Carta aberta ao pobo de Ucraína: alegado pola soberanía

Carta aberta ao pobo de Ucraína: alegado pola soberanía

Como soberanista que son, isto é, defensor do dereito de todos os pobos do mundo – incluído o meu, o galego– a decidiren por si propios e disporen libremente do seu destino sen ataduras a poderes foráneos alleos aos intereses do país, non podo menos que aplaudir a reconquista da independencia do voso país, Ucraína, en 1991.

Sen presumir de ser un especialista en materia de política ucraína, podo entender as vosas arelas de liberdade real actuais, para alén da independencia formal, e as razóns que levan o voso pobo a ter receos a respecto do seu veciño oriental con Putin á frente, antes como primeiro ministro desde a disolución en 1991 da que nominalmente seguía a chamarse URSS, e agora como presidente.

Ben sei que as relacións rusoucraínas foron moi tensas desde os 90 debido, sobre todo, á disputa do gas natural que levou á crise de 2006 cando, en pleno inverno, Rusia cortou toda a subministración de gas que pasaba por Ucraína.

No entanto, e malia todos os desacertos do pasado, tamén acho que cabe recoñecer que a actual Comunidade dos Estados Independentes (CEI), herdeira da dexenerada Unión ‘Soviética’ de Gorbatchov, nada ten a ver con aquel soño dunha patria socialista erguida polo pobo soviético guiado polo camarada Lenin, que levou á implantación dun sistema de saúde e educación universal e gratuíto, o dereito ao traballo e á vivenda, xunto con políticas que apostaron pola igualade das mulleres na República Socialista Soviética da Ucraína.

Con todo, entendo a tentación de mirardes con ilusión cara ao El Dorado europeo, que en realidade non é máis que unha miraxe que proxecta a burguesía que rexe a Unión €uropea en pos de man de obra barata e novos mercados. Non vos equivoquedes: nin toda a Europa é Francia ou Alemaña, nin todo o pobo alemán e francés vive ben baixo a batuta da Troika.

Para entenderdes mellor o que realmente representa o modelo desta Unión de Mercadores, ollade antes para os países da periferia, vós que vos achades nas marxes orientais deste conglomerado de capitalismo desenfreado, e ollade tamén para os países da vosa contorna de recente incorporación.

Diríxome a vós, a xeración que tomou as rúas durante Revolución Laranxa en protesta contra a fraude electoral de 2004. Á luz desta vosa vitoria, conseguida grazas á protesta cívica diaria por parte do pobo ucraíno, ollade, pois, o que acontece no voso país veciño, Romanía, que, desde a súa absorción pola U€ en 2007, segue a ter un déficit democrático enorme que a U€ non é quen de paliar. A situación tanto na Romanía como na Bulgaria caracterízase por un aumento da presenza de partidos de ultradereita, unha corrupción espectacular, un sistema xudicial pouco fiábel, a falta de liberdade nos medios de comunicación, homofobia sistémica e unha descarada intolerancia cara ás minorías, sobre todo os cigan@s.

O nivel de corrupción en Bulgaria, membro da U€ desde 2007, segue a ser peor que o de Brasil e, xa fóra do ámbito dos países do antigo Bloco do Leste, hoxe por hoxe Grecia é présa dun grupo de iluminados neonazis e o seu pobo fica apreixado nas maos dun goberno fantoche refén da Troika, en tanto o nivel de corrupción do Reino de España case iguala o de Ruanda, empeorando dramaticamente de ano en ano a medida que se van destapando novos escándalos.

Como é obvio, pois, a U€ non é, nin moito menos, a panacea polas lacras que azoutan os pobos que viven sob a súa bota: moi pola contra, como vós propios demostrastes en 2004, son estes mesmos pobos quen teñen a solución na súa man, sempre e cando se manteñan libres de calquera inxerencia externa con intereses alleos.

Tamén non se debería depositar na U€ a esperanza de atopar condicións de vida e traballo mellores fóra, xa que, por un lado, as restricións de movemento entre os países da periferia e o centro seguen en moitos casos vixentes, sobre todo no caso dos antigos países socialistas. Por exemplo, non se levantarán as restricións antes de 2014 no caso de Romanía e Bulgaria, en tanto Croacia terá que esperar até o 2020. Contrariamente ao que acontece nos outros casos, traballador@s procedentes da Europa central e do leste deben contar cun permiso de traballo. Mais aí non remata a odisea da adversidade e da miseria de quen se ve obrigado a quitar o seu país á procura dunha vida mellor noutro sitio, xa que, no canto de gozar da riqueza soñada, moit@s se atoparán engrosando as filas do traballo escravo en Alemaña que mantén o sistema neoliberal a flote a falta de colonias exteriores. Esta tamén é a sorte de moit@s moz@s galeg@s –cidadá/ns europe@s de pleno dereito tod@s el@s– que non teñen máis remedio que emigrar a un ritmo que deixa o país desangrado.

Como o meu, o voso é un país rico en potencial gandeiro e agrícola: sodes o principal produtor mundial de aceite de xirasol e un produtor líder en cereais e azucre, así como leite e carne. Polo de agora, a agricultura ucraína é o único sector que segue sen privatizar, mais isto tamén mudará coa vosa anexión á Unión, coas consecuencias que entrañan sempre os procesos de privatización de bens nacionais para a maioría social. A curto prazo, se callar poderedes beneficiar do Fundo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) para as rexións deprimidas da Unión, mais o exemplo da Galiza debería servir de lección das nefastas consecuencias a medio e longo prazo, onde o sector lácteo tradicional está a piques de desaparecer, por non falar da pesca, vítima do despece sistemático da flota de pesca galega, sen que exista capacidade de interlocución directa con países de interese estratéxico para a Galiza que non pase polo filtro dos intereses das oligarquías española e europea.

Cando pensades nunha Ucraína integrada dentro da Unión €uropea, soñades con sentardes á man dereita da Emperatriz Merkel, ou sodes realistas, dispost@s a formardes parte da periferia empobrecida, fonte de mao de obra barata e explotación neoliberal, coa burguesía ucraína a empeñar os recursos nacionais a cambio de lucros a curto prazo e a custo de sufrimento do pobo a longo prazo?

É loábel e debería gozar da nosa solidariedade internacionalista como calquera país que loita para manter a súa soberanía a negativa do pobo ucraíno a consentir o que se podería denominar como unha tentativa de neocolonialismo por parte da Rusia de Putin –desde logo máis lonxe do socialismo a máis non poder– en conivencia con Yanukovych que, por outra banda, tamén xa ten declarado a súa vontade de restaurar o ruso como lingua oficial na Ucraína á imaxe e semellanza de Lukashenko en Belarus.

Porén, sen caer na autarquía, Ucraína ten recursos e medios abondos para non ter que depender dos ditados de ninguén: ao fuxirdes das poutas do oso ruso, tede moito coidado a que non vos pape o monstro neoliberal da Unión €uropea.

Creo que, á luz da experiencia do meu país e da situación actual dentro da Unión, sería un erro trocardes a faixa amarela da vosa bandeira soberana polas estrelas U€.