Camiño de Wallander IV: O leste

Camiño de Wallander IV: O leste

Os imaxinarios sociais collen corpo de xeitos tan contraditorios que as veces mesmo serven para impedir tomar autoconciencia do máis obvio. Sartre trataba de aclararlle a Camus que as campañas contra a URSS non eran polos escrúpulos que “occidente” tivera a respecto do cumprimento dos dereitos humanos (lembremos como entrementres apoiaban a ditadores en África que comían aos seus opositores) senón fundamentalmente para que os obreiros franceses renunciaran as súas demandas e metas de construír unha sociedade ao servizo dos traballadores. Tratábase de minar a confianza en si mesmos, destruír a súa conciencia de clase, e promover a súa submisión a un sistema que lograron asociar coa liberdade aínda que no seu seo se promoveran Pinochets ou Videlas para a súa defensa.

Cal é a solución?. Dar por bo os Gulag, Katyń ou as invasións soviéticas ou facerlle o xogo aos opresores locais que se apoian no medo ao comunismo para perpetuar a dominación de clase?. Esta é a cuestión, como dicía Gramsci cando trataba de achar como tirar dela unha vitoria unha vez que era imposíbel que todo fose ganancia.

Cando traspasamos a antiga fronteira que deslindaba oriente de occidente tiñamos a sensación de estar a atravesar a outro mundo substancialmente diferente. Tal foi a crúa socialización na que se foi sedimentando este estereotipo en filmes, medios de comunicación e outras fontes da nosa socialización que se perpetúan até hoxe logo de 20 anos.

Non vou falar de Praga nin das consideracións frívolas sobre os “horrores do comunismo” que nesa cidade teñen mesmo un museo para maior ridículo destas posicións pois o artigo de Francisco Rodríguez “A mente americanizada” deixa suficientemente analizado este asunto a luz do comentario sobre como filme “Mozart” foi alí rodado e o xeito no que os que o levaron a cabo se refiren aos tópicos sobre os países socialistas. Mais ben quixera seguir onde o deixa o autor deste texto que ao final conclúe: “En todo caso, a tendencia a escarnecer até o ridículo e a irracionalidade os discrepantes, diferentes, non homologados ou conflitivamente integrados na orde mundial vixente continua máis viva do que nunca, desaparecido o mal comunista. Il non será que a eiva está na xerarquía imperial dominante?”.

Respondamos a esa pregunta. Ou máis exactamente, apoiémonos na resposta que xa no seu momento dou Castelao.

Daquela el albiscaba que o que se chamaba pano de aceiro non era máis que unha cortina de fume baixo a cal os pobos tiñan que librarse do que el denominaba a “invasión do xeral”. Mesmo con anterioridade Castelao comprendeu que a teima contra a URSS non era o seu comunismo senón o seu patriotismo, non deixarse someter, non resignarse a ser unha colonia tal como occidente en xeral tiña gorentado, e Alemaña en particular planeado. E nese sentido recoñece en Stalin “un home xenial, patriota, realista”...

Dalgún xeito valora a súa política á luz da excepcionalidade baixo á cal ten que salvagardar a soberanía nacional do seu país fronte aos inimigos externos mais tamén os inimigos internos que estarían dispostos a colaborar con Hitler se este lles librase del.

O seu non é unha afinidade ou falsa identificación co seu ideario. Un ideario que por outra parte tampouco se corresponde co que aprecia cando visita ese país (“a URSS nin é comunista nin venera a Marx”, di). Senón, pola contra, é o recoñecemento de que este é un Estado que está a ser dirixido para xestionar os recursos co fin de evitar ser devorado polos seus agresores. Non hai unha validación moral da devandita xestión. Mesmo cando se produce o pacto de Stalin con Hitler para gañar tempo, Castelao nin o condena nin o aplaude, simplemente refírese a el cunha especie de “eu xa o dixen” ou “era visto”1.

Fai disto a Castelao unha “piltrafa stalinista” como lle acusaban entón algúns dos que logo lle cualificarán de refén dos capitalistas Puente e Prada?. Non, simplemente Castelao vai alén do que son eses imaxinarios sociais que invaden todo e impiden ver o que hai diante dos ollos.

Cando hoxe, logo de décadas da caída do alcumado comunismo, seguimos a asistir a unha expansión cara oriente que se alimenta nos mesmos tópicos xa non cabe dúbida de que o que temos diante é a construción dunha xerarquía mundial imperial que tenta por todos os medios de eliminar a quen se lle cruza no camiño.

,Os países do leste en xeral e a República Checoslovaca en particular tiveron no seu día un papel relevante na emancipación das colonias do terceiro mundo. Hai que recoñecer que as AK-47 checoslovacas fixeron máis pola liberdade de Mozambique, Angola, etc... que todas as boas palabras de solidariedade internacionalista progre. Hoxe este país, sexa a República Checa, sexa Eslovaquia, en ambos casos sen soberanía, son un títere máis das masacres humanitarias da OTAN polo planeta adiante, desde a veciña Ucraína até o recanto máis lonxe das súas fronteiras. Mentres lembran con orgullo a súa primavera participan activamente en estender o inverno imperialista polo mundo. Porque neles inspíranse as primaveras árabes. Outro imaxinario construído que impide ver a realidade do que acontece. En que se parecen estas primaveras?. No patriotismo fronte a inxerencia estranxeira?. Iso hoxe é insostíbel tal como acabou a cousa. Entón queda o comodín do antitotalitarismo.

Ao final volvemos a Hannah Arendt e a teoría dos monstros xemelgos (comunismo/fascismo). Cando ela analizou o totalitarismo non o fixo de xeito esquemático e simplista, tal como se divulgou. Quizais por iso se negaba a ser calificada como filósofa, autora dunha determinada doutrina. Simplemente analizaba este fenómeno tan novo, achegaba instrumentos de interpretación e concluía multitude de sentenzas de resolución que foron selectivamente cribadas por quen a emprega para impedir precisamente o obxectivo que ela tiña: dar que pensar.

Mais que é a invasión do xeral de que fala Castelao?. Primeiro tiñamos que reconstruír o seu pensamento partindo de tres coordenadas. A primeira é que Castelao considera que cada pobo debe pensar por si mesmo, non pode permitir que pensen por el e non por iso debe renunciar a entenderse cos demais e ser descatalogado para participar da conversación do planeta. A segunda é a constatación da desigualdade e a opresión no mundo e a aposta polos oprimidos. A terceira é a concepción intercultural das relacións entre os diferentes pobos que o leva a renegar da superioridade moral para someter aos incivilizados senón pola contra apostar por unha análise dos outros que teña en conta o seu papel para equilibrar as diferenzas e corrixir os abusos.

Que representa fronte a iso a invasión do xeral?. Pois, o mesmo que a desconexión do particular. A incapacidade de entender o mundo como proceso dialéctico relacional no que cada quen debe responsabilizarse do seu propio ser constextualizado, isto é, asumir a autenticidade sartriana no sentido de recoñecerse a si mesmo como autor do propio mundo no que se atopa e no que repercute a súa acción ou inacción.

Castelao di “O siño do xeral será unha ilusión desbordante”. As organizacións imaxinarias presentadas como novas a pesar de que o conto é vello, terán un papel fundamental nestes momentos de crise nos que a cuestión nacional deixa en evidencia a estrutura xerárquica na que está asentada a ontoloxía política actual segundo os cales hai uns pobos inferiores e outros superiores. Non é casual o éxito dos "indignados" en Israel ou no Estado Español. Os “seguidores de arcoiris” en termos de Silvio Rodríguez irán arrastrando aos descontentos á busca do tesouro que se acocha no pé do arco da vella mentres estes, que miran ao ceo, non se decatan que cada vez que chegan ao lugar no que albiscaran o seu remate, este xa se desprazara a outro punto. Mais mentres conseguen o verdadeiro obxectivo: que se afasten de si mesmos, que se desintegren como colectivo e que se insiran como "subalterno universal cabreado" ao servizo do colectivo dominante.

Esta visita a Praga camiño de Berlín pode que non dera moito de si para recreo turístico, mais agardo que servise para achegarme máis a Galiza. Non sei se o conseguín.


1“Estou en viaxe, dende Los Ángeles a Chicago (día 24 de agosto de 1939) e acabo de ler o pacto xermano-soviético que predixen no remate da guerra ante un fato de galegos que non mo quixo creer”. Castelao. Cadernos.