As sublevacións seguen no Norte da África e en Arabia

As sublevacións seguen no Norte da África e en Arabia

Desde que os focos dos medios de comunicación corporatistas se centraron en Libia, nas súas reservas de petróleo e no perigo real dunha intervención militar por parte dos EUA a través da OTAN, os alzamentos populares masivos que están a sacudir varios outros países, desde o Norte da África até a Península Arábica case poderían caeron no esquecemento.

Tunisia foi o primeiro país onde dez millóns de persoas conseguiron, o día 14 de xaneiro, derrocar unha ditadura atrincheirada que gozaba do apoio do campo imperialista. Esta primeira vaga revolucionaria obrigou a Zine el Abidine Ben Ali a fuxir do país xunto co resto da súa familia corrupta.

A partir de entón, o primeiro ministro, Mohamed Ghannouchi, no cargo desde 1998, seguiu á cabeza do goberno, mais o movemento de masas que exixía a dimisión de Ghannouchi comezou a minguar desde principios de febreiro.

Xurdiu, no entanto, unha segunda vaga de revolución. Segundo relata Alma Allende desde Tunes, capital do país, unhas 100.000 persoas volveron ocupar a Praza do Casbah entre o 25-26 de febreiro. Desta vez, a ocupación, na que desempeñaron un papel importante a federación sindical da UGTT, partidos políticos e outras organizacións de masa, estaba perfectamente organizada.

O 27 de febreiro, Ghannouchi dimitiu. Dous días despois renunciaron tamén outros dous ex-ministros do antigo réxime de Ben Ali, nomeadamente o ministro de industria e o ministro de finanzas. Máis tarde, outros catro ministros vinculados ao antigo réxime tamén anunciaron a súa dimisión.

Na seguinte fin de semana, o goberno comprometeuse a formar unha Asemblea Constituínte nun prazo de catro meses e medio e a convocar eleccións para o vindeiro mes de xullo. A morna aceptación desta proposta puxo fin á segunda ocupación da Praza do Casbah.

Exipto, coa súa poboación de 85 millóns, deixou o mundo abraiado cando os levantamentos populares acabaron cos trinta anos de ditadura de Hosni Mubarak, apoiado polos EUA, e o obrigaron a deixar o cargo e fuxir para o destino turístico de Sharm El-Sheik. Un consello formado por altos mandos das forzas armadas exipcias fíxose co poder e desde entón emitiu varios comunicados co propósito de "restabelecer a orde", aínda que iso non quer dicir que se estean a acatar todos estes seus pronunciamentos.

As manifestacións seguiron, e do 25 ao 26 de febreiro informouse de que a concentración na Praza de Tahrir no centro do Cairo, foco nacional da revolta anterior do 11 de febreiro, estaba tan concorrida como calquera das citas anteriores.

O 4 e 5 de marzo, o foco das manifestacións mudou, pasando a centrarse nas oficinas dos odiados Servizos de Seguridade do Estado, co asalto das súas sedes en Alexandría e O Cairo por milleiros de manifestantes. A oposición anti-Mubarak dixo que os manifestantes levaron os arquivos para evitar que as autoridades policiais os destruísen para encubrir os seus crimes.

O réxime de Mubarak fora un aliado privilexiado de Washington e servira de base estratéxica para os EUA se faceren co control da rexión co fin de defender os seus propios intereses e os de Israel.

Tanto no caso de Exipto como no de Tunisia, a estratexia dos imperialistas e dos dirixentes para evitar que o levantamento revolucionario acabase con eles parece seguir a máxima popularizada pola novela histórica italiana de éxito O leopardo, de Giuseppe Tomasi di Lampedusa. Esta novela relata o acontecido en Sicilia durante o movemento de unificación italiana nos anos 1860: "Se queremos que as cousas sigan como están, di un mozo aristócrata, as cousas terán que mudar."

Nalgúns outros países da rexión, os dirixentes non pensan deixarse destituír, e os imperialistas tampouco dispoñen de alternativas viábeis.
,
En Bahrein, os manifestantes levan nas rúas desde hai máis de tres semanas exixindo a fin do reinado do monarca Hamad bin Isa al-Khalifa. A primeira tentativa de ocupar a Praza da Perla no centro de Manama acabou en traxedia cando as forzas de seguridade abriron fogo sobre os manifestantes mentres durmían, matando sete deles. Manama é a capital dun país que se fixo rico grazas ao petróleo, onde máis da metade dos seus 1,2 millóns de habitantes son traballadores estranxeiros, todos vivindo nunha illa cun tamaño de 48 km de norte a sur e 16 km de este a oeste, 92% da cal é desértica.

A Quinta Flota da Armada dos Estados Unidos está radicada en Bahrein e o Pentágono non só foi quen subministrou todas as armas a Bahrein até agora, senón que tamén segue a apoiar o brutal monarca. Este importante centro petroleiro e financeiro está conectado con Arabia Saudita mediante os 26 km da ponte do Rei Fahd e fica a tan só 240 km de Irán no outro lado do Golfo Pérsico. Esta mesma ponte serviu para mandar tanques desde Arabia Saudita para reforzar o poderío militar do rei bahreiní á hora de aplacar os manifestantes. O 25 de febreiro rexistrou manifestacións masivas na Praza da Perla, onde se xuntaron unhas 200.000 persoas. O día 28 de febreiro, os manifestantes rodearon o Parlamento e impediron a celebración dunha reunión da cámara alta, cuxos membros son nomeados directamente polo rei, segundo informou a axencia de noticias Xinhua (28/02/2011).

Do 4 ao 5 de marzo, milleiros de manifestantes marcharon da Praza para asediaren o Palacio Al-Kudaibiya, onde se reúne o réxime cada domingo. As forzas de seguridade tomaron posición. "O pobo exixe a fin do réxime", foi o grito da multitude, segundo a axencia France-Presse (05/03/2011).

Iemen, situado no extremo sueste da Península Arábica e máis pobre que Bahrein e sen os seus recursos petrolíferos, conta cunha poboación de 23,5 millóns de persoas, case tantas como o seu xigantesco veciño, Arabia Saudita. Neste país, a oposición fixo un chamamento para incrementar aínda máis as protestas para que o Presidente, Ali Abdullah Saleh, que xa anunciou que non se vai volver presentar ás eleccións previstas para 2013, se vexa obrigado a dimitir.

O 3 de marzo, segundo o Wall Street Journal (05/03/2011), unhas 30.000 persoas tomaron as rúas do centro da capital Sana, exixindo a dimisión do Presidente Saleh. Segundo fontes do mesmo xornal, unha marcha coas mesmas consignas celebrada nunha cidade a 160 km da capital foi bombardeada polo exército, deixando oito vítimas mortais.

Existe moita resistencia a facer concesións, nin sequera das máis superficiais, ao movemento de masas, non só por parte dos dirixentes do Iemen e Bahrein, mais tamén por parte de Arabia Saudita, onde a familia real xa decretou a prohibición de calquera manifestación convocada polas forzas da oposición.

Por John Catalinotto (tradución de Robert Neal Baxter)
Publicado en http://www.workers.org