Camiño de Wallander (I)


Dúas cuestións: até que punto somos Europeos e non podemos ser outra cousa. Até que punto os Europeos foron/son uns asasinos e non só deben deixar de selo senón que é preciso que devolvan o roubado antes de poñerse a dar leccións a ninguén.

Niso penso agora cando me poño a cumprir o meu compromiso coa colaboración neste dixital, mais antes de botarme a andar cara Ystad eran outras cousas sobre as que tería escrito, outras ideas bulían daquela na mente. Concretamente dúas frases. Unha dun filósofo cubano-alemá amigo da Galiza e colaborador da Semana Galega de Filosofía, Fornet-Betancourt: “Para ser universais hai que ser intensos, non extensos. A intensidade arráiganos na nosa propia memoria e non ocupa o lugar do outro". Outra idea a do novelista sueco Henning Mankell quen adoita responder as continuas preguntas que lle fan pola súa decisión de estar a vivir en Mozambique co argumento de que é co fin de tratar de ser mellor europeo.

Quizais antes e despois da viaxe opinaba o mesmo, mais seguro que non escribiría o mesmo. As veces hai que ver mundo para encher de experiencias as palabras baleiras que dicimos. E Europa resulta ser unha das elocucións máis faltas de referencia real e substancial. A máis chea de fume.

Henning Mankell foise vivir a África para ver o estado da condición humana fóra da burbulla. Alí onde se dan as vicisitudes de vida habituais a inmensa maioría do planeta. E tiven noticias del a través das series televisivas baseadas nas súas novelas sobre o inspector Wallander. Recoñezo ter gostado, con diferentes matices, das diferentes versións pasadas á pantalla. Nada menos que tres series e con directores e actores tan diversos encarnando ao protagonista como Kenneth Branagh ou Krister Henriksson.

Logo souben do seu compromiso político. Foi cando deron novas da súa presenza na chamada “Flotilla da liberdade” de axuda humanitaria a Gaza, concretamente no barco Mavi Marmara que foi tomado ao asalto polo exercito israelita. Cando o seu Estado se desentendía da súa situación (ao principio dicíase que fora ferido) el declarou: “A palabra solidariedade non debe existir en sueco”. Si na Suecia tamén había moito que rascar tal como reflicte nas súas obras. Naquela Suecia ideal que se presentaba como o paraíso terreal ao que debía aspirar toda a humanidade, superando os males do “Comunismo” e do “Capitalismo”, nunha conciliación feliz chamada socialdemocracia. Mais alí estaba un sueco. Un novelista. Unha persoa de éxito persoal e económico que poñía en risco a súa vida diante da situación dos palestinos. Que terá a novela negra para atraer para si a persoas de sensibilidade social tan acusada. Desde Dashiell Hammett, vítima do macarthismo anticomunista, até o noso veciño Vázquez Montalbán co seu Pepe Carvalho.

Vimos de coñecer este ano que se lle revelou un cancro a Mankell, e non puidemos evitar que nos aflixira esta nova sobre alguén tan distante no espazo que por estas circunstancias que acabamos de relatar se foi facendo tan achegado noutras dimensións.

Por iso, cando se presentou a oportunidade, quixemos peregrinar a vila na que se localizan as súas narracións, atravesando a “civilizada” Europa que tan aborrecíbel e presuntuosa parece. Mais, podo deixar de ser europeo simplemente con odiar este continente?. Vou con iso deixar de beneficiarme do botín da súa rapiña?. Son Europeo como non podemos deixar de ser homes por moito que rexeitemos o machismo. Os galegos podemos ser menos europeos que outros alegando ser colonia, pero non me atrevo a poñérmonos ao nível -por moito sufrimento que padecera o noso país- dos 10 millóns de escravos que foron capturados nas súas casas do hemisferio sur. Sedimentan sobre o que somos séculos de historia europea que non podemos obviar. Do mesmo xeito que inconscientemente a primeira frase que se me ocorre para xustificar a viaxe á Escania de paso que teño que ir a Copenhague é “matar dous paxaros dun tiro”, logo reparo no pouco afortunada da expresión vindo dun ecoloxista, tamén son mecanicamente europeo en milleiros de actos que se escapan á conciencia anti-eurocéntrica que desenvolvín.

Seguramente os galegos somos o depósito no que se verteu máis Europa de todo o continente. Compostela tiña para a condición europea unha atracción mística independentemente da crenza na certeza da santidade do lugar que resulta comprensíbel para quen vai percorrer 4000 quilómetros para achegarse a un pequeno pobo das ribeiras do Báltico que ten visto en ficcións televisivas. Mais a imaxinación constitúe a realidade das cousas. Aínda que hai límites.

Os que seguimos con ansiedade a serie “A Peregrina” por ver de como é tratado o noso país nesa superprodución alemá non saímos aínda do shock que supuxo atoparse con que a chegada a Santiago fora rodada en Toledo. Como se pode confundir o Alcázar coa nosa catedral?. A invisibilidade do noso país fíxose visíbel para quen mesmo denunciándoa continuamente mais nunca agardábamos que chegase a tales extremos. Esa Compostela que fora fantasiosamente recreada no imaxinario europeo durante séculos para animar na súa procura a milleiros dos seus habitantes agora era presentada como un comodín baleiro. Certo que o importante é o camiño, é esa metáfora da vida que supón ter un punto de partida e outro de chegada, é esa humanidade compartida por parceiros que van nunha mesma dirección, etc. Mais non é irrelevante cal sexa a dirección, non ten o mesmo rematar no Obradoiro que no Museo do Greco, os espazos son insubstituíbeis.

Pois nada, a facer o camiño inverso. E como o tempo tampouco é moldeábel a vontade, un día non dá máis que para chegar até Ocitania. Non axudou que os que trazaran a transcantábrica non tiveran en conta a néboa de Mondoñedo e que se lle acabaran os cartos chegando a Santander. Mais de Francia xa falaremos á volta. A primeira cita, como non pode ser doutro xeito, é con Heidegger, e estanos agardando. Soamente volver lembrar a memoria coa que os franceses parecen estar en paz. Á saída de Boulazac tópome cun monumento á memoria. Quizais cando máis o disimulan, máis resulta obvio o seu desasosego cun pasado maioritariamente colaboracionista, cunha guerra de broma, cun salvar o imperio aínda que se perdera a nación, cun axuste de contas con Robespierre mentres amosa a súa mísera grandeur ao conciliar o culto a Luís XIV e Napoleón por obra e gracia de Nicolas Sarkozy. Memoria, si, máis que outros, por suposto (aínda non retiraron o nome da estación de metro de Stalingrado), mais memoria selectiva. Volveremos sobre eles cando pasemos de novo pola súa terra. Agora toca Friburgo.