, a súa moeda, as súas fronteiras, as súas políticas económicas, etc. Nunca Cataluña foi de Aragón, senón que con Aragón, logo tamén con Valencia, Mallorca e territorios ata Grecia, conformou a Coroa de Aragón.

Por razóns de espazo non me ocupo da consideración de Cataluña como nación, aínda que sinto non expor, entre outras, as experiencias vividas por Pierre Vilar, cando, en plena ditadura de Primo de Rivera, chegou a Barcelona. Cito soamente este parágrafo da páx. 63 do primeiro dos tres tomos da súa obra Cataluña en la España Moderna: “Así pues, a fines de la Dictadura, todas las clases, en Cataluña, unían sus agravios y se afirmaban como ‘minoría nacional”. Algúns nunca o entenderán.