Assange: o cazador cazado

Durante o golpe de Estado contra Chávez en Venezuela, do 11 ao13 de abril de 2002, varias ducias de profesores universitarios, políticos e intelectuais venezolanos revolucionarios tentaron asilarse na embaixada do Estado español en Caracas, utilizando como intermediaria ante o embaixador a unha profesora española de estatística da Universidade Central de Venezuela.
O día despois do golpe de Estado, a dereita venezolana foi na procura (unha caza de bruxas) dos cargos públicos que tiñan responsabilidades no goberno chavista. Casa por casa foron deténdoos sen orde de apresamento nin delito; o actual candidato á presidencia venezolana, Henrique Capriles Radonski, chegou mesmo a dirixir unha masa embrutecida no asedio á embaixada cubana en Caracas ante a sospeita de ter no seu interior asilados do goberno revolucionario bolivariano.
O embaixador español, de orixes galegas, Manuel Viturro de la Torre1, negouse a recibir na sede diplomática dos españois aos profesores universitarios, alegando ante a interlocutora que o asilo diplomático era unha figura xurídica propia dos países latinoaméricanos2. A profesora espetoulle a Viturro de la Torre que a embaixada francesa en Caracas tiña 60 asilados e non era unha república latinoamericana, feito este que pouco lle importou ao embaixador de Aznar en Caracas.
,Os feitos
As legacións diplomáticas latinoamericanas no Madrid sitiado polas tropas fascistas (1936-1939) acolleron centos de españois. O lehendakari José Antonio Agirre e a súa dona viviron con pasaportes (panameño e venezolano) na Alemaña nazi.
O consulado chileno de Gabriela Mistral en Lisboa acubillou o ourensán do POUM Alberto Fernández «Mezquita», que foi detido pola policía do réxime salazarista cando daba un paseo pero non no interior da legación diplomática.
Cinco anos viviu o líder e fundador do APRA, Víctor Raúl Haya de la Torre na sede da legación diplomática colombiana en Lima (1949-1954), ante a negativa do presidente-xeneral Manuel Odría de concederlle o salvoconduto para saír da embaixada e poder marchar do Perú.
Assange
O goberno británico ameaza con suspender o estatus diplomático da embaixada de Ecuador se lle concede o asilo político a Julian Assange – sería a primeira vez en Occidente que isto acontecese- e asaltar a «ex embaixada» como un domicilio particular en que se agocha un «delincuente».
Salvando as distancias que o cinismo e diplomacia do mísil de Occidente impón ante os desvalidos e potenciais vítimas de medio mundo, a ameaza británica lembra a fosa que o xeneral Odría mandou cavar arredor da embaixada colombiana en Lima.
Mentres a ditadura de Salazar en 1936 agardou o paseo do confiado Mezquita para secuestralo e entregalo aos fascistas de Franco, os «civilizados» europeos (neste caso os británicos) argallan como violar, unha vez máis, as leis e tratados que eles mesmos asinan, impoñen e utilizan para o seu único proveito.
1. Os embaixadores de Estados Unidos, Charles Shapiro, e o do Estado español, Manuel Viturro de la Torre foron os únicos que visitaron o presidente golpista Pedro Carmona Estanga un día despois do golpe de Estado.
2. Conversa persoal coa profesora despois dos feitos aquí narrados. No Estado español a figura do asilo político está regulada pola Lei 12/2009, do 30 de outubro.