Bolivia, outra vítima da estratexia da mentira

CREATOR: gd-jpeg v1.0 (using IJG JPEG v80), quality = 90
Bolivia, outra vítima da estratexia da mentira
Como era previsíbel a fraude electoral da que foron acusados o MAS e Evo Morales nas eleccións presidenciais do pasado outubro vén de confirmarse que non existiu, pero realmente daba igual a veracidade ou falsidade da acusación; cumpriu coa súa función e hoxe Bolivia encara as eleccións do 5 de maio con case todas as cartas a favor dos golpistas.

A acusación de fraude electoral foi só o último elemento dunha estratexia planificada, e perfectamente executada por diversas axencias vinculadas aos servizos de intelixencia dos EEUU que levaban anos traballando para crear un escenario de desconfianza que favorecera o golpe. A polémica produciuse na propia noite electoral cando con máis do 80% dos votos contabilizados un problema técnico paralizou o reconto, e cando o problema foi solucionado, a candidatura de Evo Morales tiña unha diferenza lixeiramente superior a 10 puntos sobre o segundo candidato, o que en base á lexislación electoral boliviana dáballe a vitoria sen ter que ir a unha segunda volta. Penso que tardaremos aínda en saber se o problema técnico foi casual ou inducido, pero a partir dese momento os pasos foron sucedéndose seguindo o manual coñecido.

Nos seguintes días os EEUU usando como ariete unha vez máis á Organización de Estados Americanos e aos estados da rexión con gobernos de dereitas expandiron o discurso da fraude electoral, desencadeándose unha serie de acontecementos que remataron coa saída cara o exilio de Evo Morales e o seu vicepresidente García Linera e o acceso á presidencia de Jeanine Áñez, nunha sesión do parlamento sen quórum e na que só contou co voto dun terzo dos deputados; unha presidenta ilexítima á que lle impuxeron a banda presidencial os militares deixando para o mundo unha imaxe que lembra a das ditaduras militares que houbo no país andino entre 1964 e 1982.
A operación seguiu adiante con actuacións violentas por parte de exército, policía e grupos paramilitares que se dedicaron a atacar a cadros e simpatizantes do MAS e dirixentes sindicais; buscando impoñer o medo entre a poboación mentres se intensificaba a campaña mediática acusando a Evo e ao seu goberno de corrupción e fraude electoral.

A imaxes de policías e militares rezando de xeonllos na rúa antes de entrar en acción, as manifestacións de indíxenas do Alto cara La Paz levando os cadaleitos das persoas asasinadas na represión e a actuación policial disolvendo as marchas e deixando caer os cadaleitos ao chan, foron transmitidas por todas as cadeas de televisión do planeta; pero en vez de provocar unha sensación maioritaria de condena dos golpistas asentaron en grande parte da opinión pública internacional a idea de que os erros do goberno levaran ao pais a unha situación de tensión e enfrontamento, sendo a mellor saída para evitar un baño de sangue o exilio de Evo Morales, e que o goberno provisional organizara a celebración de novas eleccións.

Hai xa varios días que se publicaron no The Washington Post as conclusións da investigación do Laboratorio de Ciencia e Datos Electorais do Massachusetts Institute of Technology (institución nada sospeitosa de ser apoiante de Evo Morales), conclusións que desmenten taxativamente as acusacións de fraude electoral; pero aínda non houbo reaccións por parte de ningún dos gobernos que condenaran ao presidente boliviano.

O 3 de maio repetiranse as eleccións en Bolivia, e desta vez si que podemos falar de fraude electoral, unha fraude electoral que non se circunscribe ao día das votacións; todas as semanas o goberno ilexítimo publica informacións sobre a suposta corrupción no anterior goberno, máis de 5000 funcionarios e familiares de funcionarios próximos ao MAS están sendo investigados de xeito arbitrario, abriuse procedemento xudicial contra Evo Morales, García Linera e todos os seus ministros e ministras, o padrón electoral está a ser limpado, a represión nas zonas que son base de apoio do MAS continúa tentando descabezar as organizacións e impoñer o medo.