Atención ao Brasil


O 5 de outubro celébranse eleccións presidenciais no Brasil e hai unha importante novidade ao respecto das tres últimas celebradas nese país irmán de dimensións continentais, pois tanto Lula en 2002 e 2006 como Dilma Rousseff en 2010 tiveron como principal opositor a un candidato do Partido da Social Democracia Brasileira-PSDB, até o momento o representante da dereita neoliberal . O que aconteza o 5 de outubro é moi posíbel que leve a unha segunda volta distinta na que o candidato á presidencia do PSDB, o senador e anteriormente governador do estado de Minas Gerais Aécio Neves quede fóra e sexa disputada por duas mulleres, Dilma Rousseff e Marina Silva.

A morte en accidente de avión nunhas circusntancias aínda non totalmente esclarecidas o pasado 13 de agosto do candidato presidencial do Partido Socialista Brasileiro-PSB Eduardo Campos levou ao nomeamento de quen era a súa candidata á vice-presidencia, Marina Silva, como candidata presidencial; e ese feito inesperado mudou de xeito radical todas as espectativas e previsións a pouco máis dun mes para a celebración da elección. Hoxe son xa varios os inquéritos que poñen a Marina por diante do PSDB nas votacións do 5 de outubro e hai analistas que falan da posibilidade de que nesa segunda volta poida superar a Dilma e facerse coa presidencia rematando cun período de 12 anos de governo progresista primeiro con Lula e hoxe con Dilma.

Nun artigo que publiquei hai 13 meses sobre os fortes movementos de protesta que se produciron en moitas cidades brasileiras en xuño de 2013 coincidindo coa celebración da chamada Copa das Confederacións de Fútbol sinalaba

No Brasil nos últimos dez anos os gobernos de Lula e Dilma conduciron a un importante avance na calidade de vida da maioría da poboación, reducíndose en moito os niveis de pobreza e avanzándose tanto no ensino como na sanidade, ao tempo traballouse na defensa da soberanía nacional poñéndose continental e internacionalmente a carón de quen traballan pola construción dun mundo multipolar fronte ao imperialismo. Pero importantes sectores de poboación, fundamentalmente mocidade que foi beneficiada por eses avances, están e dicir que non é suficiente.”

A reflexión sobre a necesidade de marcarse novos retos e acometer transformacións de fundo, sen por iso desvalorizar todo o que foi feito neste últimos 12 anos, está presente desde hai tempo en sectores comprometidos co actual governo que son conscientes de que unha importante porcentaxe da povoación brasileira que foi favorecida por esas políticas non ten memoria histórica dada a súa xuventude para facer unha comparativa entre o que ten hoxe e a situación que se vivía antes de 2003 coas presidencias de Collor de Melo e Fernando Henrique Cardoso, neoliberais e entregados aos intereses dos Estados Unidos. Esa importante porcentaxe da povoación ten unhas mellores condicións de vida e un acceso ao consumo e quere seguir mellorando nun momento no que a economía brasileira medra a un ritmo moi inferior.

Hai menos dun ano no seu 13 Congresso o Partido Comunista do Brasil-PCdoB, que integra a alianza liderada polo PT desde o principio advertía “As significativas conquistas em termos de desenvolvimento, distribuição e transferência de renda de uma década não foram suficientes para democratizar o Estado e remover outros obstáculos estruturais políticos, sociais e econômicos herdados em séculos de história – em consequência, o Brasil persiste como um país desigual e injusto. Isto gera tensões sociais permanentes. Assim, impõe-se como inadiável destravar e acelerar as mudanças.”

O inimigo é moi consciente da encrucillada na que se atopa o actual proceso político de transformacións no Brasil e sabe que como bandeira de enganche electoral a promesa de xestionar o conseguido non chega, pois a xente non cre que poida haber marcha atrás perdéndoo, e para apoiar unha opción de futuro precisa propostas atractivas e ilusionantes. O fatal accidente que trouxo como resultado a candidatura de Marina Silva veulles moi ben aos poderes económicos, rendistas e mediáticos que verdadeiramente dirixen as actuacións da dereita brasileira, decatáronse de que hai unha posibilidade de rematar coa presidencia de Dilma por medio dunha candidatura supostamente heterodoxa, pois a foto do cartaz é a de alguén de orixes humildes, sindicalista, ecoloxista e no seu día ministra de Lula que abandonou o governo e o PT por unha suposta defensa da ecoloxía fronte á política desenvolvimentista aplicada por Lula. A candidatura de Marina é presentada polos medios que a apoian como unha terceira vía que se ubica equidistante da dereita tradicional e do neoliberalismo do PSDB e do estatismo que defendería Dilma, unha terceira vía que ademais representa a nova política que non ten nada a ver coa vella política representada por PT e PSDB. Esa é a maquillaxe coa que se envolve o produto chamado Marina Silva pero limpándolle un pouco a faciana atopamos que as súas propostas económicas son neoliberais destacando a defensa da independencia do Banco Central, a aposta pola chamada sociedade civil fronte a un estado que debe enmagrecer, a eliminación das normas que regulan o funcionamento dos sectores produtivos para “deixar a economía respirar”.... E en canto ao de representante da nova política estamos a falar de alguén que xa o foi case todo na vida política brasileira, deputada, senadora, ministra e candidata á presidencia.

Restan cinco semanas e a dereita vai centrar a súa estratexia de campaña nesa figura mesiánica de Marina Silva como ser inmaculado que pode rexenerar a política e a vida d@s brasileir@s aproveitando ademais em palabras do analista político Antônio Augusto de Queiroz “que Marina Silva é uma candidata fortíssima, principalmente se a eleição se der em um nível mais emocional e menos racional, onde se debatam mais princípios do que programas. Isso porque, apesar dela estar há muito tempo na política e já ter exercido diversos mandatos, a população não a identifica como alguém dá velha política. Isso, em um momento em que a população tem ido às ruas exigir mudanças, tem um apelo muito forte”

Fronte a esta estratexia dunha dereita que ten oportunidade de voltar á presidencia mudando o seu cartaz electoral tradicional, os partidos que apoian á actual presidenta non presentan unha candidata coa personalidade de Lula, algo que estivo enriba da mesa e foi debatido nalgúns círculos restrinxidos hai un tempo, pois Dilma é moi distinta.

A coalición Com a Força do Povo que sustenta a candidatura de Dilma Rousseff ten por diante cinco duras semanas de campaña nas que a mensaxe debe ser suficientemente pedagóxica para facer ver ao electorado que todo o avanzado nestes 12 anos forma parte dun programa extendido no tempo, e que no futuro só hai duas alternativas, desandar o camiño feito e por tanto perder as melloras conseguidas ou o asentar as mudanzas e conquistar outras novas.

A xestión de 12 anos de governo, a figura de Dilma como persoa de conviccións e firmeza para liderar o proceso nesta fase, a posta enriba da mesa de novos obxectivos con transformacións estruturais tanto no ámbito económico e social como na necesaria reforma política, a importante presenza de Lula na campaña... Estes catro elementos son básicos pero como di o editorialista do Portal Vermelho José Reinaldo Carvalho o elemento fundamental para a vitoria “São milhões e milhões de eleitores e ativistas, cuja força potencial precisa ser despertada, motivada e mobilizada num momento tão decisivo da vida nacional. Desencadear a força, a energia e a mobilização do povo, infundir-lhe vontade e elevar-lhe a consciência é o dever maior dos que conduzem e protagonizam a luta por mais mudanças e mais conquistas.”