Camiño de Wallander (VII): Mirándose no espello sueco
Estamos en tempos de ficcións televisivas. Por iso non sorprendeu que un líder político agasallase cunha serie (“Xogo de tronos”) ao monarca español. Non é cousa de laiarse pola época que nos tocou vivir fronte aos sacrificios que padeceron os nosos devanceiros ideolóxicos, simplemente axeitarnos a unha intervención apropiada para xestionar a fantasía que ilumina, acocha, modula, deturpa e filtra a actual realidade.
O mundo audiovisual recrea o noso espazo de tal xeito que pode substituír o marco físico por ese plano metafísico no que conformamos a nosa conciencia, a nosa identidade, a nosa sensibilidade, as nosas emocións e as nosas ideas. Mais non nos enganemos, nunca tivemos contacto directo cos átomos nus. Sempre nos achegamos ás cousas mediatizados polos imaxinarios colectivos.
O problema non é que as ficcións nos desterritorialicen, nos desubiquen, nos despracen do noso corpo. Isto non é un impedimento para achegarnos a nós mesmos. Ao contrario, é quizais condición necesaria. Pois para acadar a autoconciencia é preciso saír dun para verse en perspectiva, contemplarse desde fóra e logo regresar ao que sempre un foi aínda que non sabía que o era. A cuestión é se volvemos a mirada cando nos afastamos ou se só temos ollos para o de fóra.
Ao pasar por Friburgo chamábamos a atención os carreiros de auga que percorrían as súas rúas. Agora, camiñando por Pontevedra ou polo casco vello doutras cidades galegas atopamos unhas pedras que rachan a continuidade das lousas do chan porque están a tapar unha antiga presa que por alí discorría para dar servizos as vivendas da vila. Quizais nunca teríamos reparado nisto de non estar apunto de meter o pé na auga daqueles regatos urbanos Alemás.
,
Cantos desprazados tomaron conciencia galega na Pampa Arxentina ou en Zurich? Mesmo en Madrid. Mais cantos emigrantes perderon a pouca conciencia galega que tiñan. Non hai unha determinación causal que explique por si só a conquista ou non da autoconciencia en relación co alleamento de si propios e do afastamento da realidade na que a un arroxan ao mundo. Agora ben, hai factores que axudan ou obstaculizan que este proceso de autocomprenderse se produza. Nin todas as fantasías producen as mesmas consecuencias, nin a mesma ficción causa o mesmo efecto en todos por igual. E como as quimeras son tan variadas polas propias necesidades da industria cultural de diversificarse atopámonos que hai de sobra onde escoller como alienarse. Mesmo o sistema oferta mercadorías para consumo dos antisistema (“money is money”). Wallander é un deses produtos que ademais ten o engadido de que dispón de tres versións distintas. As protagonizadas por Rolf Lassgård, Krister Henriksson e Kenneth Branagh.
Nesta viaxe pola Europa cara un país que no imaxinario da esquerda na Galiza sempre serviu de referente, quixemos apoiarnos nun personaxe -tamén imaxinario- como é este inspector de policía que nos axudou a disipar as brétemas dese espazo soñado. Porque as veces non abonda entrar en contacto co mundo físico para entender o que temos diante dos fociños. Temos que botarlle imaxinación.
Así é que cando chego á Escania xa vou guiado pola man dos relatos que se recrearon nela. Por iso non é que esta terra prometida nos defraudase. A chegada a Ystad (a vila) e a Malmö (a cidade) na que se desenvolven os feitos que nos narra Henning Mankell, estas son tal como pensábamos porque nos achegamos a elas con anterioridade a través do audiovisual que nisto ten menos marxe de erro que o texto escrito.
Por fóra Ystad é como A Estrada e Malmö como Pontevedra. Dentro das casas percíbese a mesma desigual infelicidade das demais paisaxes humanas europeas. Mais as olladas superficiais non aclaran nada. Suecia non son as súas autoestradas, os seus campos ou as rúas das súas cidades. Suecia para uns é un sistema político que se nos dicía lograra conciliar a liberdade individual coa xustiza social. Mais esa cousa non se ven a simple vista.
,
Sabemos que hai prostitutas polo famosas que son as súas leis que penalizan aos clientes, sabemos que hai problemas de integración polos atentados xenófobos que saltan nos medios, en definitiva, sabemos o que poñen nas noticias quen considera o que debemos ou non saber, pero é suficiente para entender que non é ouro todo o que reloce.
Wallander non é un heroe, non é un santo, non é un militante, non é un exemplo, é un ser humano que nos resulta próximo nas súas miserias e, quizais por iso, achéganos máis sobre o que Suecia é do que as estatísticas e os informes de desenvolvemento.
As ficcións literarias -moitas delas trasladadas ás pantallas- dos países nórdicos que nos invaden parecen atravesadas polos seus propios fantasmas, e na cima de todos eles o do pederasta nazi. Nos aquí convivimos cos violadores franquistas comodamente aceptados e ben considerados polo imaxinario social sen que nos perturbase tanto nin que tiraran proveito diso moitos creadores. Mais mesmo o cine actual máis amábel deste país achéganos un mundo onde hai moito sufrimento e illamento. Lembremos “Fucking Åmål” onde asistimos aos mesmos dramas que padece a nosa xuventude. Se fósemos a Åmål de turismo non serviría para constatar que no interior das súas casas as mozas están a cortarse as veas por non lograr ser aceptadas e comprendidas polo seu entorno.
Para que serviu o ideal Sueco na esquerda do noso país?. Para copiar o seu modelo? Para ser coma eles?, ou simplemente serviu para deixar de ser quen eramos, fuxir de nós mesmos, para non valorarnos. Non negamos as nosas eivas, mais tamén compría lembrar as nosas fortalezas. E Europa foi utilizada como coartada para encubrírmonos, negármonos, para rendérmonos, para entregármonos. Pero que é Europa?. Que é Suecia?.
Ao percorrer este continente, se tiveramos que sinalar o que nos parece máis positivo, chamaríamos a atención sobre o feito de que en todos os países valoran o seu e ningún utiliza o nome do continente para desprezarse a si propios. Isto debera dar que pensar aos papanatas que queren imitalos, porque non copian isto?.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.