Brasil: a síndrome do eterno vir ser

Brasil: a síndrome do eterno vir ser

Día si, día non, os suplementos de economía dos xornais galegos e españois enchen as súas páxinas cunha economía brasileira máis propia da Brasilia megalómana que das dificultades que inzan a vida de máis de dous terzos dos brasileiros.

A comunidade estranxeira máis numerosa no noso país é a brasileira (mentres no Estado español non está nin entre as 15 primeiras) e son poucos os que retornan e os que non o fan fican no noso país moi convencidos.

A principal promesa de Lula durante o seu goberno foi o acceso a tres comidas diarias a millóns de brasileiros; a especulación, a inflación e os baixos salarios non permitirán que unha desas tres comidas teña tomate, despois de alcanzar os 3 euros por quilo nun país no que o salario mínimo é de 231 euros (R$ 670,95 cunha moeda sobrevaluada) e representa o salario de gran parte da poboación.

O caso da hiperinflación dos tomates
é un bo exemplo do paradoxo que representa o Brasil, un país que até ben pouco substituíu á Gran Bretaña, momentaneamente, como 6º economía do mundo e acaba de perder o posto para volvelo gañar os británicos.

O Brasil arrastra os mesmos males históricos que os seus veciños latinoamericanos pero levados a escala xigantesca. Tamén Arxentina, Uruguai ou Venezuela chegaron ser os países do futuro, dun futuro de benestar e abundantes materias primas que non chegaban nunca á maioría da súa poboación. Velaí a esmagante propulsión ubicua, nos media europeus, do ascenso de México entre as principais economías do mundo, baseada en cifras macroeconómicas que non reflicten a vida de traballo e privacións dos seus habitantes. Brasil, país do futuro representa esa visión do Brasil vista polos europeus e do Brasil visto e vivido polos brasileiros. Escrito en 1941 polo exiliado austríaco Stefan Zweig, segundo o xornalista brasileiro Alberto Dines[i] País do futuro pode ser lido como unha elexía ao potencial do Brasil, pero para os brasileiros é: «um canto ao Nunca, o paraíso, como todos inviável[ii]». Non deixa de ser contraditorio que un ano despois de editar o libro, Zweig e a súa muller, Lotte Altmann, se suicidasen en Petrópolis, no Brasil «paradisíaco» que non curou as penas destes exiliados nin dos milleiros de brasileiros que decidiron viver na Galiza, ou no Xapón, fuxindo das cifras positivas macroeconómicas e da miseria microeconómica das súas proprias vidas no «paraíso» tropical do Brasil.

_________________________________
[i]
Autor de Morte no paraíso.
[ii]
Alberto Dinis na revista Pesquisa.