Camiño de Wallander (VI): Venezuela ou Dinamarca

Camiño de Wallander (VI): Venezuela ou Dinamarca

Xa levamos uns cuantos titulares xornalísticos do tipo: “Debemos elixir se queremos ser Venezuela (que é presentada como improdutiva e corrupta) ou Dinamarca (amosada como produtiva e honesta)”. Primeiro vímolo como comentario esquemático dun libro, “El dilema de España”, de Luís Graciano, mais pronto pasou ao debate político ao ser trasladado de xeito explícito co fin de mobilizar medos e ilusións a través de “Ciudadanos”, partido que este autor asesora, e con repercusión no manexo dos imaxinarios sociais das demais forzas políticas. Isto era visto que ía acontecer cando un coñecido programa da Sexta visitou ese país para propoñelo como contraste deste Estado.

Por outra banda, coincide que cando me poño coa encarga deste texto chega un aviso de que non me preocupe pois a persoa que me escrebe di que está na outra esquina de Copenhague. Entón preocupeime. Decátome que andan a tiros nesa cidade por mor dunhas caricaturas. E con isto último animeime a deixar de caricaturizar eu, isto é, profundar algo máis nas cousas, e xa que logo demorarme no tratado no anterior artigo aínda dentro da superficialidade que é toda esta reflexión turística-política na que me metín e da que non dou saído. Así pois, antes de atravesar a ponte cara Suecia, máis exactamente, no medio desta, boto o freo e párome como na serie “Bron/Broen” entre os dous Estados, coa conciencia de que o contraste entre ambos os dous extremos desta pasarela nada teñen que ver cos que reflicte a recreación americana “The Bridge”, cando situaba o viaduto entre EEUU e México. Se tivera que lembrar na europea de que nacionalidade era cada un dos dous protagonistas custaríame traballo indicalo. Agora ben, na copia ianqui non dubidaría un segundo. Por que será?. Abondaría analizar estas ficcións televisivas para entender a realidade do que acontece. Mais polo de agora simplemente deixemos no ar unha pregunta a respecto do dilema que nos pon sobre a mesa de xeito explícito Albert Rivera e os seus. Até que punto a corrupción é a causa dunha economía improdutiva ou a economía improdutiva é causa da corrupción?, e até que punto a improdutividade dunha economía lle vén imposta a un Estado pola correlación de forzas internacional e non é elixida soberanamente por ese Estado condenado a improdutividade?.

Se nos asomamos a varanda, aquí, desde a cima de Europa, non deixamos de mirar con desconfianza de que sexa ouro todo o que reloce. Cando chegamos a aqueles Estados, como os nórdicos, que exhiben unha sensibilidade social e calidade democrática maior, presentimos no ambiente unha mistura de autocompracencia con mala conciencia. Cren no seu propio modelo sen entusiasmo, sen presumir, e mesmo non parece que teñan moi claro que o merecen, como se non souberan lexitimalo nunha loita, nunha calidade propia deles, nun defecto dos demais, nun xeito de situarse no mundo específico, aínda que só fora pola súa localización. Noutrora, tiveron a escusa de atoparse entre dous bloques, e dicían recoller o mellor de cada un deles, mais hoxe, neste mundo unipolar, non só quedaron en evidencia que non son un punto intermedio de nada senón que ademais quedou destapado que sempre pertenceran a un dos bloques por moito que non estiveran moi orgullosos disto. O premio novel da Paz a Obama penso que é o mellor retrato do que os escandinavos pretenden confundindo os desexos coa realidade: Como estar cos que mandan sen verse manchados polos seus crimes. Déronlle o premio ao Obama que eles pretendían que fora, non ao que realmente é. Un presidente da guerra, un xestor dun imperio depredador.

Hoxe, cando se di iso de que hai que optar entre subirse ao carro ou quedar baixo as rodas xa se dubida da sinceridade da oferta. Sobre todo porque aquí xa se escolleu empoleirarse no europeísmo máis integrista e estamos a pagar as consecuencias. Outros como Dinamarca, inclináronse, por exemplo, en quedar fóra do euro. Xa dixemos que este país tirara da UE a Grenlandia para xestionar ela os seus recursos en exclusiva. Mais non quero eu caer no mesmo erro de vender paraísos noutras latitudes.

Na Dinamarca (o país máis feliz do mundo segundo os estudos ao respecto) pregúntanse porque na súa colonia, Grenlandia, hai o índice de suicidios máis elevado do planeta. Case triplicando ao segundo país, e a distancia abismal de Estados do terceiro mundo coma Siria onde parece que só se suicidan os dos atentados.

Johann Gottfried Herder no 1784 xa se fixara na tristeza dos esquimós que eran capturados e trasladados a Copenhague ou vían destruída a súa sociedade no ártico, e usaba este exemplo para fundamentar que había que deixar a cada pobo en paz no seu medio e cuestionaba o imperialismo voraz que estaba a desatarse. A saber porque se suicidan os habitantes deste Estado tan modélico. Hai quen lle bota a culpa ao clima, as horas de sol, ao illamento, etc... En calquera caso, desde Durkheim xa non se sostén que mesmo un acto tan persoal e íntimo como o suicidio non deba ser tratado como un feito sociolóxico. En definitiva, o individuo ten un comportamento social, e a sociedade está forxada polos comportamentos individuais. Non hai individuos sen sociedade nin sociedade sen individuos. Cando falamos dos nórdicos xeneralizando, cando estereotipamos aos árabes, cando censuramos aos israelitas... estamos a falar dun bosque que nos impide ver as árbores. Mais cando falamos dun caso singular tamén estamos diante da árbore que nos impide ver o bosque. Que facer entón?. Poñernos a talar o que molesta?.

É nese contexto que un musulmán, nacido en Dinamarca, líase a tiros cunha sinagoga e cun centro cultural no que hai unha conferencia sobre as caricaturas de Mahoma. Hai quen alerta da islamofobia e indica que este é un caso illado e que non debe pagar as consecuencias toda a comunidade islámica. Estes actos que seguramente son respostas as masacres perpetradas por occidente contra países que teñen esta relixión como maioritaria, nomeadamente, contra o xenocidio que Israel está levando a cabo, é de supoñer que conte con que os lideres musulmáns deses países tamén lle advirten aos seus seareiros que non todos os occidentais compartimos a política intervencionista e criminal dos nosos gobernos.

,
Finn Nørgaard, un cineasta danés que se atopaba no acto é asasinado polas balas que dispara indiscriminadamente o autor do atentado. A min gustaríame escoitar a súa opinión sobre este asunto. Resultoume curioso que fixera unha película sobre unha peregrinaxe a Santiago de Compostela dun grupo de delincuentes xuvenís de etnias non europeas (“novos daneses” como lles chaman) no que lles dá a palabra para que se expresen mentres os vemos camiñar entre Palas de Rei e Arzúa. É lamentábel que non teñamos acceso a esta cinta no noso idioma sendo o noso país o destino da trama deste filme. Mais, quen lle dá a voz aos que lla dan aos excluídos?.

,
Os nórdicos xa tiñan a mosca detrás da orella. As series danesas que reflicten a súa cultura popular recollen a súa preocupación polo que eles chaman a “integración”, e tamén a súa posición no mundo a respecto do que están a facer as potencias occidentais nos países que teñen invadidos. Vímolo en “Forbrydelsen” coa persecución a un inmigrante musulmán e coa presenza das tropas danesas en Afganistán ou en “Borgen” no que exploramos o marxe de manobra da súa crítica política para ao final lexitimar a ocupación en base ao recorrido argumento da protección das mulleres afgás. Non imos rascar máis sobre a faciana esplendorosa deste país conscientes de que podían ter outro papel ben diferente fronte ao que acontece neste planeta tan inxusto, desigual e violento. Seguramente tiveran evitado con iso ese terrorismo que foron cómplices de quen o creou e fomentou coa escusa de combatelo. Mais non é xustificábel este tipo de actos violentos cegos e indiscriminados que acaba pagando persoas como Finn Nørgaard por moitas falcatruadas que faga o goberno do seu país ao servizo dos EEUU. Como non o foi que Iraq e Afganistán foron bombardeados ou invadidos polo que imputaron a un individuo que dicían se atopaba alí acobillado mentindo a mantenta.
Para cando seremos quen de conciliar entre ver as árbores particulares sen perder de vista o bosque, e ser quen de ver o bosque apreciando cada unha das súas árbores. O día que iso academos non só lograremos impedir que se repitan actos como os de Copenhague ou París, Damasco ou Trípoli, senón tamén que ningún politólogo axite demagoxicamente a polaridade entre dúas ficcións televisivas (que é o que realmente son Dinamarca e Venezuela para os votantes deste Estado) co fin de mobilizar o seu medo, racismo e desesperación para gañar adeptos.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.